O sistema monetario Tokugawa estableceuse logo dun período en que o Xapón se servía das moedas de broncechinesas, ao carecer dun sistema propio.[1] As cuñaxes Tokugawa duraron máis de dous séculos e terminaron cos acontecementos da guerra Boshin e o establecemento da Restauración Meiji. No entanto, segue a discutirse acerca da entidade das moedas de metais preciosos, xa que non era o poder Tokugawa o que emitía as moedas de ouro e de prata, senón organizacións privadas propiedade de comerciantes.[2]
O primeiro intento de crear unha nova moeda fora obra de Toyotomi Hideyoshi (1585-1592), quen instaurara xa en 1558 o ōban, unha gran placa ovalada de ouro que se utilizou durante a era Tenshō.[4]
A partir de 1601, a moeda Tokugawa emitiuse con valores faciais diversos, con moedas cuñadas en ouro, prata e cobre. Aínda que os valores faciais eran fixos, os tipos de troco sufrían flutuacións no mercado de divisas.[1]
O material para a produción destas moedas procedía das minas de ouro e de prata de todo o Xapón. Para iso, abríronse e explotáronse novas minas de ouro, como saas de Sado e de Toi, na península de Izu.
Desvalorizacións e revalorizacións
Nun principio, a moeda utilizouse esencialmente no comercio internacional, para pagar as importacións de artigos de luxo procedentes da China, como a seda.[1] Ao escasearen o ouro e a prata, e tamén porque o Goberno era deficitario, o contido de ouro das moedas se reduciuse en senllas reformas monetarias, en 1695 e en 1706-1711, para xerar máis ingresos por señoriaxe —é dicir, a diferenza entre o valor nominal das moedas e o custo da súa produción—, pero co efecto secundario de crear tamén inflación.[5]
A principios do século XVIII, o Xapón empezou a restrinxir a exportación de moeda de metais preciosos, xa que esta se consideraba unha perda para o país. En 1715, Arai Hakuseki impuxo unha prohibición á exportación de especies monetarias.[1] Fomentouse a política de substitución de importacións no comercio, mais aínda así esta seguiu a ser limitada, por mor da política de pechamento, o Sakoku. Por suxestión de Arai Hakuseki, o Goberno aumentou o contido de ouro e de prata na moeda en 1714-1715, mais esta vez xurdiu como consecuencia unha deflación paralizante. En 1736, o Xapón abandonou esta política e volveu a aumentar a masa monetaria, coa conseguinte estabilidade de prezos durante os 80 anos seguintes.[5]
A principios do século XIX, os problemas orzamentarios derivados dos desastres naturais e dos grandes gastos da Administración Tokugawa levaron o Goberno a aumentar a masa monetaria e a señoriaxe asociada a ela. De 1818 a 1829 a masa monetaria aumentou un 60 %, e de 1832 a 1837 un 20 %. Novamente, isto conduciu a unha grave inflación, xa que os prezos case se duplicaron.[5]
O sistema monetario
O sistema monetario Tokugawa funcionaba segundo un triplo padrón monetario, utilizando moedas de ouro, de prata e de bronce, cada unha cos seus propios valores faciais e as súas propias denominacións.[1] Os sistema funcionaba por múltiplos de 4, e as moedas valorábanse segundo o ryō, como unidade ponderal e monetaria de conta. Un ryō valía 4 bu, ou ben 16 shu, ou 4.000 mon (unha moeda de bronce de escaso valor).[2][7][8]
O ōban (大判) era unha moeda-placa de ouro de gran tamaño, equivalente a 10 ryō ou 10 koban (小判). Inicialmente tiña un peso duns 165 gramos e unhas dimensións aproximadas de 15 x 10 centímetros.[6][9][10]
O koban (小判) era unha moeda-placa de ouro ovoide regular, equivalente a un ryō. O koban inicial, correspondente á era Keichō e cuñado a partir de 1601, tiña un peso de 18,20 gramos. O koban da era Sado, de 1714, tiña o mesmo peso e estaba fabricado cunha aliaxe habitualmente de 85,69 % de ouro e 14,25 % de prata.[11][12]
Nibuban e ichibuban
O nibuban (二分判) valía medio koban e era unha moeda de ouro de forma rectangular.
O ichibuban (一分判) podía ser de prata ou de ouro; neste último caso equivalía a un cuarto de koban. O ichibuban de ouro de 1714 pesaba 4,5 gramos e estaba composto por un 85,6 % de ouro e un 14,2 % de prata. O ichibuban de prata de 1837 a 1854, chamado Tenpō Ichibugin (天保一分銀, "vello ichibuban"), pesaba 8,66 gramos, cunha aliaxe de 0,21 % de ouro e 98,86 % de prata.
Nishuban e isshuban
Posteriormente utilizáronse o nishuban (二朱判) e o isshuban (一朱判) moedas dos valores nominais máis baixos dentro das de ouro e de prata, antes de chegar ás moedas de bronce.
