En 1505, o papa Xulio II encomendou a súa tumba ao artista florentino. O proxecto orixinal estaba formado por unha estrutura independente, sen apoio, de tres niveis, con aproximadamente 40 estatuas. Entre elas, a estatua de Moisés salientaría cun pedestal de aproximadamente 3,74 metros de altura e estaría en oposición con outra escultura de San Paulo de Tarso.[2] Trala morte do papa en 1513[3][4], a escala do proxecto reduciuse paulatinamente ata que, en 1542, un contrato final especificou unha tumba cun muro sinxelo e con menos dun terzo das figuras incluídas no proxecto orixinal, atopándose a figura de Moisés no espazo central na seción inferior do monumento. A obra non rematou até 1545.
A estatua foi finalizada durante unha das reanudacións do traballo en 1513. Deseñado para ser visto dende abaixo, e equilibrado por outras sete enormes figuras de temática similar, o Moisés actual, no seu contexto final comparado co proxecto orixinal, dificilmente pode ter o impacto desexado polo artista.
O líder de Israel preséntase sentado, coas Táboas da Lei debaixo do brazo, mentres que coa outra man acaricia os rizos da súa barba. Neste caso concreto, o artista quixo que a escultura de Moisés amosase a súa reacción furiosa cando, despois de recibir os mandamentos de Deus e baixar do Monte Sinaí, descobre que o seu pobo tivera abandonado a adoración Xehová e voltara á idolatría, adorando agora ao becerro de ouro. De novo, Michelangelo emprega unha cabeza virada, concentrando unha expresión de tremenda ira que se reflicte tamén na poderosa constitución da estatua e nos seus ollos: é o que se denomina co concepto italiano de "terribilitá",[5] que se explicaría como unha furia ou unha tensión interna contida. Vemos esta técnica na cara furiosa, o ollar fulminante, o corpo titánico e robusto, a forza muscular de toda a escultura, o dinamismo das dúas pernas en posición de erguerse, mesmo o xesto do brazo esquerdo, cos dedos tensos apertando o moi longa barba. En definitiva, o patriarca mostrase cheo de forza e rabia que xorde da visión impía.
O material empregado é o mármore, o que dá un naturalismo realmente impresionante á obra. O mármore branco, xunto coa luz e os pregos da roupa, fai que a figura teña un certo volume e un gran realismo. Salientan a perfección da anatomía, a expresión do rostro e os músculos en tensión, estes últimos que fan parecer que Moisés se erguerá cheo de furia e rabia. Podemos ver na escultura as características do estilo renacentista, como o naturalismo, a procura da beleza e interese en anatomía humana.
Análise
A relevancia dos detalles do corpo e das dobras das roupaxes, que provocan certa tensión psíquica, pódese apreciar estudando minuciosamente a escultura: a protuberancia dos músculos, o inchazo das veas, as grandes pernas, pesadas ao empezar a moverse. Tal e como afirma un escritor, se este titán se erguese, o mundo rompería en anacos. Michelangelo leva a cólera sagrada de Moisés ata o seu punto máis álxido. Non obstante, aparece contida, posto que os pasionais seres do artista teñen prohibida a liberación das súas enerxías. É unha representación neoplatónica, a parte dereita está estable, é a parte divina, por onde lle vén a inspiración, en contraposición a parte esquerda é a parte por onde lle vén o perigo e o mal. Está tenso, vendo como o seu pobo caeu na idolatría. Ten catro elementos neoplatónicos, a terra, representada na perna coas dobras da roupa a xeito de cova. O aire cando respira, percíbese nas aletas do seu nariz, que se expanden. A auga representada nas súas barbas a xeito de fervenza. O lume representados con eses "cornos" (en pintura era doado de representar, cunha luz detrás do personaxe, pero en escultura tivo que empregar este artificio). O sangue flúe de xeito contido, parece que está a apunto de estalar e empezar a berrar, pon cara de non, a súa psique pódese captar a través do seu xesto e o seu mirada,podemos ver o seu pensamento, é un traballo psicolóxico moi estudado.
