Martha Sánchez Néstor, nada en Xochistlahuaca, Guerrero o 4 de febreiro de 1974 e finada en Ometepec, Guerrero o 30 de xullo de 2021,[1][2] foi unha líder indíxena do pobo amuzgo e unha feminista mexicana.[3]
Traxectoria
Durante a súa adolescencia, migrou do seu lugar de orixe, situado no concello de Xochistlahuaca, a Chilpancingo para realizar os seus estudos.[4] Alí traballou no Consello Estatal Electoral, lugar no que coñeceu a outras mulleres con intereses políticos e encargadas da defensa dos dereitos das mesmas. Nese contexto deu inicio a súa participación na defensa dos dereitos das mulleres.
En 1994, incorporouse a traballar no Consello Guerrerense 500 Años de Resistencia Indígena e máis tarde, foi fundadora do Consello da Nación Amuzga Ñe cwii ñ'oom A.C. e da cooperativa de tecedoras Flores de la Tierra Amuzga.[4] Colaborou na creación da Convención Nacional Democrática na Selva Lacandona.
En 2004, participou na conformación da Coordinadora Guerrerense de Mulleres Indíxenas (CGMI), que reuniu ás catro etnias de Guerrero: amuzga, mixteca, náhuatl e tlapaneca. Alí escribiu con outra líder indíxena, Libni Iracema Dircio Chautla, e a académica Gisela Espinosa Damián, a obra titulada "Una nueva intelectualidad femenina en los pueblos indígenas de Guerrero" (Espinosa, Libni, Chautla e Sánchez Néstor, 2010).[5]
Foi unha das defensoras de dereitos das mulleres indíxenas máis sobresalientes pola súa participación na loita polo recoñecemento dos seus dereitos. Pertenceu á Directiva da Coordinación Estatal Indíxena e Afromexicana, foi coordinadora da Alianza de Mulleres Indíxenas de Centroamérica e México, é membro voceira do Consello Directivo do Instituto de Liderado Simone de Beauvoir, así como membro do Consello Cidadán para a Promoción e Defensa dos Dereitos Políticos das Mulleres do INMUJERES.[3]
Morte
Martha Sánchez Néstor faleceu o 30 de xullo do 2021, en Ometepec, Guerrero, por complicacións da COVID-19.
Recoñecementos
- 2005, recibiu o mérito civil "Antonia Nava de Catalán".[6]
- 2006, foi galardoada co premio civil indixenista "Cuauhtémoc", outorgado polo Goberno do Estado de Guerrero.[7]
- 2011, foi recoñecida como unha das 100 líderes do mundo máis comprometidas coa saúde das mulleres e nenas, pola organización internacional Women Deliver.[8] Nese mesmo ano, a revista Proceso incluíuna na súa edición especial Heroínas Anónimas.[9]
- 2012, recibiu a medalla Omecíhuatl, na categoría "Polos destacados achegues ao recoñecemento e exercicio dos dereitos humanos das mulleres", galardón que outorga o Instituto das Mulleres do entón Distrito Federal.[10]
- 2014, a Comisión de Dereitos Humanos do Distrito Federal entregoulle o premio Ponciano Arriaga, que outorga ás persoas defensoras dos dereitos humanos destacadas.
- En 2016, a Revista Forbes México, incluíuna na súa lista das 100 mulleres máis poderosas de México.[9]
Notas