O centeo na cultura popular galega
Locucións
Bourar nalguén coma en centeo verde : dise cando lle dan unha malleira a alguén [ 1] .
Refraneiro
Espiga de centeo infectada de cornizó.
A chuvia na semana da Ascensión, leva o centeo e deixa o relón [ 2] .
Centeo alto ou baixo, en maio espigado, que tardeiro ou temperau, en maio ha telo grau [ 3] .
Centeo alto ou baixo en marzo espigado, que tarde ou temprán ha de quedar en maio o gran .
Chuvia en febreiro, bo prado e bo centeo [ 2] .
En febreiro, saca o boi do teu centeo [ 4] .
Leiracho lereu, por san Xurxo no centeu [ 5] .
O centeo, basto na hucha e non no terreo [ 3] [ 6] .
O pan centeo é bo cando é alleo [ 7] .
O pan trigo e centeo máis val na barriga que no seo .
O pantrigo e o centeo, val máis na barriga que no seo [ 8] .
O trigo centeoso fai un pan moi proveitoso .
Pan albeiro ou pan centeo, millor quero do meu que do alleo [ 7] .
Pan centeo, antes comido que no seo [ 7] .
Pan centeo, millor no meu papo que no alleo [ 7] .
Pan de trigo ou de centeo, quéroo máis no meu ventre que no alleo [ 7] .
Quen ó sementar é mesquiño, prá seitura escusa fouciño [ 9] .
Trigo centeoso, pan proveitoso [ 10] .
Viño acedo, touciño vello e pan centeo, sosteñen a casa en peso [ 11] .
O día de San Bernabeu , o 11 de xuño, adoita considerarse idóneo para a sega do centeo [ 12] :
Día de San Bernabeu, está o sol no máis alto do ceu. [ 12]
Día de San Bernabel, nin na terra nin no fardel. [ 12]
O día de San Bernabé creba o centeo polo pé. [ 12]
Cantigueiro
Ai, roxiña, roxiña do pelo,/ vén comigo a mallar o centeo,/ o centeo, o centeo, a cebada,/ ai, roxiña, miña namorada [ 13] .
Ai, roxiña, roxiña do pelo,/ vén comigo malla-lo centeo,/ o centeo, o centeo, a cebada,/ vén, roxiña, miña namorada [ 14] .
Cálate e vaite calando,/ cara de criba centeo;/ desque tiveche as vexigas/ pareces un cordocelo [ 15] .
Delgadiña de cintura/ como a palla do centeo,/ chégate a min, delgadiña,/ que non teño outro remedio [ 16] .
Esta noite hei de ir alá,/ meniña, non teñas medo,/ déixame a porta atrancada/ cunha palla de centeo [ 17] .
Eu casar, ben me casaba,/ pero témolle ó que temo/ que é andar cun saco ás costas: / por eiquí venden centeo [ 18] .
Eu casar, ben me casaba,/ recear, ben o recelo;/ eso de andar perguntando/ onde se vende o centeo [ 19] .
Eu casar ben me casaba,/ recear ben o receo,/ sinto de andar perguntando/ a como vale o centeo .
Mariquiña da forneira,/ se coceres faime un bolo;/ se mo fas, faimo de trigo,/ que centeo non cho como [ 20] .
Quédate con Dios, Ourense,/ coas túas camas de seda,/ que eu voume pra miña terra/ dormir en palla centea [ 21] .
Notas
↑ Eladio Rodríguez González, s. v. bourar .
↑ 2,0 2,1 Eladio Rodríguez González, s. v. chuvia .
↑ 3,0 3,1 Eladio Rodríguez González, s. v. centeo .
↑ Eladio Rodríguez González, s. v. febreiro .
↑ A fonte, Esmorís Recamán, describe o leiracho como a un paxaro parecido á rula, de penuxe amarela verduxa e carne moi estimada. Ben pode tratarse do ouriolo.
↑ Marcial Valladares Núñez (1884). No orixinal: n'a hucha , n'o terreo .
↑ 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 Eladio Rodríguez González, s. v. pan .
↑ Eladio Rodríguez González, s. v. pantrigo .
↑ Eladio Rodríguez González, s. v. seitura . Nas terras do pan chaman mes da seitura ó mes de xullo (tamén se chama así ó mes de agosto).
↑ Eladio Rodríguez González, s. v. trigo .
↑ Eladio Rodríguez González, s. v. viño .
↑ 12,0 12,1 12,2 12,3 Ferro Ruibal, Xesús; et alii (1992). Diccionario dos nomes galegos . Ir Indo.
↑ Fermín Bouza Brey 1929, 176
↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 34. No orixinal: ven, mallalo .
↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 54. A criba para o centeo ten os buratos máis grandes, de aí a comparación con que está picado das vexigas; cordocelo non é máis que unha esixencia da rima.
↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 68.
↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 77.
↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 229.
↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 79. No orixinal: beno recelo .
↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 93.
↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 137.
Véxase tamén
Bibliografía
BOUZA BREY, Fermín : "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II].
LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín : Cantigueiro popular da Limia Baixa , Galaxia, Vigo 1973.
RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio : Diccionario enciclopédico gallego-castellano , Galaxia, Vigo 1958-1961.
VALLADARES NÚÑEZ, Marcial : Diccionario gallego-castellano , Santiago, Imp. Seminario Conciliar 1884.
Etnografía galega
Meses do ano Cores Animais Alimentos Vexetais Outros