A serie componse dunha moeda de ouro de 5 dólares (media aguia),[3] senllas moedas dun dólar de prata en dous tamaños diferentes,[4][5] e unha moeda de medio dólar, cuñada en cobre bañado en cuproníquel.[6] Todas elas contan cunha versión con acabamento especial proof —fondo espello e relevo mate— e, coa excepción do dólar de tamaño superior, tamén unha versión estándar. Da cuñaxe das moedas de ouro ocupouse a Ceca de West Point, as de prata foron cuñadas na Ceca de Filadelfia e o medio dólar de metal común produciuse nas cecas de Denver e de San Francisco.
O deseño é común para as catro moedas. O anverso representa unha pegada de bota na superficie lunar, baseada nunha fotografía tomada por Aldrin. O deseño é obra do escultor de Maine Gary Cooper e o gravado correspondeulle a Joseph Menna, gravador xefe da US Mint. Pola súa banda, o reverso, segundo o disposto polo Congreso, representa o visor e o casco circundante do traxe espacial de Aldrin, que reflicte a Armstrong, a bandeira dos EEUU e a aguia do módulo lunar Apollo. Esta imaxe está baseada nunha coñecida fotografía tomada por Armstrong, e foi creada e gravada por Phebe Hemphill, da Casa da Moeda dos Estados Unidos. Aldrin foi a sétima persoa viva que aparece nunha moeda estadounidense.
As moedas do Apollo 11 teñen forma curva, de xeito que o anverso é cóncavo e o reverso convexo. Antes da data de lanzamento, o 24 de xaneiro de 2019, prevíase que algunha das catro moedas chegase a esgotarse, como ocorrera coa anterior emisión estadounidense de moedas curvas, conmemorativas do Salón Nacional da Fama do Béisbol, en 2014. Mais finalmente non foi así e non se esgotou ningunha delas antes da finalización das vendas o 27 de decembro de 2019. Así e todo, foi o programa de moedas conmemorativas dos Estados Unidos de maior éxito desde a emisión do Salón da Fama do Béisbol, con máis de 600.000 moedas do Apollo 11 vendidas. O dólar de prata máis grande gañou o Premio Moeda do Ano de 2021, para as emisións con data de 2019.
Aproximadamente unha hora e media despois de que Armstrong pisase por primeira vez a superficie lunar,[16] Aldrin realizou o coñecido como "experimento de mecánica do chan con pegadas de bota":[17] fotografou unha zona intacta da superficie, logo fixo dúas pegadas de bota e fotografounas. Esas dúas pegadas non foron alteradas pola actividade posterior dos astronautas e son visibles en fotografías tomadas desde o módulo lunar Eagle antes da engalaxe. Uns 13 minutos despois de tomar as fotografías das pegadas, cando Armstrong recollera unha mostra de solo da superficie lunar, Aldrin debía fotografar o lugar onde se tomara o material. No canto diso, ofreceulle a cámara a Armstrong, quizais pensando que como Armstrong tomara a mostra, podería facer un mellor uso da cámara. Armstrong fixo oito fotografías antes de que Aldrin volvese utilizar a cámara; a oitava delas considerouse como "unha das fotografías máis famosas da historia:[18] un retrato de Aldrin, o seu visor solar dourado reflectindo o fotógrafo e o módulo lunar, a bandeira e o horizonte lunar contra un ceo inimaxinablemente negro".[16]
Proposta e percorrido lexislativo
As moedas do Apollo 11 foron o resultado dunha idea de Mike Olson, membro do Comité Consultivo Cidadán sobre a Moeda de Iowa, que pensou nesa posibilidade en febreiro de 2014, varios meses antes de que concluíse o seu mandato no comité. Logo de ver novamente a película Apollo 13, pensou que debería haber unha emisión de moedas na honra do quincuaxésimo aniversario da aluaxe do Apollo 11. O Comité estaba a preparar o seu informe anual e Olson convenceu os seus colegas para que incluísen unha recomendación sobre a emisión do Apollo 11. Cando o Comité concluíu o informe anual, Olson xa abandonara esa institución, mais o seu presidente, Gary Marks, retomou a idea e conseguiu que fose incluída.[19][20]
