Moeda de prata de 5 centavos de dólar estadounidense

Reverso dunha moeda de 5 centavos (half dime) de 1857.

A moeda de prata de 5 centavos de dólar (en inglés: half disme, half dime e silver five-cent coin) foi unha moeda de prata dese valor facial emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos e cuñada pola Ceca de Filadelfia e, máis ocasionalmente, polas de Nova Orleáns e San Francisco, nos últimos anos. Creouse pola Lei da Moeda de 1792, que constituíu o primeiro sistema monetario dos Estados Unidos logo da súa independencia, e foi suprimida pola Lei da Moeda de 1873.

Algúns numismáticos sosteñen que esta moeda foi a primeira cuñada pola ceca pública estadounidense en virtude da Lei da Moeda de 1792 e que a súa produción comezou en xullo dese mesmo anos. Pola contra, outros estudosos consideran que o half disme de 1792 non é máis ca unha proba numismática que non chegou a poducirse en cantidade suficiente para a súa posta en circulación.

Na década de 1860, os poderosos intereses económico-empresariais que promovían o uso do níquel como metal de cuñaxe fixeron presión de xeito frutífero para que a as novas moedas de 3 centavos e de 5 centavos se cuñasen en cuproníquel, unha aliaxe dese metal. A aparición das moedas destes valores faciais cuñadas coa nova aliaxe fixo que as súas equivalentes en prata resultasen redundantes no sistema, polo que a Lei da Moeda de 1873 cancelou a produción das moedas de prata de 3 centavos e de 5 centavos.

Half Disme (1792)

Half disme (1792).[1]

A moeda que amosa o valor facial de half disme foi unha das primeiras cuñadas oficialmente polo Goberno dos Estados Unidos logo da aprobación da Lei da Moeda de 1792. Sábese que se produciron polo menos 1.500 exemplares. Aínda que os historiadores numismáticos discuten se unicamente como proba numismática ou destinados á súa posta en circulación, a realidade parece ser esta última, tendo en conta o volume da tiraxe. Durante o seu discurso anual ao Congreso, o presidente George Washington mencionouna coa frase "un pequeno comezo na cuñaxe de medios dismes".[2][3]

No anverso amosa a cabeza dunha representación alegórica da Liberdade co cabelo solto ollando á esquerda; debaixo a data e todo o conxunto rodeado pola lenda INDUSTRY LIB. PAR. OF SCIENCE ("A Liberdade, pai da ciencia e da industria"). O seu reverso está caracterizado pola figura dunha aguia en voo, baixo a cal se expresa o valor facial (HALF DISME), coa denominación do país, UNI. STATES OF AMERICA.[3][1] Esta moeda está cuñada en prata de 892 milésimas, cun peso de 1,35 gramos e un diámetro de 17,5 milímetros. Pénsase que os autores do seu deseño foron Robert Birch e Joseph Wright,[2] e o empregado da ceca Adam Eckfeldt foi o responsable da súa cuñaxe, o 13 de xullo de 1792.[4]

A denominación disme está tomada do francés antigo, co significado de "décima parte". Como a poboación non sabía o xeito adecuado de pronunciala acabou converténdose en dime, que é como se coñeceu a partir de entón no idioma inglés.[5]

O half disme de 1792 é, pola súa rareza, unha das moedas míticas da historia numismática dos Estados Unidos. En 2006, a casa de poxas Heritage Auctions adxudicou un exemplar nun estado de conservación excepcional en 1.322.500 dólares.[6][7] Con todo, o seu exemplar mellor conservado dos coñecidos, que foi propiedade do primeiro director da Casa da Moeda, David Rittenhouse, acadou nunha venda privada en 2018 a cantidade récord de 1.958.000 dólares.[3]

Cabelo solto (1794-1795)

5 centavos "cabelo solto" (1794).[8]

O novo deseño da moeda de prata de 5 centavos, coñecida como Flowing Hair ("cabelo solto"), foi obra do primeiro gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Robert Scot.[9] Este deseño compártese coas moedas dun dólar e de medio dólar do mesmo período.

Nos seus anversos leva un retrato da Liberdade cara á dereita, similar ao do medio centavo e ao do centavo de 1794, mais sen o barrete frixio e a lanza. Completan o anverso a palabra LIBERTY, 15 estrelas e, no exergo, a data. No reverso amósase unha aguia en pé coas ás despregadas, rodeada por unha coroa vexetal e o nome do país, UNITED STATES OF AMERICA.[8] A súa tiraxe foi de 7.765 exemplares con data 1794 e de 78.660 con data 1795,[10] aínda que todos eles foron cuñados neste último ano. Nesta moeda omítese a expresión do seu valor facial, xa que se pensou que polo seu tamaño e peso sería doadamente identificable pola poboación.[9]

Foi cuñada en prata de 892 milésimas, cun diámetro de 16,5 milímetros e un peso de 1,35 gramos.[8][11]

Busto drapeado (1796-1805)

Os 5 centavos de prata do modelo Draped Bust ("busto drapeado"), foron cuñados na Ceca de Filadelfia coas mesmas características métricas que o anterior.[12] Este modelo divídese en dous tipos, en función do deseño do seu reverso, xa que o anverso é común. En ningún dos dous casos leva indicación do seu valor facial:[13]

Reverso con aguia pequena (1796-1797)

5 centavos "busto drapeado" (1796), coa aguia pequena no reverso.[14]

O deseño do anverso común débese tamén ao gravador Robert Scot, a partir duns esbozos previos do artista Gilbert Stuart que, ao parecer, utilizara como modelo a Anne Willing Bingham, de Filadelfia. Este anverso retoma o motivo recorrente da cabeza da Liberdade cara á dereita, coa palabra LIBERTY arriba e a data no exergo. Na versión principal de 1796 hai 15 estrelas rodeando o busto, que representan os estados que daquela compuñan a Unión. En 1797 hai algúns exemplares con 15 estrelas, outros con 16 —logo da incorporación de Tennessee— e outros con 13 —os 13 estados orixinais,[14] cando se decidiu que non se podía engadir unha estrela con cada incorporación—.[13]

No reverso hai unha aguia pequena pousada nunha nube rodeada por unha coroa vexetal aberta e o nome do país, UNITED STATES OF AMERICA.[13][14]

Con este deseño cuñáronse 54.757 exemplares, 10.230 en 1796 e 44.527 en 1797.[15]

5 centavos "busto drapeado" (1800), coa aguia heráldica no reverso.[16]

Reverso con aguia heráldica (1800-1805)

Logo dunha paréntese de dous anos, en 1800 retomouse a cuñaxe da moeda de 5 centavos "busto drapeado". Neste caso, o reverso caracterízase por un novo deseño da aguia, agora cun aspecto heráldico, un cambio que afectou tamén ás moedas doutros valores faciais, como os cuartos de dólar en prata ou as moedas de 5 dólares en ouro.[13][16]

A tiraxe deste segundo modelo foi en total de 124.270 e nunca se chegou aos 40.000 por ano. Ademais, en 1804 non se produciu cuñaxe ningunha.[15][16]

Busto con barrete (1829-1837)

5 centavos "busto con barrete" (1829).[17]

A moeda de 5 centavos de prata non se cuñou entre 1806 e 1828, unha época en que a circulación da moeda federal era escasa. O 4 de xullo de 1829 retomouse cun novo modelo, coñecido como Capped Bust ("busto con barrete"), coincidindo coa apertura da segunda sede da Ceca de Filadelfia. O seu deseñador foi John Reich, e o novo gravador xefe da Casa da Moeda, William Kneass, fixo algunhas modificacións á hora de gravar os cuños.[18]

