Moeda de leprosaría

Moeda de leprosaría colombiana. 2 centavos de 1921 (anverso)
Reverso da moeda anterior.

As moedas de leprosaría ou moedas de lazareto eran unhas cuñaxes especificamente realizadas para a súa circulación exclusiva en institucións ou áreas xeográficas (frecuentemente illas) dedicadas ao tratamento de persoas afectadas de lepra. O motivo destas emisións era evitar o contaxio da doenza ao resto da poboación polo contacto coas moedas comúns. Porén, hoxe coñécese que a lepra non se transmite doadamente polo contacto con obxectos casuais, senón mediante un contacto máis íntimo, constante e prolongado cunha persoa enferma.[1][2][3][4]

Estas moedas emitíronse despois do primeiro Congreso da Lepra de Berlín en 1897, no que se apostou polas políticas de segregación.[5] O seu período de uso abrangue entre 1901 e arredor de 1955.[2][3]

Territorios de emisión

Primeiras emisións en Colombia

As primeiras moedas de leprosaría que se coñecen cuñáronse en 1901 para o seu uso nos lazaretos colombianos de Agua de Dios, Caño de Loro e Contratación.[2][3][6][7][8][9]

O Decreto 300 do 12 de marzo de 1901 autorizou a emisión dunha primeira serie de moedas de cinco valores, pertencentes ao sistema monetario xeral de Colombia: 2 1/2, 5, 10, 20 e 50 centavos, coa lenda REPUBLICA DE COLOMBIA, a data (1901) e a palabra LAZARETO. Estas moedas cuñáronse en distintas aliaxes de cobre e por un valor total aproximado de 20.000 pesos. [10][11][12][13][14]

Unha segunda emisión foi ordenada mediante un Decreto do 30 de novembro de 1907. Esta serie, cuñada en metal branco, componse dos valores de 1, 5 e 10 centavos, coa lenda REPUBLICA DE COLOMBIA - LAZARETO e a data (1907) nos seus anversos e o valor dentro dunha grilanda nos seus reversos.[10][12][14][15]

A terceira emisión (con data 1921) foi autorizada mediante o Decreto 2209 de 1918 e o Decreto 68 de 1919, o primeiro deles para os valores de 1, 2 e 5 centavos, e o segundo para as moedas de 10 e de 50 centavos. Aínda que con algunha diferenza de deseño, as lendas son as mesmas que na serie anterior. A cuñaxe total desta serie correspondeu a un valor de 100.000 pesos.[10][12][14][15]

As derradeiras moedas das leprosarías colombianas levan a data de 1928 e emitíronse só co valor de 50 centavos.[10][12][14][15]

Excepto as moedas da segunda serie, todas as demais amosan como motivo principal a cruz octogonal de San Lázaro (tamén chamada templaria).[10][12][14][15]

Filipinas

Entre 1913 e 1930 emitíronse en Manila, primeiro en aluminio e posteriormente en cuproníquel, moedas para o seu uso no lazareto da illa de Culión durante o período de administración estadounidense das Illas Filipinas.[2][3][16][17]

Realizáronse seis emisións coas lendas CULION LEPER COLONY - PHILIPPINE ISLANDS nos seus anversos e BUREAU OF HEALTH ou PHILIPPINE HEALTH SERVICE nos reversos. As dúas primeiras series, de 1913 e 1920, cuñáronse en aluminio con cuños elaborados pola compañía privada Frank & Co., e as seguintes na Casa de Moeda de Manila. A terceira serie (1922) tamén era de aluminio, en tanto que as tres seguintes, de 1925, 1927 e 1930, foron cuñadas en cuproníquel. En total, estímase que entre 1913 e 1920 se cuñaron na illa 169.000 moedas de leprosaría.[2][17][18][19][20]

Valores emitidos [17]

