Onesimos Nesib (ou Onesimoos Nasiib na ortografía moderna do oromo), nado ca. 1856 e finado o 21 de xuño de 1931, foi un oromo que se converteu ao cristianismo luterano e traduciu a Biblia á lingua oromo. Recibiu dos seus pais o nome de Hika e tras converterse tomou o nome de "Onesinos". Conmemórano os luteranos norteamericanos o 21 de xuño[1] ao estar no calendario de santos do Lutheran Book of Worship. A Igrexa Evanxélica Etíope Mekane Yesus deulle o seu nome ao seu seminario en Adís Abeba.
Traxectoria
Naceu nunha aldea próxima a Hurumu na Etiopía moderna, Onesimos perdeu a seu pai cando tiña catro anos. Segundo o seu propio relato secuestrárono escravistas en 1869 e pasou polas mans de oito propietarios ata liberalo o explorador Werner Munzinger en Massawa, e puido logo formarse na veciña Misión Evaxélica Sueca en Imkullu.[2] Alí destacou como bo estudante e recibiu o bautismo o domingo de Pascua (31 de marzo) de 1872. Os responsables da misión enviárono a estudar ao seminario teolóxico Johannelund na cidade sueca de Bromma ata a súa volta cinco anos despois á cidade de Massawa, coa intención en volver cos macca, o subgrupo oromo ao que pertencía Nesib. Por mor das restriccións impostas por Menelik II aos misioneiros estranxeiros tentou chegar a Welega a través do Sudán central. A súa expedición non logrou pasar de Asosa e viuse forzada a volver á vila fronteiriza exipcia de Famaka, para regresar posteriormente a Khartún, onde chegou o 10 de abril de 1882 durante a Guerra Mahdista e cos integrantes doentes pola febre[3], non obstante conseguiu chegar á misión de Imkullu. Mentres esperaba acontecementos comezou a primeira das súas traducións bíblicas ao oromo. En 1886 tras outra viaxe fracasada para chegar a territorio oromo principiou a traducir a Biblia enteira.
Pero a Onesimos faltáballe léxico e a forza da lingua por canto vivira fóra da súa área lingüística natal dende a infancia, así e todo logrou a axuda de Aster Ganno (1874–1964), unha moza nova que viñera á misión de Imkullu tras capturar un navío italiano un barco negreiro no Iemen e que lle proporcionou moito do material para a tradución do Novo Testamento, mais tamén aproveitou unha tradución anteiror [4] e finalmente saíu do prelo en 1893 e en 1899 publicouse a Biblia enteira, obra á que dedicara dezasete anos e que rematara en 1897 dedicando dous anos á súa revisión completa.
En 1904 Onesimos logrou establecerse en Welega, no lugar de Nedjo e alí predicou na lingua oromo, que os sacerdotes da Igrexa etíope ignoraban, o que lles levou á hostilidade e mais tamén acusárono de blasfemia contra a Virxe María. Conducido ao Abuna Mattheos en maio de 1906, pediu o seu exiliio, así e todo o emperador Menelik permitiulle asentarse en Nekemte, mais xa non podería predicar.[5]
Así Onesimos limitou as súas accións públicas no anos seguintes a ensinar na súa escola de Nekemte ata 1916 cando o emperador Iyasu V lle deu permiso para predicar a súa fe.
Publicacións
- Galata waqayo Gofta Macha, 1887 (libro de himnos e salmos)
- Kakku Hara, 1893 (Novo Testamento)
- Jalqaba Barsisa, 1894. (con Aster Ganno, libro de ortografía oromo)
- Macaafa Qulqulluu, 1899. (Biblia)
- Garaan Namaa Mana Waaqayo yookiis Iddo Bultii Seetana, 1899 (tradución de Das Herz des Menschen, ein Tempel Gottes, oder eine Werkstätte des Satans de Johannes Gossner[6])
- Katekismos, 1899 (catecismo de Lutero)
- Si'a Lama Oduu Shantami-Lama, 1899 (con Aster Ganno, tradución de Zweymal zwey und fünfzig biblische Geschichten für Schulen und Familien de Christian Gottlob Barth)
Notas