Os corpos de Herring ou corpos neurosecretores son estruturas que se encontran na neurohipófise. Representan os corpos terminais dos axóns do hipotálamo, e nesas localizacións son almacenadas temporalmente hormonas en vesículas. Son, pois terminais neurosecretores que permiten que a secreción desas hormonas sexa pulsátil e en cantidades maiores do que se podería imaxinar en caso de que non houbese ese almacenamento de vesículas nas terminacións axonais.[1]
A hormona antidiurética (ADH) e a oxitocina son hormonas que se almacenan en corpos de Herring, pero non se almacenan simultaneamente no mesmo corpo de Herring.[2]
Ademais, cada corpo de Herring contén tamén ATP e un tipo de proteína neurofisina. As neurofisinas son proteínas carrexadoras que se unen a hormonas, das cales hai dous tipos: neurofisina I, que se une á ADH, e neurofisina II, que se une á oxitocina. As neurofisinas e a súa hormona respectiva forman un complexo proteico, que adoita considerarse unha única proteína, e almacénanse na neurohipófise. Cando se estimula o hipotálamo, os gránulos secretores liberan ditas hormonas no torrente sanguíneo. As fibras dos núcleos supraópticos están relacionadas coa secreción de ADH, mentres que as dos núcleos paraventriculares coa de oxitocina.[3]
Esta estrutura anatómica foi descrita prmeiramente por Percy Theodore Herring en 1908, de aí o seu nome.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
- Medical Physiology. Walter F. Boron, Emile L. Boulpaep. ISBN 9781416031154
- R. Vazquez, P. Amat: The ultrastructure of the Herring bodies in rats subjected to different experimental conditions. In: Cell and Tissue Research 189/1978, S. 41–51. PMID 667909
Ligazóns externas