  • 1913: 1/2, 1, 5, 10 e 20 centavos, e 1 peso.
  • 1920: 10 e 20 centavos, e 1 peso.
  • 1922: 20 centavos e 1 peso.
  • 1925: 1 peso.
  • 1927: 1 e 5 centavos.
  • 1930: 1 e 10 centavos.
Moedas de 1 peso da leprosaría da illa de Culión
Anverso Reverso Lenda do A/ Lenda do R/ Metal Diámetro Tiraxe
1913 BUREAU OF HEALTH CULION LEPER COLONY · PHILIPPINE ISLANDS Aluminio 35 mm 8.600
1920 BUREAU OF HEALTH CULION LEPER COLONY · PHILIPPINE ISLANDS Aluminio 35 mm 4.000
1922 PHILIPPINE HEALTH SERVICE CULION LEPER COLONY · PHILIPPINE ISLANDS Cuproníquel 35 mm 8.280
1925 PHILIPPINE HEALTH SERVICE CULION LEPER COLONY · PHILIPPINE ISLANDS Cuproníquel 35 mm 20.000

En 1942 emitiuse tamén papel moeda co mesmo propósito, durante a ocupación xaponesa da segunda guerra mundial. Este diñeiro especial mantívose en uso durante décadas e deixouse de utilizar cando a lepra pasou a ser unha doenza tratable medicamente. Finalmente, en 2006 a illa foi declarada libre de lepra.[2][18][19][20]

Panamá

Entre 1919 e 1952 cuñáronse moedas especiais para a súa circulación na leprosaría de Palo Seco, nunha zona da Canle de Panamá que se atopaba baixo a administración dos Estados Unidos, país onde foron cuñadas.[2][3][21]

A serie componse de moedas de latón con valores de 1, 5, 10, 25 e 50 céntimos, e dun dólar. Estas moedas presentan a particularidade de seren cuñadas cun orificio central cuadrangular.[2]

As lendas son PALO SECO CANAL ZONE nunha das súas faces e REDEEMABLE FOR (valor) IN MERCHANDISE, na face oposta.[2]

Venezuela

En 1913 e 1916 producíronse senllas emisións de moedas de leprosaría en Venezuela con valores de cinco céntimos e de 1/8, 1/2, 1, 2, 5 10 e 20 bolívares. Estas moedas non amosaban data ningunha e levaban a lenda LAZARETO NACIONAL MARACAIBO, en alusión ao lugar onde se usaban.[2]

Ese modelo imitouse exactamente noutros lazaretos venezolanos, aínda que non cos mesmos valores. Todos os valores teñen un anverso común no que se amosa o nome do lazareto xunto co ano de emisión, e un reverso onde se indica o valor da moeda. O deseño destas pezas é moito máis simple que o das colombianas.[2][3]

A partir das iniciais de 1913 e 1916 fixéronse dúas emisións máis. Unha delas foi en 1936 para a "Leprosería Nacional de Cabo Blanco", con valores de 5, 12 1/2 e 50 centavos, e 1, 2, 5, 10 e 20 bolívares, e a derradeira emisión tivo lugar en 1939, para as "Leproserías Nacionales Isla de Provinencia", con idénticos valores que a anterior, excepto pola omisión da moeda de 20 bolívares.[2][3]

Todas as moedas de leprosaría venezolanas foron cuñadas en latón.[3]

Brasil

Brasil tamén cuñou moedas para dous lazaretos, todas elas en bronce. Para usar na Colonia de Santa Teresa emitíronse cinco valores, de 100, 200, 300, 500 e 1000 reis, nunha tiraxe que se supón moi pequena, tendo en conta os escasísimos exemplares que se conservan. Outros cinco valores, de 100, 200, 500, 1000 e 5000 reis, foron emitidos en máis cantidade para a súa circulación no "Hospicio Dos Lazaros".[3]

