O Mary Celeste foi un bergantín mercante norteamericano que se encontrou ao garete e sen tripulación no océano Atlántico a 400 millas náuticas[1] dos Azores o 4 de decembro de 1872. Atopouno o bergantín canadenseDei Gratia en condicións de navegar, aínda que desantendido, coas velas parcialmente izadas e sen o seu bote salvavidas. A derradeira anotación do seu caderno de bitácora era de dez días antes. O navío deixara Nova York en rumbo a Xénova o 7 de novembro e ao atopalo aínda tiña provisións de abondo. A súa carga de alcol desnaturalizado estaba intacta e as pertenzas do capitán e tripulación inalteradas. Endexamais se volveu saber nada dos que ían no navío. O caso constitúe un dos casos máis coñecidos de navío pantasma.
Historia
Amazon
A embarcación que se había coñecer nun futuro como Mary Celeste construíuse en 1860 no estaleiro de Joshua Dewis na localidade de Spencer's Island, situada na costa da baía de Fundy en Nova Escocia[2]. O navío realizouse con madeira tallada nas proximidades, con dous mastros, e so a forma dun bergantín. O casco era de costados lisos, co entaboado beira con beira máis que sobreposto[3]. A súa botadura foi o 18 de maio de 1861 co nome Amazon, e quedou rexistrado na veciña Parrsboro o 10 de xuño de 1861. Segundo os documentos de rexistro tiña 30,3 metros de longo e 7,8 de largo, o seu calado era de 3.8 m e tiña 198,42 toneladas de arqueo bruto[4][5]. O propietario do bergantín era un consorcio local de nove persoas, dirixido por Dewis, e entre os propietarios estaba Robert McLellan, o seu primeiro capitán.[6]
A súa primeira travesía realizouna en xuño de 1861 con derrota ao porto de Windsor para recoller un cargamento de xeso con destino a Nova York[7][8]. Logo foi a Five Island para recoller un cargamento de madeira con destino a Londres e tras inspeccionar os labores de carga e pouco despois de iniciar viaxe ao destino, o capitán McLellan enfermou e ao se agravar o seu estado o navío deu volta a Spencer's Island e alí McLellan morreu o 19 de xuño[9][10]. Substituíuno John Nutting Parker para cruzar o Atlántico ata Londres pero colidiu cun caneiro en Eastport, o que atrasou a viaxe algúns días, e despois de deixar Londres chocou e afundiu un navío no canal da Mancha[9].
Parker comandou a nave por dous anos, durante os que o Amazon traballou principalmente no comercio coas Indias Occidentais. Cruzou o Atlántico cara a Francia en novembro de 1861[7] e en Marsella realizouse a única pintura contemporánea do bergantín, quizais obra de Honoré de Pellegrin, un recoñecido pintor de temas marítimos da escola de Marsella[11][12]. En 1863 un novo capitán fíxose co mando, William Thompson, que mantería esa posición ata 1867[9]. Eses foron anos tranquilos, dedicados ao comercio internacional coas Indias Occidentais, Inglaterra e o Mediterráneo[7]. En outubro de 1867 unha tormenta arrastrou ao Amazon ata a costa da illa de Cabo Bretón e quedou tan danado que os propietarios o abandonaron[13] e o 15 de outubro Alexander McBena, de Glace Bay, mercouno como un depósito de naufraxio[14][15].
