Mary Winston Jackson, nada o 9 de abril de 1921 en Hampton (EUA) e finada o 11 de febreiro de 2005, foi unha matemática e enxeñeira aeroespacial estadounidense, que traballou para o Comité Conselleiro Nacional para a Aeronáutica (NACA), que máis tarde se transformaría na NASA.[1] Traballou no Centro de Investigación de Langley a maior parte da súa vida, empezando como calculista na división de Cálculo da área Oeste, e máis tarde chegaría a ser a primeira enxeñeira de cor da NASA.Nos diferentes postos que ocupou intentou influír tanto na contratación como na promoción de mulleres na NASA, no ámbito da ciencia, a enxeñaría e a matemática.
En 2019, Jackson recibiu postumamente a Medalla de Ouro do Congreso.[2] En 2020 a sede da NASA en Washington, D.C. foi renomeada como a sede da NASA Mary W. Jackson.[3]
Traxectoria
Mary Jackson era filla de Ella Scott e Frank Winston.[4] Creceu en Hampton, Virxinia, e graduouse na escola George P. Phenix. Mary Jackson graduouse en matemáticas e en Ciencias físicas no Hampton Institute en 1942.[5][6] Foi membro da irmandade Alpha Kappa Alpha.
Despois de graduarse, Jackson ensinou matemáticas nunha escola negra en Condado de Calvert, Maryland durante un ano.[7] Tamén traballou como titora de alumnado de instituto e universitario, tarefa que realizou durante toda a súa vida. En 1943, foi contable do Centro Comunitario Católico Nacional en Hampton. Despois disto traballou como recepcionista e empregada no departamento de Saúde do Hampton Institute; interrompeu o seu traballo ao nacer o seu fillo. En 1951 entra a traballar como empregada na Oficina do Xefe, do Campamento das Forzas Armadas en Fort Monroe.
En 1951 entra a traballar para o Comité Conselleiro Nacional para a Aeronáutica (NACA).[8][9] Empezou a súa carreira como matemática de investigación no Centro de Investigación de Langley na súa cidade natal de Hampton, Virxinia. Traballou baixo as ordes de Dorothy Vaughan na sección segregada coñecida como Sección de Informática da área Oeste.
En 1953 aceptou unha oferta para traballar co enxeñeiro Kazimierz Czarnecki no Túnel de Presión Supersónico, un túnel de vento de 1.2 por 1.2 metros e 45,000 quilowatts, usado para estudar as forzas sobre un modlo ao xerar ventos de case dúas veces a velocidade do son. Czarnecki animou a Jackson a prepararse para ascender a enxeñeira. Para conseguir a promoción a enxeñeira, Jackson necesitou licenciarse en matemáticas e física en cursos nocturnos.[10] Os estudos estaban xestionados pola Universidade de Virxinia pero realizábanse no instituto de secundaria de Hampton, que era naquel momento unha institución tan só para brancos, polo que Jackson houbo de presentar unha petición ao concello de Hampton para que lle deixasen asistir ás clases. Tras completar os cursos, foi promovida a enxeñeira aeroespacial en 1958 sendo a primeira muller negra que alcanzou o grao de enxeñeira na NASA. Pasou entón a traballar analizando os datos dos experimentos do túnel de vento e tamén de datos obtidos con voos de naves reais na Sección de Aerodinámica Teórica da División de Aerodinámica Subsónica e Transónica en Langley. O seu obxectivo era entender o fluxo de aire, incluíndo as forzas de pulo e arrastre.
Durante o seu tempo como enxeñeira en NASA, traballou en varias divisións: a División de Investigación da Compresibilidade, División de Investigación a Escala Real, División de Aerodinámica da Alta Velocidade, e a División de Aerodinámica Subsónica-Transónica. É autora ou coautora de 12 artigos técnicos para a NACA e NASA. Traballou para axudar ás mulleres e outras minorías a ascender nas súas carreiras, incluíndo o asesoramento sobre como estudar para poder cambiar os seus títulos de matemáticas a enxeñeiras, mellorando as súas oportunidades de ascenso, como ela mesma fixera.[11]
Continuou traballando na NASA até a súa xubilación en 1985.