De 1853 a 1865, o isshuban de prata (chamado Kaei Isshugin, 嘉永一朱銀) pesaba 1,88 gramos e estaba cuñado nunha aliaxe do 1,7 % de ouro, o 98,7 % de prata e o 1,12 % de cobre.
Ichibuban de prata (ichibugin) da era Tenpō (1830-1844).
No relativo ás emisións en cobre, a moeda kan'ei tsūhō (寛永通宝) veu substituír en 1636 as moedas chinesas que estiveran en circulación no Xapón, así como as que se cuñaban de xeito privado, e converteuse na moeda de cobre de curso legal no país. Inicialmente, o Goberno do shogunato Tokugawa encargou a cuñaxe destas moedas ás casas de moeda de cobre de todo o país, con licenzas de duración determinada.[2]
Isto puxo fin a máis de catro séculos durante os cales as moedas de cobre chinesas, obtidas a través do comercio ou da pirataría, constituíran a moeda principal do Xapón.
En 1835, o Goberno Tokugawa comezou a cuñar moedas de cobre con valor de 100 mon denominadas Tenpō tsūhō (天保通宝),[15] como forma de solucionar o seu déficit orzamentario, xa que a moeda contiña só 5½ veces máis cobre que unha moeda kan'ei tsūhō con valor dun mon, o que acabou provocando inflación. Estas moedas cuñáronse en grandes cantidades.[2]
Isto foi seguido máis tarde polo Dominio de Satsuma, que emitiu unha moeda de 100 mon propia en 1862 aparentemente para dotar de moeda o Reino de Ryukyu, cando en realidade o facía para impulsar a súa propia economía. Estas moedas, ryūkyū tsūhō (琉球通寳), acabaron circulando tamén noutras provincias.[16][17]
Fin do sistema
A partir de 1772, as moedas de prata tiñan unha denominación ou outra en función do seu valor en ouro, e na súa aliaxe había bastante menos prata que a suposta polo seu valor nominal, para cubrir os gastos da cuñaxe, práctica esta coñecida como diñeiro fiduciario, que é a característica da moeda actual. Esta técnica introduciuse posteriormente en Inglaterra, en 1816, coa adopción do padrón ouro pleno. Aos tipos de mercado de 1858, 10 unidades de prata podían trocarse por unha unidade de ouro en peso, en tanto que o valor nominal das unidades de prata só era convertible a razón de 5 a 1. Isto permitiu un aumento da circulación monetaria sen utilización real de máis metais nobres, e proporcionou grandes beneficios por señoriaxe ao Estado.[18]
As relacións entre a prata e o ouro eran moi diferentes a nivel mundial, e o ouro valorábase xeralmente moito máis que a prata, cunha relación de 15 ou 16 a 1 en peso. Esta diferenza motivou que os estranxeiros trouxesen prata ao Xapón para a cambiar por ouro, cunha taxa moi rendible.[19]
En 1858, os países occidentais, sinaladamente os Estados Unidos, Francia e Gran Bretaña, impuxeron mediante unha serie de tratados desiguais de "amizade e comercio" o libre comercio, o libre fluxo monetario e as taxas alfandegueiras moi baixas, arrebatándolle de facto ao Xapón o control das súas divisas. Deste xeito levantouse o embargo á exportación de metais preciosos de 1715:[19]
“
Toda a moeda estranxeira deberá ser corrente no Xapón e pasar pola moeda xaponesa correspondente polo seu peso […] As moedas de todas as descricións (bardante a moeda de cobre xaponesa) poderán ser exportadas do Xapón". Tratado de Amizade e Comercio de 1858 [extracto].
”
Esta situación creou unha saída masiva de ouro do Xapón, xa que os estranxeiros se apresuraron a cambiar a súa prata por moedas xaponesas fiduciarias de prata e novamente cambialas por ouro, o que lle daba un beneficio do 200 % á transacción. Xa que logo, en 1860 saíron do país uns catro millóns de ryō, é dicir, unhas 70 toneladas de ouro, o que acabou por destruír efectivamente o sistema de padrón ouro do Xapón e obrigou a que o país volvese ao sistema baseado no peso, con taxas internacionais. O Goberno, en cambio, respondeu ás crises rebaixando o contido de ouro das súas moedas en dous terzos, para igualar as relacións de cambio estranxeiras entre o ouro e a prata.[19]
Como consecuencia, o Estado xaponés perdeu a principal fonte de beneficios pola señoriaxe da moeda e viuse obrigado a emitir papel moeda sen garantía ningunha, o que provocou unha grande inflación. Esta foi unha das principais causas de descontento durante o período Bakumatsu, e unha das causas da desaparición do shogunato Tokugawa.[19]
Outras moedas
Malia a firme vontade de Tokugawa Ieyasu de unificar a moeda, seguían a existir algunhas excepcións, consistentes en emisións de carácter local:
Koban de prata da provincia de Sagami, coñecido como Odawara Hishi (小田原菱).
Crawcour, E. S.; Yamamura, K. (1970). "The Tokugawa Monetary System: 1787-1868". En Economic Development and Cultural Change. Vol. 18. Nº 4. Parte 1. Xullo. Páxinas 489-518.