O calado dun corpo é a diferenza entre a súa parte máis somerxida e o nivel que acada a auga no corpo, polo tanto pódese definir como a altura dun corpo somerxida nun líquido, xeralmente aplicado a barcos, bateas, boias e demais obxectos marítimos ou fluviais na auga.
Este calado dependerá da densidade do líquido, da superficie na que o corpo toca co líquido e da densidade do corpo principalmente. Por estas razóns mentres que un petroleiro, por exemplo, leva varios metros de barco afundidos, unha lancha planeadora apenas leva uns centímetros.
Os barcos adoitan levar escalas métricas (con números, cada separación son 10 cm) ou en sistema inglés (en letras, cada unha é un pé) de unidades nos costados de proa e popa. Nas cales é posíbel visualizar o nivel ao que está a embarcación e detectar algún tipo de problema ou diferenzas de calados (trimado).
Tamén falamos de calado ao referirnos á diferenza entre o leito fluvial ou mariño e a superficie da auga, e xeralmente mídese con baixamar para coñecer o calado máximo dos corpos que poden pasar por esa ruta. Polo tanto o calado inflúe moito no desenvolvemento dos portos, xa que a maior calado maiores serán os barcos que poidan entrar e polo tanto máis florecente será a industria dese porto.