Megan Anna Rapinoe, nada en Redding, California, o 5 de xullo de 1985,[1] tamén coñecida como Pinoe, é unha futbolista profesional estadounidense que xoga como centrocampista ou extremo no Reign FC da National Women's Soccer League. Como membro da selección feminina de fútbol dos Estados Unidos, axudou a gañar a Copa Mundial Feminina de Fútbol de 2015, os Xogos Olímpicos de 2012 e a medalla de prata na Copa Mundial Feminina de Fútbol de 2011. No Mundial de 2019 gañou o ouro co equipo e ademais foi Balón de Ouro, Bota de Ouro e MVP en tres partidos da competición, incluída a final.
Rapinoe é coñecida internacionalmente polo seu elaborado e técnico estilo de xogo, e polo seu preciso pase a Abby Wambach no minuto 122 dos cuartos de final da Copa Mundial Feminina de Fútbol de 2011 contra o Brasil, que acabou en gol e igualou o marcador, posteriormente os Estados Unidos gañaría o partido na quenda de penais.[2][3][4] Durante os Xogos Olímpicos de 2012 marcou tres goles e foi a máxima asistente do equipo con catro asistencias conseguindo a medalla de ouro para os Estados Unidos. É a primeira xogadora de fútbol, feminino ou masculino, en marcar un gol olímpico nos Xogos Olímpicos.
Rapinoe é unha defensora de numerosas organizacións LGBT, incluíndo "Gay, Lesbian and Straight Education Network" (GLSEN) e "Athlete Ally". Tamén é activista pola igualdade de trato e a visibilidade cara ó fúltbol feminino.
É patrocinada por Nike, Samsung e DJO Global, e apareceu en varios promocionais para as compañías de roupa Wildfang e Nike. Anteriormente xogou para Chicago Rede Stars, Philadelphia Independence e MagicJack na Women's Professional Soccer e no Olympique de Lyon na Division 1 Féminine.
Notas