Mary Celeste
Nese mesmo mes, McBean vendeu os restos a un empresario local, que á súa vez vendeuno en novembro de 1868 a Richard W. Haines, un mariñeiro norteamericano de Nova York[16]. Haines pagou 1 750 dólares e gastou na súa restauración outros 8 825[17]. O propio Haines converteuse no seu capitán e rexistrouno en decembro en Nova York como navío estadounidense, cun novo nome, Mary Celeste[16]. Os acredores de Heines incautáronlle o barco en outubro de 1869,[18] e vendérono a un consorcio neoiorquino dirixido por James H. Winchester. Nos seguintes tres anos a composición dese consorcio cambiou varias veces, aínda que Winchester logrou manter cando menos a metade da propiedade. Non hai rexistros sobre a actividade do Mary Celeste neste período[16]. Ao principiar 1872 someteuse a reparacións, por valor de 10 000 dólares, o que agrandou considerablemente o navío, pasando a 31 metros de longo, e 4,9 de calado[19][20]. Entre os cambios estruturais salientou o engadido dunha segunda cuberta, aínda que tamén se ampliou a cuberta de popa, púxose un novo espello de popa e substituíronse moitas táboas[16]. Os traballos levaron a aumentar a tonelaxe a 282,28. A 29 de outubro de 1872 Winchester posuía a metade do valor do consorcio, dous pequenos investidores tiñan un 8% cada un e o novo capitán, Benjamin Spooner Briggs, o resto.[21]. Briggs nacera en Wareham en 1835, no seo dunha familia mariñeira, seu pai era o tamén capitán Nathan Briggs, e tres dos seus catro irmáns eran tamén mariños[22]; Benjamin era cristián practicante que lía a Biblia e asistía a xuntanzas para orar[23]. Casara en 1862 coa súa prima Sarah Elizabeth Cobb e tiña dous fillos: Arthur, nado en setembro de 1865 e Sophia Matilda, nada en outubro de 1870[24] Malia pensar en se retirar do mundo do mar e dedicarse aos negocios co seu irmán Oliver ao final decidiron investir os seus aforros en senllos barcos, Oliver no Julia A. Hallock e Benjamin no Mary Celeste[24]. En outubro de 1872 comandou por primeira volta ao Mary Celeste, na primeira viaxe do navío despois da súa reforma e que tiña como destino Xénova en Italia. Acompañábano na travesía a súa dona e súa filla,[25] mentres seu fillo quedaba na casa coa avoa[26].
Briggs elixiu a tripulación para a travesía coidadosamente[27]. O primeiro oficial de cuberta, Albert G. Richardson estaba casado cunha sobriña de Winchester e xa navegara con Briggs con anterioridade[28]. O segundo oficial, Andrew Gilling, tiña arredor de 25 anos, nacera en Nova York e era de orixe danesa[29] O sobrecargo, o acabado de casar Edward William Head, fora contratado por recomendación persoal do propio Winchester. Os catro mariñeiros eran todos alemáns das illas Frisias: os irmáns Volkert e mais Boz Lorenzen, Arian Martens e Gottlieb Goudschaal. Nunha carta a súa nai pouco antes de levantar áncoras, Briggs declárase satisfeito co barco e a tripulación[27].
Saída de Nova York
O 20 de outubro de 1872, Briggs chegou ao peirao 50 do East River da cidade de Nova York[30] para supervisar o frete do navío que consistía en 1701 barrís de alcol desnaturalizado[31][32]; súa dona e filla chegaron unha semana despois[24].
O 5 de novembro pola mañanciña, o Mary Celeste deixou o seu peirao e moveuse ao longo do porto de Nova York con Briggs, súa esposa e filla e mais sete membros da tripulación. O tempo era inestable e o capitán decidiu agardar por unha melloría e deu áncora en Staten Island[33]. Dous días despois as condicións meteorolóxicas acalmaron, e o Mary Celeste deixou o porto e entrou no Atlántico[33].
Namentres o Mary Celeste preparaba a súa saída, o bergantín canadense Dei Gratia permanecía na localidade próxima de Hoboken esperando un cargamento de petróleo para Xénova vía Xibraltar[34]. O capitán David Morehouse e o primeiro oficial de cuberta Oliver Deveau eran naturais de Nova Escocia e contaban cunha grande experiencia no mar[35], e saíu o 15 de novembro, coa mesma ruta que oito días antes tomara o Mary Celeste[35].
Descuberta
Arredor das 13 horas do mércores 4 de decembro o Dei Gratia estaba a medio camiño entre os Azores e a costa continental portuguesa[36] co capitán Morehouse na ponte e o temoneiro informou dun navío a unhas 6 millas que se aproximaba erraticamente cara ao Dei Gratia. Os movementos irregulares do barco e a disposición anómala das súas velas levaron a que Morehouse sopeitase que algo ía mal[37]. Coa embarcación achegándose decatouse que non había ninguén na cuberta, e ao non recibir resposta aos seus sinais enviou a Deveau e mais ao segundo oficial John Wright nun bote para investigar. Ao situarse en popa puideron comprobar o nome da nave e procederon a subir a bordo atopando o barco abandonado. As velas estaban despregadas parcialmente, en mal estado e mesmo algunha faltaba na súa totalidade; gran parte do aparello estaba danado cos cabos dependurados polos costados. O cuartel do zapón principal permanecía no seu sitio pero as trapelas de proa e do lazareto estaban abertas, cos seus cuarteis cabo delas na cuberta. O único bote salvavidas era unha pequena iola que seica se gardaba enriba do zapón principal mais faltaba mentres que a bitácora que aloxaba o compás da nave mudárase de sitio e a cobertura de cristal rompera[38]. A bodega cubríaa arredor dun metro de auga, unha cantidade importante pero non perigosa para un barco do seu tamaño[39]. Unha vara de sondaxe improvisada, probablemente para medir a auga na bodega, estaba abandonada na cuberta[40].
Atoparon o caderno de bitácora na cabina do primeiro oficial, e a súa derradeira anotación databa das 8 horas do 25 de novembro e indicaba que a posición entón do Mary Celeste era a 400 millas náuticas de onde a atopara o Dei Gratia[37]. Deveau comprobou que os obxectos do interior da cabina estaban húmidos e luxados pola acción da auga que pasara polas entradas e bufardas pero mantiña unha orde razoable; deu con pertenzas persoais estradas pola cabina de Briggs, como unha espada envaiñada baixo da cama mais a maior parte dos documentos da nave e os instrumentos de navegación do capitán desapareceran. Os utensilios de cociña estaban coidadosamente recollidos nun lado; non había comida preparada ou en preparación, pero si había provisións de abondo nos depósitos. Non existían indicios patentes de lume ou violencia; a evidencia indicaba unha marcha ordenada do navío no bote que faltaba[41].
Deveau volveu para informarlle a Morehouse, quen decidiu levar o barco abandonado a Xibraltar, localizado a 600 millas. Segundo o dereito marítimo quen rescatase un navío tiña dereito a unha parte substancial do valor combinado da nave rescatada e do seu cargamento, o valor exacto dependía do grao de risco que levara o salvamento. Morehouse dividiu a súa tripulación de oito entre os dous barcos, con Deveau e dous mariñeiros experimentados no Mary Celeste mentres el con outros catro mantíñanse no Dei Gratia. O tempo permaneceu relativamente quedo durante a maior parte da travesía pero os navíos ían tardos ao dispor de pouca mariñeiría. O Dei Gratia aportou a Xibraltar o 12 de decembro e o Mary Celeste, que atopara un banco de néboa, fíxoo á mañá seguinte e, inmediatamente, o tribunal do vicealmirantado procedeu á súa retención para preparar a audiencia de salvamento[42].
Audiencia de salvamento
A audiencia de salvamento comezou o 17 de decembro de 1872 presidida polo xuíz en xefe de Xibraltar, James Cochrane e con Frederick Solly-Flood como fiscal. Os testemuños de Deveau e Wright convenceron rotundamente a Flood que se cometera un crime[43]. O 23 de decembro Flood ordenou un exame do Mary Celeste, que dirixiu John Austin, inspector naval, coa axuda dun mergullador, Ricardo Portunato. Austin notou tallos en cada beira da proa causados, segundo pensaba, por un instrumento cortante, e encontrou posibles trazas de sangue na espada do capitán. O seu informe dáballe énfase a que o barco non semellaba afectado por tempo bravo e citaba como proba que atopara un frasco de aceite para unha máquina de coser ben colocado verticalmente[44]. Así e todo, Austin non recoñeceu que se puidera substituír o frasco despois do abandono, nin o tribunal considerou esa opción[45]. O informe de Portunato sobre o casco colixía que o barco non se vira afectado por unha colisión nin nun encallamento[46]. Unha inspección adicional realizada por un grupo de capitáns da Royal Navy ratificou a opinión de Austin de que os tallos da proa déranse á mantenta. Tamén descubriron máculas nunha das bordas do navío que poderían ser de sangue xunto cunha fonda marca posiblemente causada por unha machada[47]. Eses achados fortificaron as sospeitas de Flood sobre un acto humano máis que un desastre natural era a causa do misterio[48]. O 22 de xaneiro de 1873 enviou os informes ao Board of Trade de Londres, engadíndolle a súa propia conclusión que a tripulación embebedara co alcol (ignoraba que non era potable) e asasinara á familia de Briggs e mais os oficiais nun desvarío alcólico. Eles fixeran tallos na proa para simular unha colisión, e entón fuxiron no bote para sufrir unha sorte descoñecida[48]. Flood pensaba que Morehouse e os seus homes agachaban algo, sospeitando que atoparan ao Mary Celeste máis ao leste, e que se manipulara o rexistro. Non podía aceptar que o Mary Celeste puidera viaxar tan lonxe sen tripulación[49].