Xapón

En 1919 realizouse unha emisión de moedas de lazareto no sanatorio xaponés de Tama Zenshoen, que máis tarde se estendeu a outros sanatorios do país. Trátase de cuñaxes privadas das propias institucións sanitarias e non de emisións gobernamentais. Cando os pacientes eran hospitalizados, o diñeiro que traían era cambiado polo de curso interior e, no caso dalgúns sanatorios, neste cambio subtraíase unha porcentaxe destinada a subsidio para os pacientes máis pobres. Cara a 1955 este sistema foi abolido no Xapón, nalgúns casos a raíz de prácticas irregulares ligadas a el.[2]

Malaisia

En 1935 e 1936, a cidade de Sungei Buloh, en Malaisia, imprimiu unha serie de billetes con valores de cinco e dez céntimos, e dun dólar, coa particularidade de estaren emitidos cunha inscrición en catro linguas (inglés, chinés, árabe e támil): SUNGEI BULOH SETTLEMENT VALID FOR GOODS WORTH (valor) WITHIN THE SUNGEI BULOH SETTLEMENT ONLY.[3][22][23]

A primeira serie (4 de febreiro de 1935) tivo como único valor o de 5 centavos e estaba impresa en branco e negro, cunhas dimensións de 115 por 83 milímetros. A segunda serie, máis elaborada, ten en común a figura dun picapeixe nunha rocha co sol nacente ao fondo. Os billetes de 5 e 10 centavos teñen unhas medidas de 120 x 63 mm, e os dun dólar de 120 x 80 mm.[3][22][23]

A partir dunha análise destes billetes por parte do doutor Gordon Alexander Ryrie, determinouse que estes non estaban contaminados pola lepra. Todos estes billetes foron queimados en 1938.[23]

Outros países

Tamén existiron emisións de diñeiro para o uso nas leprosarías noutros países como China, Costa Rica, Corea, Nixeria, Tailandia e as Indias Occidentais Danesas.[2][3]

Notas

  1. McFadden R. (1993).
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 "Cuando las leproserías utilizaban su propia moneda para evitar contagios al exterior". En La Burbuja Verde.
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 3,11 "Monedas para lazaretos a principios del siglo XX". Ruiz Calleja (blog numismático).
  4. Hilario, Y. (2014). "La lepra, una enfermedad curable y poco transmisible". En Diario Libre. 27 de xaneiro.
  5. Shubhada S. Pandya. "The First International Leprosy Conference, Berlin, 1897: the politics of segregation". En Scientific Electronic Library Online.
  6. Benavides Pava, D.; Barrera Orjuela. J. D. (2017).
  7. Sotomayor-Tribín, H. A. (2011).
  8. Crismatt. Mouthon. C. "El lazareto de Caño de Loro". Estado de Cartagena de Indias.
  9. "Reseña Histórica Arquivado 03 de outubro de 2019 en Wayback Machine.". En Sanatorio de Contratación. Gobierno de Colombia.
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 Yepes, A. (2013).
  11. Yepes, A. (2010).
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 "Una numismática para los lazaretos". En Sotomayor-Tribín, H. A. (2011). Páxina 347.
  13. McFadden R. (1993). Páxina 21.
  14. 14,0 14,1 14,2 14,3 14,4 Benavides Pava, D.; Barrera Orjuela. J. D. (2017). Tabla 6: "Sistema monetario (circulación de la moneda especial)".
  15. 15,0 15,1 15,2 15,3 Yepes, A. (2011).
  16. Wheeler, M. M. (1913).
  17. 17,0 17,1 17,2 "Culion leper colony coinage - Palawan". En History of the Philippine Coinage.
  18. 18,0 18,1 Lannon, D. (2017).
  19. 19,0 19,1 Perez, G. S. (1929).
  20. 20,0 20,1 Jarcho, S. (1973).
  21. McFadden, R. R. et al. (1993). Páxina 54.
  22. 22,0 22,1 Tan, S. (2014).
  23. 23,0 23,1 23,2 Teoh, I. (1970). "Unique experiment with currency notes. En The Star. Xaneiro-febreiro. Páxina 7.

Véxase tamén

Bibliografía