En xaneiro de 2015, Olson discutiu a súa proposta co representante de Iowa Rod Blum, quen remitiu o asunto a Bill Posey, de Florida, en cuxo distrito se situaba o Centro Espacial Kennedy, e que de rapaz traballara no programa Apollo. Posey conseguiu un grupo de copatrocinadores pertencentes a ambos os partidos da Cámara e presentou o proxecto de lei en xuño de 2015.[19] Como precedente, en 1993 xa se presentara un proxecto de lei para conmemorar cunha emisión de moedas o 25 aniversario da aluaxe, mais este fracasara, do mesmo xeito que un novo proxecto de 2007 para o 50º aniversario da NASA.[21] A Casa da Moeda dos Estados Unidos honrara anteriormente tres veces as aluaxes nas súas emisións, cos reversos do dólar Eisenhower (1971) e do dólar Susan B. Anthony (1979) —ambos coa insignia da misión Apollo 11—, e coa moeda correspondente a Ohio (2002) da serie de cuartos de dólar dos 50 estados, que representaba un astronauta do Apollo.[22] O proxecto de lei de 2015 foi remitido á Comisión de Servizos Financeiros da Cámara de Representantes; o sitio web GovTrack.us dáballe daquela soamente un 13 % de probabilidades de resultar aprobado.[21]
Ao longo de 2016, os defensores intentaron aumentar o apoio ao proxecto de lei, que en novembro contaba con 298 copatrocinadores, suficientes para obter unha votación no pleno durante a sesión do Congreso anterior ás eleccións. Olson seguiu exercendo presión, do mesmo xeito que a Fundación Conmemorativa dos Astronautas e a Fundación de Bolsas para Astronautas, entidades ambas designadas para recibiren unha parte dos beneficios xerados pola comercialización das moedas, se estas se chegasen a emitit. Malia o apoio de Aldrin e Collins, os astronautas superviventes do Apollo 11, a versión do Senado do proxecto de lei só tiña 11 copatrocinadores, moitos menos dos 67 necesarios para unha votación. Se a votación non prosperaba, o proxecto de lei morrería ao remate do 114º Congreso.[23]
O 5 de decembro, derradeiro día de sesión da Cámara de Representantes,[19] o congresista Posey pediu que se debatese o proxecto de lei e dirixiuse á Cámara en apoio deste, relatando a historia do Apollo 11. Nydia M. Velázquez, de Nova York, e Frederica S. Wilson, de Florida, falaron dos centos de milleiros de traballadores que fixeran posible a misión Apollo, e aplaudiron a inclusión da Fundación de Bolsas para Astronautas como beneficiaria, coa esperanza de que as moedas axudasen a que a xente nova se sentise atraída polas ciencias. Posey volveu intervir brevemente e o proxecto aprobouse na Cámara de Representantes sen oposición.[24]
Un derradeiro pulo dos propoñentes deu como resultado 70 copatrocinadores no Senado, tres máis dos necesarios.[21] O senador de Arcansas John Boozman levou o proxecto de lei ao pleno do Senado o 9 de decembro, onde foi aprobado sen oposición.[25] Deste xeito, o proxecto converteuse na Lei pública 114-282, logo da sinatura do presidente Barack Obama o 16 de decembro de 2016, un dos derradeiros proxectos de lei que asinou como presidente.[26][19]
A lei exixía que as moedas se emitisen "en recoñecemento do 50º aniversario do primeira aluaxe tripulada" e debían ter unha forma curvada similar ás conmemorativas do Salón Nacional da Fama do Béisbol de 2014.[27][28]Aquelas moedas, co deseño cóncavo do anverso que lembraba a unha luva de béisbol, resultaran moi populares.[29]