James Winchester arribou a Xibraltar o 15 de xaneiro para inquirir cando poderían liberar o Mary Celeste para entregar a súa carga. Flood demandou unha fianza de 15 000 dólares, cartos que Winchester non tiña[50][51]. Winchester era consciente que Flood pensaba que el deliberadamente contratara unha tripulación capaz de matar a Briggs e os seus oficiais como parte dalgún tipo de conspiración[52]. O 27 de xaneiro durante unha serie de duros intercambios de pareceres con Flood, Wischester testemuñou a forte personalidade de Briggs, e insistiu que endexamais abandonaría o barco bardante no caso dunha situación límite[53]. As teorías de Flood sobre un motín e asasinato recibiron un forte revés cando unha análise científica das máculas que se atoparan na espada e noutros lugares do navío revelaron que non se trataba de sangue[54]. Un segundo golpe para Flood foi un informe encargado polo cónsul norteamericano en Xibraltar, Horatio Sprague, ao capitán Shufeldt da US Navy no que se afirmaba que as marcas da proa non se debían á acción humana, senón á acción natural do mar sobre as táboas do navío[55].
Sen nada concreto no que apoiar as súas sopeitas, Flood liberou o 25 de febreiro con reticencias o Mary Celeste da xurisdición do tribunal. Dúas semanas despois, cunha tripulación recrutada localmente baixo o mando do capitán George Blatchford de Massachusetts o navío deixou Xibraltar rumbo a Xénova[56]. O 8 de abril decidiuse o pagamento do salvamento, Cochrane anunciou unha retribución de 1700 libras, equivalente a un quinto do valor total do barco e do cargamento[56], moi por baixo do que se esperaba[57].
Anos finais
O Mary Celeste deixou Xénova o 26 de xuño de 1873 e arribou a Nova York o 19 de setembro[58]. As informacións xornalísticas falaban de derramamento de sangue e asasinato e o navío permaneceu un tempo no peirao deteriorándose[59]. En febreiro de 1874 o consorcio vendeuno, con cuantiosas perdas, a un grupo de homes de negocios neoiorquinos[60].
Cos novos propietarios, o Mary Celeste navegou principalmente por rutas das Indias Occidentais e o océano Índico, habitualmente con perdas económicas[60]. Novas dos seus movementos aparecían ocasionalmente na información marítima dos xornais; en febreiro de 1879 estivo na illa de Santa Helena,[61] tras recalar na procura de asistencia médica para o seu capitán, Edgar Tuthill, que enfermara. Tuthill morreu na illa, o que alimentou a idea de que o barco estaba maldito: era o terceiro capitán en morrer prematuramente[60]. En febreiro de 1880 o navío vendeuse a un grupo de homes de negocios de Boston encabezados por Wesley Gove. Un novo capitán, Thomas L. Fleming, permaneceu no posto ata agosto de 1884 ao substituílo Gilman C. Parker[62]. Durante eses anos, o porto de rexistro do buque cambiou varias veces, antes de volver a Boston. Non existen rexistros das súas viaxes pero os seus novos propietarios lograron beneficios[63][64].
En novembro de 1884, Parker conspirou cun grupo de fretadores bostonianos para encher o navío cun cargamento sen case valor e falsear o manifesto do barco indicando que levaban bens de valor, asegurándoo por 30 000 dólares. O 16 de decembro, Parker saíu rumbo a Port-au-Prince, a capital e principal porto de Haití[65] e o 3 de xaneiro de 1885 o Mary Celeste aproximábase ao porto a través da canle entre a illa de Gonâve e terra firme, onde se atopa un gran e ben coñecido arrecife coralino, o Rochelois para onde Parker dirixiu adrede o barco, resgando o fondo e estragándoo sen remedio. O capitán mais a tripulación entón vogaron ata a costa, e alí venderon o que puideron salvar do cargamento por 500 dólares ao cónsul norteamericano e incoaron a reclamación ao seguro polo valor declarado[66][67].
Ao informar o cónsul que o que mercara non tiña valor ningún[68], os aseguradores do navío comezaron unha investigación minuciosa que axiña revelou a verdade sobre a fraude no seguro do cargamento. En xuño de 1885 un tribunal de Boston acusou a Parker mais os fretadores de conspiración para cometer fraude de seguros. Ademais, a Parker acusouno de "afundir intencionalmente o barco", un crime coñecido como baratería e que se castigaba coa pena de morte nesa época. O caso por conspiración foi o primeiro, pero o 15 de agosto o xurado anunciou que non podían poñerse de acordo no veredicto. Algúns xurados eran reticentes a arriscarse a prexudicar a Parker, considerándoo culpable no primeiro xuízo, para logo xulgalo por un crime que tiña aparellada a pena capital. En troque de ordenar unha custosa repetición do xuízo, o xuíz negociou un acordo polo que os acusados retiraban as reclamacións de seguro e devolvían o que recibiran. Aprazouse o cargo por baratería e Parker puido saír libre. Así e todo, a súa reputación persoal quedou arruinada, e morreu na pobreza tres meses despois. Outro dos acusados toleou e un terceiro suicidouse.
Teorías sobre o que lle sucedeu en 1872
Acto criminal
Malia a falta de probas en favor dun acto criminal esta teoría contou cos seus partidarios. O 24 de marzo de 1873 unha circular da división de navegación do Departamento do Tesouro norteamericano na que se soliciaba información sobre o caso formulaba a sospeita dun asasinato cometido por unha tripulación ebria de alcol contra do primeiro oficial, do capitán e da súa familia[69]. Flood e algunhas informacións de xornais sostiveron durante algún tempo que houbera fraude á aseguradora por parte de Winchester e que o cargamento estaba asegurado cun valor maior do real. Winchester rebateu con éxito esas alegacións e as compañías de seguros non realizaron investigación ningunha.[70] En 1931 un artigo do Quarterly Review insinuaba que Morehouse podería estar a agardar ao Mary Celeste, e logo atraeu a Briggs e á súa tripulación a bordo do Dei Gratia e matáronos alí. Paul Begg sinala que esta teoría ignora o feito que o Dei Gratia era un navío máis lento; deixou Nova York oito días despois do Mary Celeste e non podería alcanzar o Mary Celeste antes de chegar a Xibraltar[71][72].
Outra teoría sostén que Briggs e Morehouse eran socios nunha conspiración para compartir a remuneración do rescate[73]. Unha suposta amizade, que nunca se probou, entre os dous capitáns estaría na base desa teoría[74]. Pero non tería sentido deixar un dos seus fillos se pretendía desaparecer permanentemente co resto da familia[70]. Tamén se suxeriu un ataque de piratas rifeños activos nas costas de Marrocos na década de 1870. Non obstante, Charles Edey Fay advirte que os piratas habían saquear o barco, incluíndo as posesións persoais do capitán e tripulación que permanecían no seu lugar, e algunha de considerable valor[75] . En 1925 o historiador John Gilbert Lockhart especulou que Briggs masacrou a todos os que estaban a bordo e logo suicidouse nun ataque de furor relixioso. Lockhart tras falar cos descendentes de Briggs desculpouse e retirou esa teoría nunha edición posterior do seu libro[72][74].
Fenómenos naturais
Os analistas concordan polo xeral que algunha circunstacia extraordinaria e grave tivo que se presentar para que toda a tripulación abandonara un barco sólido, en condicións de navegar e con provisións abondas[76][77]. Deveau propuxo unha explicación baseada na vara de sondaxe abandonada na cuberta, e así suxeriu que Briggs deixou o buque despois dunha sondaxe, que por un mal funcionalmente das bombas ou outra circunstancia, darlle a falsa impresión de que o navío se estaba enchendo de auga rapidamente[78].
Propuxéronse outras explicacións, como a presenza dun iceberg desprazado, o temor a quedar varado por mar calmo, ou un repentino maremoto. A evidencia hidrográfica indica que un iceberg á deriva tan ao sur é improbable, e outros navíos repararían nel[75]. Begg dálle máis consideración á teoría de que o Mary Celeste cando estaba parado comezou a ir á deriva cara ao arrecife de Dollabarat, ao longo da illa de Santa Maria. Esta teoría supón que Briggs temía que o seu barco varase e botou o bote na posibilidade de chegar a terra. O vento puido logo mellorar e levar o Mary Celeste lonxe do arrecife, e o bote afundiuse ou perdeuse no mar. Non obstante, se o navío estaba quedo, todas as velas habían estar pregadas para aproveitar a máis mínima airexa, e o certo é que se atopou con moitas das súas velas enrodeladas[27].
Un maremoto podería causar a suficiente turbulencia na superficie para danar parte do cargamento do Mary Celeste e, xa que logo, liberar gases inflamables. O medo a unha explosión inminente puido conducir á orde de Briggs de abandonar o barco; as trapelas abertas suxiren que houbo unha comprobación ou un intento de airear o lugar[79]. O New York World do 24 de xaneiro de 1886 chamou a atención do caso dun navío que explotou ao transportar alcol[80]. O mesmo xornal nunha información do 9 de xaneiro de 1913 citou o filtrado de alcol duns poucos barrís porosos como a fonte dos gases que puideron levar a ameazar cunha explosión na bodega do Mary Celeste[81]. O primo do capitán Briggs, Oliver Cobb, foi un firme defensor desta teoría que proporciona un escenario o suficientemente alarmante como para ordenar a evacuación do barco[82]. Briggs deixou ás présas o barco ante o temor dunha explosión e puido fallar en asegurar axeitadamente o bote ao cabo de remolque. Un refacho repentino puido arredar o barco do bote e dos seus ocupantes, deixándoos sucumbir aos elementos. A falla de danos por unha explosión e a, polo xeral, boa condición do cargamento á descuberta tenderon a debilitar esta posibilidade[83].
Ficción, falsidades e fantasías
Os feitos e a ficción entretecéronse durante décadas. Los Angeles Times divulgou a historia do Mary Celeste en xuño de 1883 cunha chea de detalles inventados: "Cada vela estaba despregada, a cana do leme estaba ben trincada, non había cabo ningún fóra de lugar...O lume ardía na cociña. A cea permanecía sen tocar e apenas fría ... A última entrada do caderno de bitácora escribírase unha hora antes do descubrimento"[84].
A historia que máis influencia tivo na mentalidade colectiva foi un relato que se publicou no número de xaneiro de 1884 do Cornhill Magazine e que garantiu que os feitos non desen no esquecemento[85][86]. Foi un dos primeiros traballos de Arthur Conan Doyle, entón un médico da mariña de 25 anos, e leva por título J. Habakuk Jephson's Statement e constitúe unha narración libremente adaptada dos feitos. Denominou o barco Marie Celeste so o mando do capitán J. W. Tibbs, e a viaxe acontecía en 1873 nunha travesía de Boston cara a Lisboa. O mercante transportaba viaxeiros, entre os que estaba Jephson.[87]. No conto Septimus Goring, un fanático que odiaba a raza branca, suborna a tripulación para asasinar a Tibbs e levar o navío ás costas de África occidental. Matan tamén a todos os pasaxeiros, agás Jephson ao que perdoan por posuír un encanto máxico que veneran Goring e os seus cómplices. Por suposto, Conan Doyle non esperaba que a súa historia se tivese como certa, pero Sprague aínda nesa época cónsul norteamericano en Xibraltar [88] quedou o suficientemente ingrigado para indagar se algunha parte da historia podería ser verídica[89].
En 1913 The Strand Magazine publicou o relato dun suposto sobrevivente denominado Abel Fosdyk e que se presentaba como o socrecargo do Mary Celeste. Segundo esta versión, a tripulación axuntárase arredor dunha plataforma temporal de natación para observar unha competición pero de súpeto a plataforma esborrallouse. Todos afogaron ou serviron de alimento os tiburóns, agás Fosdyk. A diferenza da historia de Conan Doyle, a revista propúxoa como unha solución seria ao enigma malia estar chea de erros, dende poñer "Griggs" por Briggs ou "Boyce" por Morehouse ata mudar a idade da filla de Briggs e pasar de dous a sete anos pasando por variar a tripulación a 13 ou amosar unha ignorancia supida da linguaxe náutica[85].
Foi famosa tamén unha fraude literaria que na década de 1920 realizou o escritor irlandés Laurence J. Keating, que presentou un novo sobrevivente da historia, John Pemberton que presentaba un complexo relato de asasinato, tolemia e conxura Dei Gratia. Incluía erros básicos, como empregar como nome do barco o que usara Conan Doyle ("Marie Celeste") e erros en nomes de personaxes centrais da historia[90]. A pesar diso, estaba tan convincentemente contado que o New York Herald Tribune do 26 de xullo de 1926 considerábao verdadeiro sen dúbida ningunha[91][92].
En 1924 o Daily Express publicou unha historia dun heroe de guerra naval retirado, o capitán R. Lucy que presentaba como informante un presunto antigo contramestre do Mary Celeste[93] mesmo non habendo ninguén rexistrado con esta función na listaxe da tripulación[94]. Segundo o relato, Briggs mais a súa tripulación aparecen como depredadores: ao veren un vapor abandonado ao garete abórdano e levan as 3500 libras en ouro e prata que había no seu cofre, dividen os cartos, abandonan o Mary Celeste e comezan novas vidas en España. Era unha historia insólita pero tivo ampla aceptación durante algún tempo[93].
Chambers's Journal no número do 17 de setembro de 1904 suxeriu que un polbo ou lura xigante apañou un a un a todos os ocupantes do barco[95]. E aínda que unha lura xigante pode chegar os quince metros de lonxitude[96] e hai casos documentados de ataques a buques[97] e en teoría podería apañar unha persoa é difícil pensar que se fixera co bote e os instrumentos de navegación[98]
Hai outras explicacións máis fantasiosas de carácter paranormal, con evocacións ao triángulo das Bermudas, aínda que o abandono do barco foi nunha parte ben diferente do Atlántico[99], e tamén se formularon teorías nas que participaban extraterrestres e ovnis[100].
Memoria popular
O Mary Celeste non foi o primeiro caso coñecido de barco abandonado en estrañas circunstancias mar a fóra pero foi o de Mary Celeste, ou baixo a forma de Marie Celeste, o que se transformou na mentalidade popular en sinónimo de navío pantasma[101][102][103][104]. E, xa que logo, ao aparecer un caso semellante a comparación é adoito co que lle sucedeu ao Mary Celeste como foi a desaparición do Joyita que desapareceu en outubro de 1955 con 25 persoas a bordo mentres vogaba entre Samoa e Tokelau e que apareceu un mes despois sen traza dos seus ocupantes a 600 millas da súa ruta[105].
Na década de 1930 o misterio do Mary Celeste inspirou dous dramas radiofónicos da BBC, un de L. Du Garde Peach e outro de Tim Healey[106][107] e fíxose unha versión teatral da obra de Peach en 1949.[108]. Publicáronse varias novelas, que polo xeral ofrecen explicacións naturais máis que fantásticas, de autores como Richard Rees: [109], Brian Freemantle: [110] ou Valerie Martin [111].
En 1935 a británica Hammer Film Productions realizou The Mystery of the Mary Celeste con Bela Lugosi como o mariñeiro trastornado. En 1938 unha curta, The Ship That Died, presenta dramatizacións con teorías para explicar o abandono: motín, medo a unha explosión e o sobrenatural[112]. Unha referencia ao barco saíu en 1965 nun episodio da segunda tempada da serie de ciencia ficción da BBC Doctor Who[113] e en 1980 un episodio da serie de televisión norteamericana In Search of... sobre fenómenos paranormais tivo como protagonista o misterio do Mary Celeste.
En novembro de 2007 realizouse a estrea no Smithsonian Channel do documental The True Story of the Mary Celeste, que investigou numerosos aspectos do caso sen ofrecer ningunha solución definitiva[114].
En Spencer's Island hai un monumento dedicado ao Mary Celeste e a súa tripulación perdida no lugar da construción do bergantín e Xibraltar mais as Maldivas emitiron selos postais conmemorando o incidente[115].
↑Así e todo, non está de todo claro o destino desta súa primeira viaxe; outras fontes citan que a primeira viaxe foi a de Five Island para recoller un cargamento de madeira con destino a Londres: Begg, pp. 17–18
Fay, Charles Edey (1988). The Story of the Mary Celeste. New York: Dover Publications. ISBN978-0-486-25730-3. Edición revisada do libro publicado orixinalmente polo Museo Peabody, Salem, Massachusetts, en 1942.