O modelo Capped Bust era común a todas as moedas de prata estadounidenses do momento. Fora inaugurado en 1807 coa moeda de 50 centavos, seguida pola de 10 centavos en 1809 e pola de 25 centavos en 1815. O seu anverso amosa unha cabeza da Liberdade cara á esquerda, cuberta por un barrete frixio coa inscrición LIBERTY, que cobre un longo cabelo rizado. Aos lados aparecen as 13 estrelas que representan os estados orixinais e no exergo a data, cuxo tamaño varía en función do ano. A aguia mantense como motivo central do reverso, esta vez coas ás despregadas e cun escudo no peito. Nas súas gadoupas suxeita unha póla de oliveira e un feixe de frechas, e sobre ela hai un pergamiño co lema nacional E PLURIBUS UNUM. Completan o reverso o valor facial 5 C no exergo e o nome do país, UNITED STATES OF AMERICA rodeando o conxunto.[17][18]

Os 5 centavos Crapped Bust foron cuñados en prata de 892 milésimas, cun diámetro de 15,5 milímetros e un peso de 1,35 gramos.[19] Cuñáronse ininterrompidamente entre 1829 e 1837, sempre nunhas cantidades relativamente abundantes, entre os 2.760.000 exemplares de 1835 e os 871.000 de 1837.[17][20]

Liberdade sentada (1837-1873)

Tipo 1 (1837-1838): sen estrelas no anverso.[21]

O derradeiro modelo da moeda de prata de 5 centavos foi o coñecido como Seated Liberty ("Liberdade sentada"), cuñado entre os anos 1837 e 1873.[22]

Trátase dun deseño anovador que rompe coa tradición continuísta dos anteriores, obra do gravador Chrinstian Gobrecht. O seu anverso presenta unha imaxe da Liberdade de corpo enteiro, sentada sobre unha rocha e ollando á esquerda, que sostén un escudo coa palabra LIBERTY na man dereita e unha lanza cun barrete frixio na punta coa esquerda. Este anverso foi creado por Gobrecht en 1835 e utilizado por vez primeira no coñecido como dólar Gobrecht, de 1836. O reverso está caracterizado pola indicación en letra do seu valor facial, HALF DIME, rodeada por unha coroa vexetal aberta.[22]

Dentro do modelo da Liberdade sentada hai cinco tipos. O primeiro foi cuñado na Ceca de Filadelfia en 1837 e na Ceca de Nova Orleáns en 1838, e carece de estrelas no anverso. En 1838 engadíuselle un semicírculo composto por trece estrelas no anverso, en representación dos trece estados orixinais da Unión. Entre 1853 e 1855, engadíronselle senllas puntas de frecha para reflectir unha rebaixa de peso, dos 1,34 gramos anteriores a 1,24 gramos, por mor do aumento do prezo da prata.[23] Estas frechas retiráronse en 1856 —aínda que o peso rebaixado continuou ata o final da serie— e retomouse o tipo anterior ata 1859. Finalmente, en 1860 ampliouse o tamaño da coroa vexetal do reverso e a lenda UNITED STATES OF AMERICA foi trasladada desde ao anverso; este tipo mantívose ata a cancelación desta moeda en 1873.[24]

Todos estes suptipos da moeda de prata de 5 centavos da "Liberdade sentada" foron cuñados nas cecas de Filadelfia (sen marca de ceca) e Nova Orleáns (marca O), e no último engadiuse tamén a Ceca de San Francisco (marca S). A produción total foi de 84.828.478 exemplares para a circulación.[25]

A moeda de 1870 de San Francisco

En 1978, un coleccionista sorprendeu a comunidade numismática coa presentación dun exemplar dunha moeda de 5 centavos de prata coa marca de ceca S, da Ceca de San Francisco, e datado en 1870, que ao parecer adquirira nunha feira do coleccionismo. Ata ese momento, non se coñecía que en 1870 a Ceca de San Francisco cuñara esta moeda e, de feito, nos rexistros da casa da moeda non figura tal cuñaxe, aínda que si que se ten constancia de que en 1869 se enviara a San Francisco un xogo de cuños con esa data. A moeda ten a marca de ceca situada dentro da coroa, no canto da súa posición habitual no exergo, debaixo da coroa. Con todo este espécime foi analizado en profundidade e autenticouse como xenuíno pola axencia de certificación numismática Numismatic Guaranty Company (NGC).[30][31][32]