A lei autorizaba unha tiraxe máxima de 50.000 pezas de ouro de 5 dólares do Apollo 11, 400.000 dólares de prata de tamaño ordinario, 750.000 medios dólares con baño de cuproníquel e 100.000 dólares de prata adicionais de tamaño e grosor superiores, que contivesen cinco onzas troy de prata e medisen tres polgadas de diámetro. Todas as moedas deberían ter o mesmo deseño e estarían dispoñibles en estado estándar e proof, bardante o dólar de prata de cinco onzas, que só estaría dispoñible con acabamento proof. O deseño do anverso cóncavo podería elixirse mediante concurso. Cobraríase aos compradores unha recarga de 35 dólares polas pezas de ouro, 50 dólares polo dólar de prata de cinco onzas, 10 dólares polo dólar de prata máis pequeno e 5 dólares polo medio dólar. Consonte esta lei, en canto a Casa da Moeda dos EEUU recuperase os custos de produción, a metade do diñeiro restante destinaríase ao Museo Nacional do Aire e do Espazo, do Instituto Smithsoniano, para a súa exposición ("Destino: a Lúa"); unha cuarta parte iría á Fundación Conmemorativa dos Astronautas e outra cuarta parte á Fundación de Bolsas para Astronautas. As moedas só poderían emitirse durante 2019.[26][30]
Deseño
Escolla
Do 1 de maio ao 29 de xuño de 2017, a Casa da Moeda dos Estados Unidos aceptou propostas para o deseño do anverso das moedas;[31] as que pasasen o primeiro corte recibirían unha notificación antes do 31 de xullo, e as propostas revisadas presentaríanse antes do 8 de setembro. O anverso non debía incluír a imaxe de ningunha persoa viva, nin sequera a dun astronauta, e debía ser "emblemático do programa espacial dos Estados Unidos ata o primeira aluaxe tripulada".[32][33] Presentáronse 119 propostas, e un xurado composto por tres membros da Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos e do Comité Consultivo Cidadán sobre a Moeda reduciunas a 18 finalistas.[34]
Cando o Comité Consultivo se reuniu o 18 de outubro de 2017,[35] os membros amosáronse pouco entusiastas. Algúns predixeron un desastre de vendas e pretendían descartar todos os deseños, mais a presidenta, Mary N. Lannin, dixo que un deles debía ser seleccionado. Pola súa banda, a Comisión de Belas Artes reuniuse o día seguinte, e neste caso os seus membros expresaron certo entusiasmo polos deseños propostos. Os membros do xurado reuníronse e examinaron os deseños o 20 de outubro.[36]
Entre os finalistas, seleccionouse un deseño do escultor e medallista de Maine Gary Cooper, que representaba a pegada da bota dun dos astronautas na Lúa. Cooper levaba moito tempo interesado na cuñaxe de moedas e xa participara no concurso de deseño do dólar Sacagawea de 1998,[34] sen éxito, así como no da moeda de Maine da serie de cuartos de dólar dos 50 estados, tamén sen éxito.[37] Respecto a este deseño da pegada da bota, a Comisión de Belas Artes comentou que "pode parecer demasiado familiar".[38] Durante a segunda ronlda do concurso do Apollo 11, os responsables da US Mint fixéronlle presentar versións modificadas da súa proposta, alterando a posición dos elementos do deseño. Unha destas alternativas foi a que gañou o concurso. Polos seu exitoso traballo, Cooper recibiu 5.500 dólares; 500 deles como premio por participar na segunda rolda e o resto como premio pola vitoria.[34] O concepto de Cooper foi adaptado para a produción dos cuños polo escultor gravador da Casa da Moeda —e ao pouco tempo gravador xefe— Joseph F. Menna.[39]
