As moedas do milenario de Leif Eriksson responden a unha emisión conxunta dos Estados Unidos e da República de Islandia para conmemorar o milenario da descuberta do Novo Mundo polo explorador viquingo Leif Eriksson (970-1020).
Trátase de dúas moedas de prata de características métricas idénticas, ambas producidas pola US Mint na súa Ceca de Filadelfia, cos valores faciais dun dólar e de 1.000 coroas, respectivamente.[1][2]
Dez dólares de cada unha das moedas vendidas desta serie foron destinados á Fundación Leifur Eiriksson, coparticipada pola Universidade de Virxinia e o Banco Nacional de Islandia, para financiar intercambios de estudantes de posgrao entrambos os países.[1][2]
Dólar de prata dos Estados Unidos
Esta moeda foi autorizada pola Lei 106-126, do 6 de decembro de 1999,[3] pola que se dispuxo a devandita emisión conxunta.[1]
Deseño
No anverso da moeda, obra do gravador da Casa da Moeda dos Estados Unidos John Mercanti, reprodúcese un retrato de Leif Eriksson de perfil, ao estilo das moedas tradicionais islandesas, rodeado polo seu nome en escrita latina, LEIF ERICSON, así como os lemas IN GOD WE TRUST ("En Deus confiamos") e LIBERTY ("Liberdade"), tradicionais das moedas estadounidenses, e coa data no exergo.[1][2]
Pola súa banda, o reverso, deseñado e gravado por James Ferrell, representa un clásico barco viquingo a toda vela que se achega ao Novo Mundo, con Leif Eriksson ao temón. Na parte superior aparece a lenda FOUNDER OF THE NEW WORLD ("Fundador do Novo Mundo") e na inferior UNITED STATES OF AMERICA; á esquerda do barco o lema E PLURIBUS UNUM e á súa dereita o valor facial en letra, ONE DOLLAR.[1][2]
Produción e comercialización
A lei que autorizou a emisión destas moedas conmemorativas prevía unha tiraxe máxina de 500.000 exemplares.[3] A moeda produciuse na Casa da Moeda de Filadelfia e a emisión estivo dispoñible para a súa adquisición por parte da poboación desde o 21 de xuño de 2000 ata o 28 de febreiro de 2001.[1][2]
A súa produción foi de 28.150 moedas na súa condición estándar e 144.748 en versión con acabamento especial (proof) o que fai un total de 172.898 exemplares.[2][4]
A moeda comercializouse aos prezos de 32 dólares en condición estándar e 37 en versión proof.[2]
Recoñecementos
O dólar de prata do milenario de Leif Eriksson foi recoñecido co Premio Moeda do Ano de 2002, á moeda de maior relevancia histórica e á mellor moeda emitida no mundo en 2000.[5]
1.000 coroas de Islandia
1.000 coroas de Islandia
|
|
A/: Retrato de Leif Eriksson camiñando cara á esquerda, con vestimenta militar e machada na man. Data marcas de deseñador (THM) e de gravador (JM).
Lendas: · LEIFUR EIRÍKSSON SONUR ÍSLANDS · / 1000 / 2000 / FUNDUR NORÐUR-AMERÍKU
|
R/: Elementos estilizados do escudo de Islandia. Marca de gravador (JM).
Lendas: 1000 EITT ÞÚSUND KRÓNUR / ÍSLAND
|
- Valor: 1.000 coroas.
- Gravador: Throstur Magnusson.
- Datas de emisión: 2007
- Ceca: US Mint: Ceca de Filadelfia (P).
- Tiraxe: 102.083 exemplares.
- Aliaxe: 90 % prata e 10 % cobre.
- Diámetro: 38,1 mm.
- Peso: 26,73 g.
- Espesor: 2,8 mm.
- Canto: estriado.
|
A moeda islandesa desta serie foi cuñada tamén na Casa da Moeda de Filadelfia, aínda que neste caso carece de marca de ceca. A súa tiraxe máxima autorizada foi de 150.000 exemplares,[1] dos que finalmente se cuñaron unicamente 102.083, todos eles en condición proof.[4]
Deseño
O anverso desta moeda foi deseñado por Throstur Magnusson e gravado por John Mercanti, e nel represéntase un retrato de Eriksson reinterpretado a partir da estatua elaborada por Stirling Calder, regalada en 1930 ao Goberno Islandés polos EEUU para conmemorar o milenario do Parlamento de Islandia. [1] A tradución das lendas deste anverso é: "Leif Eriksson, fillo de Islandia, fundador de Norteamérica.[6]
Pola súa banda, o reverso, obra do mesmo deseñador e do gravador T. James Ferrell, está caracterizado por unha estilización dos catro elementos que se integran no escudo de armas de Islandia, tamén presente noutras emisións dese país, que son os catro espíritos protectores tradicionais dos puntos cardinais do país: o touro Griðungur, a aguia Gammur, o dragón Dreki e o xigante Bergrisi. Na parte superior a lenda indica o valor facial e na inferior o nome do país emisor.[1][6]
Notas
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 "Leif Ericson Millennium Commemorative Coins". United States Mint.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 "1 Dollar Leif Ericson Millennium". Numista.com
- ↑ 3,0 3,1 "Public Law 106-126 - DEC. 6, 1999". Govinfo.gov
- ↑ 4,0 4,1 "Historical Commemorative Coin Sales Figures: 2000 Leif Ericson Millennium". United States Mint.
- ↑ Scarinci, D. (2015). Coin of the Year: Celebrating Three Decades of the Best in Coin Design and Craftsmanship. Krause Publications. ISBN 978-1-4402-4476-6
- ↑ 6,0 6,1 "1000 Krónur Leif Ericsson". Numista.com
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas