Para outras páxinas con títulos homónimos véxase:
Mirón.
Mirón de Eleutera (en grego antigo Μύρων ), nado cara 480 a. C. e finado cara o 440 a. C., foi un escultor ateniense. Naceu en Eleutera no linde entre Beocia e Ática. Segundo Naturalis Historia, unha enciclopedia latina de Plinio o Vello (23 - 79 d. C.), Axeladas de Argos foi o seu mestre.[1]
Non se sabe que sobreviva ningunha das súas esculturas orixinais, pero hai moitas das que se cre que son copias posteriores en mármore, na súa maioría romanas.
Traxectoria
Debeu quizais ser discípulo de Axeladas, como probablemente Fidias e Policleto. Concentrou a súa actividade en Atenas. Traballou utilizando o bronce, mais ningunha das súas obras orixinais chegou directamente ata nós, porén podemos ter unha idea das súas cualidades artísticas a través das numerosísimas copias romanas, en mármore, e que demostran a popularidade da que gozou na Antigüidade.
A súa obra máis notábel é, sen dúbida o Discóbolo. Nesta estatua, Mirón representou un atleta espido no momento de esforzo, cando concentra toda a súa enerxía antes de lanzar o disco. Con perfecta harmonía de movementos tensos, o Discóbolo aparece inmóbil, nunha pose fóra do tempo. Mais o artista non quixo representar o movemento dun home singular nun intre dado, senón a mesma idea de movemento. A estatua orixinal foi fundida para facer un canón. Este acto bárbaro, non puido borrar a memoria dunha das máximas obras mestras da historia da arte.
Outra obra célebre de Mirón é o grupo de Atenas e Marsias, datábel arredor do 455 a. C.
Aínda por mor da súa grandeza, tense atribuído a Mirón os Bronces de Riace, sobre cuxa autoría existe un debate aberto.
Notas