Os artistas da Casa da Moeda produciron tres deseños para o reverso e,[40] en xuño de 2017, a Comisión de Belas Artes e o Comité Consultivo puxéronse de acordo nun deles.[41] Ese deseño foi obra da escultora e gravadora da Casa da Moeda Phebe Hemphill, que tamén gravou do gravado do cuño correspondente.[34]
Ambos os deseños gañadores —o do anverso e o do reverso— foron presentados o 11 de outubro de 2018 en Washington na sede do Museo Nacional do Aire e do Espazo, en presenza de personalidades como o director da Casa da Moeda, David J. Ryder, e o astronauta do Apollo 7Walter Cunningham.[42] Na presentación, Ryder prognosticou que os dólares de prata de cinco onzas, logo da súa posta á venda, poderían esgotarse en só dez minutos.[43]
Anverso
O anverso compartido polas catro moedas, creado por Cooper, adapta a coñecida fotografía da pegada da bota dun astronauta, tomada por Aldrin cunha cámara de cine Hasselblade, que simboliza o primeiro paso na Lúa.[34] Cooper declarou acerca do seu deseño:[44]
“
Lembro cando vin esas primeiras pegadas, e iso fixo que moita xente sentise que era a súa propia pegada. Nunca vin nada igual desde entón.
”
O creador sinalou tamén que a fotografía orixinal tiña escuridade nos recunchos da pegada, o que fixo que tivese que ser creativo. Ao longo do bordo, na parte superior do anverso, aparecen as palabras MERCURY, GEMINI e APOLLO, separadas por representacións das fases da Lúa que avanzan cara á Lúa chea, á medida que os programas da NASA ían avanzando cara á primeira aluaxe. No exergo aparece a palabra LIBERTY ("Liberdade"), e a cada lado da pegada, a data 2019 (á esquerda) e o clásico lema nacional dos Estados UnidosIN GOD WE TRUST ("En Deus confiamos") á dereita.[34]
No anverso tamén aparecen as iniciais de Cooper e de Menna, así como a marca de ceca indicativa do lugar de cuñaxe das respectivas moedas.[28]
un primeiro plano da famosa fotografía 'Buzz Aldrin na Lúa' tomada o 20 de xullo de 1969, que amosa só o visor e parte do casco do astronauta Buzz Aldrin, no que o visor ten un acabamento de espello e reflicte a imaxe da bandeira dos Estados Unidos e do módulo de aluaxe, e o resto do casco ten un acabamento esmerilado.
”
Aínda que non é habitual que unha persoa viva apareza nunha moeda estadounidense, o Congreso ordenou que se fixese neste caso, convertendo a Aldrin na sétima persoa representada nunha moeda estadounidense que estaba viva no momento da súa cuñaxe —a sexta fora Nancy Reagan en 2016, viva no momento da cuñaxe e falecida antes do lanzamento da moeda—.[45][46]
A forma convexa do reverso pretende evocar a curvatura do visor do casco dos astronautas. Hemphill declarou ao respecto: "Fixen moito fincapé na curvatura para crear a ilusión do visor curvado".[16] Nas moedas, o visor está enmarcado polas inscricións UNITED STATES OF AMERICA e E PLURIBUS UNUM, e a indicación do valor facial aparece na parte superior esquerda.[28] Omítese na escena do reverso o coñecido como "experimento de composición do vento solar", visible na imaxe orixinal. No reflexo do visor pódese apreciar a aguia do módulo lunar, a bandeira dos Estados Unidos —máis prominente que no orixinal— e o astronauta que toma a fotografía, Neil Armstrong.[42][47]
Produción
