A neurohipófise, hipófise posterior ou pituitaria posterior comprende o lóbulo posterior da hipófise ou pituitaria do encéfalo e forma parte do sistema endócrino. Malia o seu nome, a neurohipófise non é unha verdadeira glándula per se; senón máis ben está formada en gran parte por un conxunto de proxeccións axónicas procedentes do hipotálamo que terminan alí. Almacena e segrega hormonas (oxitocina, vasopresina)[1], pero estas sintetizáronse no hipotálamo.
Embrioloxicamente a neurohipófise orixínase como un divertículo da base do diencéfalo[2], polo que ten unha orixe distinta da adenohipófise (derivada da bolsa de Rathke, un divertículo do estomodeo) [3].
A división anatómica da neurohipófise varía, pero a maioría das fontes divídena en tres rexións:
Pars nervosa
tamén chamada lóbulo neural ou lóbulo posterior. Esta rexión constitúe a maior parte do volume da neurohipófise e é o lugar onde se almacenan as hormonas oxitocina e vasopresina. Ás veces considérase (incorrectamente) sinónimo de neurohipófise. A pars nervosa inclúe os corpos de Herring e pituicitos.[4]
Talo infundibular
tamén chamado infundíbulo ou talo da pituitaria. O talo infundibular une os sistemas hipotalámico e hipofisario.
Eminencia media
só ás veces se inclúe como parte da neurohipófise. Outras fontes exclúena especificamente da hipófise.[5]
Unhas poucas fontes inclúen a pars intermedia da hipófise na neurohipófise, pero esta é unha opinión minoritaria. Os partidarios desta opción baséanse en que hai unha grosa separación anatómica entre a neurohipófise e a adenohipófise ao longo dos restos da bolsa de Rathke, que fai que a pars intermedia permaneza unida á neurohipófise.
Hormonas segregadas
As hormonas que se liberan na neurohipófise son sintetizadas polo hipotálamo, pero se almacenan e segregan na neurohipófise á circulación sanguínea.