Cornos
A estatua represéntase con cornos na súa cabeza.[6][7][8][9]< Crese que esta característica procede dun erro na tradución por parte de San Xerome do capítulo do Éxodo, 34:29-356.[10] Neste texto, Moisés caracterízase por ter karan ohr panav ("un rostro do que emanaban raios de luz"),[11] o que San Xerome na Vulgata traduciu por cornuta esset facies sua ("o seu rostro era cornudo"). O erro na tradución é posíbel debido a que a raíz trilítera hebrea krn (en hebreo, as vogais non se escriben) pode ser interpretada "keren", luminosidade, resplandor, ou "karan", corno. Porén, como comenta María Barbero[12], outros investigadores e tradutores dan por boa a versión de San Xerome e sosteñen a vixencia da tradución de "cornos". Tamén Mellinkoff opina que Xerome entende Keren como unha metáfora de "gloria", especialmente, como demontra no seu Comentario sobre Ezequiel, onde escribe que a facianda de Moisés "foi transformada en "gloriosa", ou, como se diría en hebreo, "cornudo".[13][14]
En culturas antigas, coetáneas á escritura da Biblia ou a San Xerome, o feito de representar con cornos algún personaxe importante era unha forma de indicar a súa autoridade e, mesmo, a súa divindade. Por outra banda, tamén afirma Mellinkoff, que na Idade Media e no Renacemento, comprendíase claramente a metáfora[15] posto que a primeira representación de Moisés con cornos apareceu nun un manuscritoanglosaxón do século XI (ca. 1050), unha paráfrase do Pentateuco e Xosué escrita polo monxe Aelfric.[16] Nos seguintes 150 anos, apenas hai representacións de Moisés con cornos[17] pero, de novo, imaxes semellantes foron usuais dende entón en toda Europa Occidental coma nos vitrais das catedrais de Chartres e Notre-Dame e na Sainte-Chapelle.[18]
Nas Biblias italianas do século XV e XVI aparece que "Moisés baixou do Monte Sinaí con cornos que sobresaen da pel da súa cara" pero a súa representación con cornos decaeu dun xeito moi abrupto.[19] Cando Michelangelo esculpiu o Moisés o erro de tradución xa fora advertido, e os artistas da época substituíran, na representación de Moisés, os cornos por dous raios de luz. Non obstante, Michelangelo preferiu manter a iconografía anterior.
Nun libro aparecido en 2008, o rabino Benjamin Blech enunciou a hipótese de que, na localización orixinal, os "cornos" non estaban destinados a ser visibles e que é erróneo interpretalos dese xeito:
"[A estatua] nunca tivo cornos. O artista concibira a Moisés como unha obra mestra non só da escultura, senón tamén dos efectos ópticos especiais dignos de calquera película de Hollywood. Por esta razón, a peza tivo que ser elevada e [colocada] mirando cara adiante, mirando en dirección á porta principal da basílica. As dúas protuberancias na cabeza serían invisibles para o espectador mirando cara arriba dede o piso de abaixo, o único que se tería visto era a luz reflectida neles creando a sensación de que da cabeza de Moisés irradiaba un fulgor sobrenatural "[20]
No momento presente, esta é unha hipótese que está cuestionada.[21]
Restauración
En decembro de 2003, rematou unha restauración levada a cabo por Antonio forcellino durante case cinco anos. Ademais de para limpar as estatuas, a restauración conseguiu reabrir unha pequena fenda por tras do grupo escultórico que permitía introducir un foco de luz que iluminaba, orixinalmente a estatua, e que fora cuberta cunha fiestra.[22]
Cultura popular
Michelangelo pensaba que o Moisés era a súa creación máis realista. A lenda conta que, ao rematalo, o artista golpeou o xeonllo dereito da estatua e lle dixo " porque non me falas? " sentindo que a única cousa que faltaba por extraer do mármore era a propia vida. No xeonllo dereito pódese atopar a marca de Michelangelo ao golpear ao seu Moisés.[23][24]
O traballo de Michelangelo inspirou outra estatua de Moisés na Fontana dell'Acqua Felice, pero esta de moi discreta calidade.
Notas
↑Sweetser, Moses Foster (1878), Michel Angelo, Boston, Houghton, Osgood and company