O 13 de decembro de 2018 tiveron lugar na Ceca de Filadelfia as primeiras cuñaxes cerimoniais de ambos os tamaños do dólar de prata. Os descendentes dos astronautas do Apollo 11, Mark Armstrong, Andy Aldrin e Ann Collins, foron os encargados de realizar estas primeiras cuñaxes, ademais do director da Casa da Moeda, David J. Ryder, que cuñou un espécime da moeda de cinco onzas.[48] A venda da emisión desta excepcional moeda suporía un beneficio de 14,5 millóns de dólares para as organizacións beneficiarias.[43]
A US Mint tivo certas dificultades para determinar o ángulo acaído das curvas para que as moedas se puidesen cuñar ben, polo que desenvolveu técnicas para o dólar de cinco onzas, que logo adaptou para as moedas máis pequenas. Cada cuño creouse cun equipamento de corte, seguido dun acabamento á man, sen a utilización dun cuño mestre. Os primeiros intentos amosaban fendas no cuño ao longo das patas do módulo de aluaxe e problemas co fluxo de metal nas mans de Armstrong. Os axustes e o cambio de prata de 900 a 999 aliviaron estes problemas.[49] Os dous dólares de prata do Apollo 11 foron os primeiros dólares conmemorativos estadounidenses cuñados en prata de 999 milésimas, xa que os anteriores se cuñaran sempre en prata de 900 milésimas.[50] O cambio do padrón histórico das 900 milésimas produciuse porque esta proporción estaba a ser pouco utilizada noutros ámbitos, o que obrigaba a Casa da Moeda a pedila especificamente ás refinarías de metais preciosos; deste xeito, a ceca pública dos EEUU aliñouse co que xa era práctica habitual noutros países.[51]
O dólar de prata de cinco onzas e tres polgadas cuñouse na única prensa Graebener GMP 1000 da que dispuña a Ceca de Filadelfia, que fora instalada nesa ceca para a cuñaxe da versión especial de tres polgadas dos cuartos de dólar da serie America the Beautiful.[49] Cada un dos cuños deste dólar de gran tamaño tardaba inicialmente 14 horas en fabricarse e servía para a cuñaxe de arredor dun cento de moedas; esta cifra reduciuse posteriormente a 11 horas e media.[43]
Antes do inicio do período de comercialización das moedas o 24 de xaneiro de 2019, prevíase que algunhas ou todas as súas variedades poderían esgotarse axiña, o cal sería a primeira vez que ocorrese desde a emisión do Salón da Fama do Béisbol en 2014.[52] Naquela ocasión, o organismo beneficiario acadara un beneficio próximo aos 8 millóns de dólares.[53]
Distribución
Prezos iniciais
O 18 de xaneiro anunciáronse os prezos iniciais das moedas de prata e de metal común, en tanto que os das moedas de ouro, que flutuarían en función do mercado, se determinarían en datas máis próximas á apertura das vendas. O dólar de prata de cinco onzas, producido pola Ceca de Filadelfia, venderíase a un preo de 224,95 dólares, cun límite inicial dun pedido por fogar. O dólar de prata de tamaño estándar custaría 54,95 dólares na versión con acabamento especial proof e 51,95 dólares na versión ordinaria, cun límite de 100 pedidos por fogar. Pola súa banda, a versión ordinaria do medio dólar, cuñada na Ceca de Denver, tería un prezo inicial de 25,95 dólares por unidade, en tanto que a súa versión proof, da Ceca de San Francisco, custaría 27,95 dólares, sen límite de pedidos. Tamén se anunciou a comercialización dun conxunto que contiña o medio dólar do Apollo 11 e un medio dólar Kennedy 2019-S co reverso mellorado, limitada a 100.000 series e cun límite de pedido de cinco, a un prezo de 53,95 dólares.[54] Este conxunto emitiuse para conmemorar a os vínculos entre o presidente Kennedy e o programa espacial estadounidense.[55]
Antes da apertura das vendas o 24 de xaneiro, o prezo das pezas de ouro, cuñadas na Ceca de West Point, fixouse en 418,50 dólares na versión proof e 408,50 dólares na versión ordinaria, cun límite inicial dunha moeda de ouro por fogar, independentemente da súa versión.[28] Estes prezos fixáronse a partir da táboa de prezos da Casa da Moeda para os produtos numismáticos de ouro e de platino.[55]
