Numismática galega. A moeda en Galicia e Galicia na moeda é un libro do filólogo e numismático Ricardo Luís Pita Fernández, publicado en 1999 en Santiago de Compostela polo Círculo Filatélico e Numismático Sant-Yago, cando o autor era o seu presidente.[1][2]
Contido
Logo de caracterizar a circulación de moeda en Galicia ao longo da historia, desde a etapa prerromana non monetaria ata a actualidade, achega datos salientables da historia e da actividade das cecas ou casas de moeda situadas en lugares como Lugo, Ourense, Tui, Valdeorras, Santiago de Compostela, A Coruña, Xuvia e outros, e aborda tamén diversos tipos de emisións monetarias que gardan relación con Galicia, como as inglesas a nome da raíña Ana cuñadas con metais requisados na ría de Vigo durante a Batalla de Rande ou as realizadas por balnearios galegos ou entidades como a Festa da Istoria, en Ribadavia, ou Bemposta, en Ourense.
Nas súas páxinas finais engádese un anexo de léxico numismático galego e unha colleita de refráns galegos baseados na moeda e o diñeiro.
Relevancia
Malia estar dispoñible unicamente en galego, desde a súa presentación no panorama numismático español na XLIII Convención Numismática (2000) da Sociedad Numismática Avilesina, chegou a converterse nunha obra de referencia no seu ámbito en todo o Estado, xunto coa obra de Paz Bernardo Las monedas acuñadas en Galicia, máis centrada esta última na catalogación de pezas que no tratamento das vicisitudes históricas.[3][4][5][6]
Notas
- ↑ Ficha do libro (con ISBN 978-84-605-9958-6) na base de datos do ISBN de España.
- ↑ Datos biográficos do autor na lapela da portada do libro: [...] licenciado en filoloxía Galega e Portuguesa pola Universidade de Santiago. [...] Participou como conferenciante [...] nas I Xornadas de Numismática do Círculo Filatélico-Numismático Sant-Yago [...] que actualmente preside. [...] É colaborador habitual en diversas revisas, como a madrileña Crónica Numismática.
- ↑ Nova da presentación do libro en Asturias. La Nueva España. Avilés. 16 de abril de 2000.
- ↑ Sociedad Iberoamericana de Estudios Numismáticos: El 14 de abril la Sociedad Numismática Avilesina presentó el libro A moeda en Galicia e Galicia na moeda, cuyo autor, Ricardo Luis Pita Fernández, pronunció a continuación una conferencia sobre Numismática Gallega. Ver documento.
- ↑ Recensión do libro na revista especializada Crónica Numismática. Nº 113. Madrid. 15 de marzo de 2000. Páxina 34.
- ↑ Paz Bernardo, Jaime. Las monedas acuñadas en Galicia. Numismática Paz. 1992 [ISBN 978-84-604-3085-8]
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas