Milan Šašik, nado o 17 de setembro de 1952 en Lehota (Eslovaquia) e finado en Uzhhorod (Ucraína) o 14 de xullo de 2020, foi un relixioso grecocatólico lazarista ruteno, bispo de Mukacheve.
Traxectoria
Naceu o 17 de setembro de 1952 en Lehota, no distrito de Nitra, entón parte da República Socialista Checoslovaca (hoxe Eslovaquia). O 31 de xullo de 1971 entrou na Congregación da Misión, e até 1976 estudou Filosofía e Teoloxía no seminario de Bratislava.
O 27 de setembro de 1973 fixo os votos perpetuos como lazarista, e o 6 de xuño de 1976 foi ordenado sacerdote da súa orde. Posteriormente exerceu diferentes ministerios pastorais. Ademais, obtivo permiso da Santa Sé para celebrar tanto no rito bizantino como no rito romano. Entre 1990 e 1992, estudou unha mestría na Pontificia Facultade Teolóxica Teresianum de Roma.
Entre 1992 e 1998 traballou na nunciatura apostólica en Ucraína. Posteriormente, foi durante un ano director do noviciado da Congregación da Misión en Eslovaquia. En agosto de 2000 volveu a Ucraína e exerceu de párroco en Perechyn, na rexión de Transcarpacia.
O 12 de novembro de 2002 o papa Xoán Paulo II nomeouno bispo titular de Bononia e administrador apostólico da eparquía de Mukacheve. O 6 de xaneiro de 2003 recibiu a consagración episcopal na basílica de San Pedro polo mesmo papa.
Ademais de eslovaco, falaba ucraíno, italiano, checo, ruso e polaco.