Lanzamento
O 24 de xaneiro de 2019 celebrouse no complexo de visitantes do Centro Espacial Kennedy unha cerimonia para conmemorar o lanzamento das moedas conmemorativas do 50º aniversario do Apollo 11.[56] O comunicador en terra coa nave durante a aluaxe, Charles Duke, que foi o piloto do módulo lunar do Apollo 16, interveu na cerimonia, afirmando que a nova emisión traería recordos do día en que o Apollo 11 atinxiu a superficie da Lúa. Duke gabou o feito de que a emisión tivese como obxectivo a recadación de diñeiro para causas nobres e afirmou que el mesmo tiña previsto adquirir algunhas moedas de ouro.[57] O director Ryder tiña tamén previsto falar no acto de Florida, mais non puido asistir por mor do pechamento parcial do Goberno en exercicio.[58]
As moedas do Apollo 11 puxéronse á venda ao público o 24 de xaneiro de 2019 a través do sitio web da Casa da Moeda dos Estados Unidos e tamén por vía telefónica; tamén estaban dispoñibles no centro de vendas da sede da Casa da Moeda en Washington, nas cecas de Filadelfia e Denver, e no lugar da cerimonia no Centro Espacial Kennedy. Os coleccionistas informaron dalgunhas pequenas dificultades para realizaren os seus pedidos en liña, e aínda que o dólar de tamaño grande pasou a estado de "pedido pendente" nunha hora, as cifras publicadas pola Casa da Moeda amosaron que ningunha das moedas chegara a estar próxima a esgotarse no primeiro día da súa comercialización.[58]
O feito de que ningunha das catro moedas se esgotase no primeiro día suscitou reaccións diversas. Dave Harper, editor da revista especializada Numismatic News, suxeriu que o programa podería ser un fracaso, e que as cifras de vendas do primeiro día amosaban "unha falta de entusiasmo inicial".[59] Pola súa banda, Mike Olson, o autor da idea orixinaria da emisión, expresou a súa satisfacción polas vendas acadadas do primeiro día, predixo que todas se esgotarían a finais de ano e sinalou que ningún coleccionista quedara sen as súas moedas. Os blogueiros dos foros de numismática consideraron que as vendas eran pésimas, e que presaxiaban un mal futuro para a numismática nos Estados Unidos.[43]
Nas primeiras 24 horas vendéronse en total de 296.311 moedas do Apollo 11, das que a maioría correspondía ao dólar de prata de cinco onzas, tanto polo número de exemplares vendidos (51.271) como pola porcentaxe vendida con respecto á tiraxe autorizada (51,3%). No mediodía do 25 de xaneiro —hora do leste— suprimiuse o límite do número de moedas que podían venderse a un mesmo fogar.[60]
Continuación no mercado
O 29 de xaneiro, a Casa da Moeda anunciou que o estoxo de cartón de presentación dos 70.000 xogos de medio dólar que se enviaran, que contiña un medio dólar do Apollo 11 2019-Sproof e un medio dólar Kennedy 2019-S con acabamento mellorado proof, contiña un dato erróneo, xa que nel se atribuía ao antigo gravador xefe da Casa da MoedaGilroy Roberts o deseño de ambas as faces do medio dólar Kennedy, cando en realidade só se encargara do deseño do anverso —Frank Gasparro era o responsable do reverso—. Ante esta situación, a Casa da Moeda paralizou os envíos e fixo plans para imprimir unha nova embalaxe corrixida. O xogo limitouse a 100.000 unidades, xa que ese era o límite de tiraxe para o medio dólar Kennedy con acabamento especial.[61] A finais de maio púxose unha nova embalaxe corrixida ao dispor das persoas que compraran anteriormente os seus xogos cos datos erróneos.[62]