Este exemplar único foi vendido en diversas ocasións desde a súa descuberta. O prezo récord acadouno na venda realizada pola compañía Legend Numismatics, de Lincroft, Nova Jersey, en 2009, na que acadou 1.400.000 dólares.[32][33][34]

Notas

  1. 1,0 1,1 "5 Cents "Half Disme"". Numista.com.
  2. 2,0 2,1 "1792 Half Dismoe (Dime)". Coinauctionshelp.com
  3. 3,0 3,1 3,2 "1792 Half Disme". Flowinghairhalfdime.com
  4. Smith, P. (1997). "Adam Eckfeldt struck the first U.S. coins". En The Numismatist. Xaneiro. American Numismatic Association. Páxina 61.
  5. "The 1792 Half Disme: A Small Coin with Huge Historical Significance". En Coin Week. 27 de xullo de 2022.
  6. "Auction #404. Lot # 1860: 1792 H10C". Heritage Auctions. 27 de abril de 2006.
  7. "PCGS Auction Prices. 1792 H10C Arquivado 01 de decembro de 2022 en Wayback Machine.". Professional Coin Grading Service.
  8. 8,0 8,1 8,2 "5 Cents "Flowing Hair Half Dime"". Numista.com
  9. 9,0 9,1 "Flowing Hair Half Dimes". Flowinghairhalfdime.com
  10. "Flowing Hair Half Dime Mintage". Flowinghairhalfdime.com
  11. "Flowing Hair Half Dime Specifications". Flowinghairhalfdime.com
  12. "Composition and Specifications". Drapedbusthalfdime.com
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 "Draped Bust Half Dimes". Drapedbusthalfdime.com
  14. 14,0 14,1 14,2 "½ Dime "Draped Bust Half Dime" small eagle". Numista.com
  15. 15,0 15,1 "Draped Bust Half Dime Mintage". Drapedbusthalfdime.com
  16. 16,0 16,1 16,2 "½ Dime "Draped Bust Half Dime" Heraldic eagle". Numista.com
  17. 17,0 17,1 17,2 "5 Cents "Liberty Cap Half Dime"". Numista.com
  18. 18,0 18,1 "Capped Bust Half Dimes". Cappedbusthalfdime.com
  19. "Composition and Specifications". Cappedbusthalfdime.com
  20. "Capped Bust Half Dime Mintages". Cappedbusthalfdime.com
  21. "½ Dime "Seated Liberty Half Dime" without stars". Numista.com
  22. 22,0 22,1 "Liberty Seated Half Dimes". Libertyseatedhalfdime.com
  23. "Liberty Seated Half Dime Specifications". Libertyseatedhalfdime.com
  24. "Liberty Seated Half Dime Coin Design". Libertyseatedhalfdime.com
  25. "Liberty Seated Half Dime Mintage". Lbertyseatedhalfdime.com
  26. "½ Dime "Seated Liberty Half Dime" with stars, no arrows". Numista.com
  27. "½ Dime "Seated Liberty Half Dime" arrows at date". Numista.com
  28. "½ Dime "Seated Liberty Half Dime" reduced weight". Numista.com
  29. "½ Dime - "Seated Liberty Half Dime" obverse legend". Numista.com
  30. "NGC Certifies Unique Half Dime". Numismatic Guaranty Company.
  31. "Seated Liberty Half Dimes: 1870 S H10C MS". Numismatic Guaranty Company.
  32. 32,0 32,1 "1870-S Liberty Seated Half Dime". Libertyseatedhalfdime.com
  33. "Unique 1870-S Sold by Legend Numismatics in Half Dime Deal". CoinNews.net. 17 de xullo de 2009.
  34. "Half dimes sell". Numismatic News. 22 de xullo de 2009.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Predecesor:
Inexistente

Moeda de 5 centavos de dólar

(1792 - 1873)
Sucesor:
5 centavos Shield (cuproníquel)