As vendas do conxunto de moedas de medio dólar alcanzaron as 94.119 unidades o 10 de febreiro, e na páxina web da US Mint aparecía xa como "non dispoñible". Isto presaxiaba un esgotamento da moeda especial de Kennedy, que só se emitiu para formar parte deste conxunto, pero non o do medio dólar do Apollo 11, xa que só se venderan 163.434 exemplares del ata esa data, pouco máis dunha quinta parte da tiraxe autorizada.[63] O 21 de febreiro, o conxunto dos medios dólares proof vendérase por completo,[64] e o 25 de febreiro os prezos oficiais iniciais terminaron, e aumentaron en 5 dólares a partir de entón.[65]
O director Ryder comprometérase na cerimonia de primeira cuñaxe de decembro de 2018 a enviar algúns espécimes das moedas do Apollo 11 ao Espazo,[66] e isto converteuse en realidade o 4 de maio de 2019, cando se lanzou unha nave espacial de carga SpaceX Dragon con dous exemplares do medio dólar proof incluídos na carga destinada á Estación Espacial Internacional. Estas moedas regresaron á Terra o 3 de xuño, tamén a bordo dunha nave de carga SpaceX Dragon. Unha das moedas formou parte posteriormente da exposición Destination: Moon ("Destino: a Lúa")" no Instituto Smithsoniano,[67] e a outra exhibiuse na sede da Casa da Moeda dos Estados Unidos.[66]
En xaneiro de 2019, a Real Casa da Moeda de Australia e a US Mint anunciaron un proxecto para a posta á venda dun conxunto composto por un medio dólar estadounidense do Apollo 11 2019-S e unha moeda australiana de 5 dólares, tamén curvada, en conmemoración da aluaxe;[68] este conxunto comezou a comercializarse o día 6 de maio, cunha produción limitada a 10.000 exemplares.[69] Para este lanzamento comercial, a ceca australiana comproulle as moedas estadounidenses á US Mint cun desconto por volume, e a ceca estadounidense proporcionou publicidade no seu sitio web e unha ligazón ao sitio da ceca australiana.[70] Do mesmo xeito, a US Mint colaborou tamén coa Real Casa da Moeda-FNMT, de España, na emisión de xogos de moedas.[71][72] Cómpre ter en conta que tanto Australia como España albergaron estacións de seguimento do Apollo.[67] Por outra parte, a Real Casa da Moeda do Canadá ofreceu 1.969 unidades do dólar de prata máis pequeno en estado proof, cada unha delas disposta nun estoxo xunto cunha barra de prata, a un prezo de 369,95 dólares canadenses.[73]
O 30 de xuño, a Casa da Moeda vendera 28.068 exemplares da moeda de ouro de 5 dólares en versión proof e 11.168 en versión estándar. As vendas do dólar de prata máis pequeno eran de 171.957 en proof e 52.870 en versión estándar, en tanto que do de tamaño superior se venderan 61.037. Do medio dólar 2019-S proof vendéranse 99.997 unidades como parte do xogo co medio dólar Kennedy, e 55.297 exemplares independentes. Da versión estándar do medio dólar, cuñada en Denver, vendéranse 36.820 pezas.[74] As historias sobre o 50 aniversario da aluaxe impulsaron as vendas en xullo: catro dos dez artigos máis vendidos da Casa da Moeda na semana que terminou o 21 de xullo foron moedas da serie do Apollo 11, a mellor semana de vendas desde febreiro.[75]
A partir do 7 de agosto, a US Mint vendeu conxuntos que contiñan ou ben a peza de 5 dólares ou ben o dólar de prata máis pequeno en estado proof xunto cunha impresión na honra do Apollo 11 realizada pola Oficina de Gravado e Impresión (OGI).[76] Os prezos fixáronse en 78,95 dólares para o conxunto co dólar de prata, e en 19 euros por riba do prezo flutuante da moeda, para o conxunto coa moeda de 5 dólares. Por mor do aumento do prezo do ouro, a Casa da Moeda vendía a moeda de 5 dólares a 485 dólares por si soa. As dúas novas opcións de venda fixeron que se activase o estado de "pedido pendente" o mesmo día en que comezaron as vendas.[77] Logo de 19 días de vendas, ata o 25 de agosto, vendéranse en total de 681 xogos da impresión da OGI coa moeda de 5 dólares, e 2.570 dos xogos co dólar de prata.[78]
Ata o 29 de setembro de 2019, a distribución das vendas era como segue: 31.331 moedas de 5 dólares de ouro en versión proof independentes (mais 825 coa impresión da OGI) e 11.713 en versión estándar; 65.463 dólares de prata de tamaño grande; 200.712 dólares de prata pequenos en versión proof independentes (mais 3.122 coa impresión da OGI) e 56.960 en versión estándar; 99.998 medios dólares no conxunto coa moeda de Kennedy, mais outros 62.470 medios dólares proof e 40.170 en versión estándar individuais.[79] No Forum Numismático da Casa da Moeda dos EEUU que tivo lugar en Filadelfia en outubro de 2019, o director da Casa da Moeda, Ryder, predixo unhas vendas finais de 90.000 unidades do dólar de prata de cinco onzas.[80]
Fin da comercialización
A Casa da Moeda non informou as cifras de vendas semanais despois do 3 de novembro de 2019, debido á substitución dos empregados que se encargaban deste mester.[81] A seguinte actualización dos datos foi para as vendas ata o 16 de decembro, emitida por un portavoz da Casa da Moeda que indicou que os informes semanais regulares non se retomarían ata xaneiro de 2020. O informe amosaba unhas vendas de 32.597 moedas de 5 dólares proof independentes (mais 1.095 coa impresión da OGI) e 11.969 en versión estándar; 67.683 dólares de prata de tamaño grande; 216.077 dólares pequenos en versión proof independentes (mais 4.683 coa impresión da OGI) e 59.158 en versión estándar; 99.998 xogos medios dólares no conxunto coa peza de Kennedy, mais outros 66.041 medios dólares proof e 41.449 estándar independentes.[82]
Para daquela, a moeda de 5 dólares en versión estándar vendíase a 462,75 dólares e en versión proof a 472,75 dólares. As moedas do 50º aniversario do Apollo 11, así como a outra emisión conmemorativa de 2019, conmemorativa do centenario da Lexión Americana, foron retiradas da venda o 27 de decembro de 2019.[83] As cifras de vendas ata o 12 de xaneiro de 2020, publicadas pouco despois, estaban suxeitas a novos axustes por parte da Casa da Moeda, pero as cifras posteriores a partir de 2021 non revelaron cambios.[84][85] As moedas do Apollo 11 superaron en vendas ás da serie da Lexión Americana.[86][87]
William T. Gibbs, redactor xefe da publicación especializada Coin World, que prognosticara que os dólares de prata de cinco onzas se esgotarían en 24 horas, revisou a súa predición en xaneiro de 2020: "Obviamente sobreestimei o interese pola moeda, que sen dúbida tiña grandes argumentos de venda: conmemoraba un acontecemento realmente significativo e foi a primeira moeda de prata de 5 onzas cóncava/convexa do país".[88] A principios de decembro de 2020, Joshua McMorrow-Hernandez, da revista Coin Week, consideraba que as moedas do Apollo 11 eran "sen dúbida, o programa conmemorativo máis exitoso da Casa da Moeda dos Estados Unidos desde as xa mencionadas moedas do Salón da Fama do Béisbol de 2014". Obviamente, a iniciativa do Apollo 11 tocou a fibra sensible de moita xente —as cifras indican claramente que moitas das persoas que compran estas moedas non pertencen á comunidade numismática—".[89]