Manuel Piñeiro Losada, nado en Matanzas (Cuba) o 14 de marzo de 1933 e finado na Habana o 11 de marzo de 1998, máis coñecido como o comandante Barbarroja, foi un político e militar cubano, de orixe galega. Foi unha das principais figuras da Revolución Cubana como responsable da construción dos aparellos de seguridade cubanos e da expansión dos grupos radicais de esquerda en América Latina.
Traxectoria
Fillo de dous emigrantes galegos, a lenda di que «naceu no medio dun furacán no mostrador do bar que tiñan os seus pais na cidade cubana de Matanzas».[1]
Participou nas protestas estudantís en rexeitamento do golpe de estado do 10 de marzo de 1952, que levou o poder ao ditador Fulgencio Batista. En setembro de 1953, o seu pai, un xerente de Bacardí, enviouno a estudar á Universidade de Columbia, en Nova York, para afastalo da política.[2] Mentres estudaba opúxose á discriminación política, racial e social que imperaba neses anos nos Estados Unidos; tamén casou cunha norteamericana, a bailarina Lorna Burdsall, da que despois se separaría.[2][3]
Regresou a Cuba, á súa cidade natal en 1955, onde se converteu nun dos fundadores do Movemento 26 de xullo. Foi detido polos organismos de seguridade de Batista e fichado polas súas actividades subversivas. Continuou as súas actividades clandestinas na Habana ata que perseguido pola policía, decidiu subir a Sierra Maestra a incorporarse á columna mandada por Fidel Castro.
En marzo de 1958, foi recoñecido polos seus méritos e escollido persoalmente por Fidel como oficial para integrar a creación do II Fronte Oriental Frank País baixo o mando de Raúl Castro. Nesta fronte participou en varios encontros con efectivos do Exército cubano. Posteriormente foi nomeado xefe de persoal e inspección, que incluía o Servizo de Intelixencia e a Policía Rebelde.
Durante os combates pola toma de Santiago de Cuba, foi ascendido a comandante do Exército Rebelde. Logo do triunfo foi nomeado xefe da Praza Militar desa cidade. É nesta época cando foi captado por primeira vez polas cámaras onde se observaba a súa barba vermella, que explica o seu sobrenome.
Barbarroja foi sempre un incondicional de Fidel, quen o alcumaba El Gallego, o que quedou demostrado publicamente por primeira vez durante o caso dos aviadores: un tribunal revolucionario, presidido polo comandante Féliz Pena, xulgou o 2 de marzo de 1959, en Santiago de Cuba, a 43 membros da Forza Aérea de Batista, e absolveunos a todos. Esa mesma noite, Fidel anulou o fallo e nomeou un novo tribunal, presidido por Piñeiro, que si condenou aos aviadores. Pena suicidouse e o comandante Antonio Michel Yabor, outro dos membros do primeiro tribunal, terminou no exilio.[4]
Logo foi trasladado á Habana, onde cumpriu diversas funcións para a creación dos organismos de intelixencia e seguridade do réxime de Castro. O 6 de xuño de 1961, foi nomeado viceministro do Ministerio do Interior e xefe do denominado Viceministerio Técnico, órgano encargado de desenvolver a política de intelixencia e expandir o comunismo en América Latina.
Durante a Invasión de Baía de Cochinos, Piñeiro foi vice de Ramiro Valdés Menéndez, xefe do G-2, a Seguridade do Estado cubana.
En 1965 foi elixido membro do comité central do Partido Comunista Cubano, cargo que desempeñou até 1997. Ese mesmo ano, recibe na Habana a Markus Wolf, director da Stasi, o órgano de intelixencia da República Democrática Alemá que asesorou a formación da Dirección Xeral de Intelixencia de Cuba.
Frederick Kempe, que foi correspondente diplomático de The Wall Street Journal, escribiu que Piñeiro sostiña que o problema das drogas é un problema dos Estados Unidos, e que se o narcotráfico lle causa dano e consegue diñeiro para a revolución, ben está.
A comezos de 1975 pasou a dirixir o Departamento Américas do Comité Central do PC. Piñeiro foi responsable de todas as operacións cubanas en Granada, Nicaragua e O Salvador, así como tamén noutros países de América, Estados Unidos incluído, xa que de feito era o coordinador xefe das operacións secretas no continente. A partir de 1997, retirouse de todos os cargos e dedicouse a escribir e corrixir libros e estudos sobre a Revolución Cubana.
O 11 de marzo de 1998, logo de recibir unha homenaxe polos 40 anos da creación da Fronte Oriental, sufriu un accidente mentres conducía á súa casa e estrelouse contra unha árbore, perdendo a vida. Foi soterrado no Cemiterio de Colón, na Habana.[7]
Mauricio Vicent, correspondente do diario español El País, resumía con estas palabras a personalidade de Piñeiro: «Heroe para os seus homes en Cuba, odiado a matar polos seus inimigos ideolóxicos en Miami, Estados Unidos e todo o continente, Piñeiro foi un estratego extremadamente hábil, dun humor e intelixencia fóra do común, calidades que recoñecían e temían até os seus peores adversarios».[1] Revolucionario fervente, «mantivo até o final que o pensamento de Guevara aínda tiña vixencia en América Latina e que a guerrilla de Bolivia puido triunfar».[1]
Obras
Luís Suárez Salazar reuniu textos de Piñeiro que publicou en Ocean Press en colaboración con Edicións Tricontinental en Che Guevara y la revolución latinoamericana.[8]
Vida persoal
Estaba casado coa escritora chilena Marta Harnecker, a quen coñecera en 1972 e con quen tivo unha filla, Camila.
Notas
- ↑ 1,0 1,1 1,2 Vicent, Mauricio (13 de marzo de 1998). "Muere en accidente uno de los míticos comandantes de la revolución cubana". El País (en castelán). Consultado o 3 de xaneiro de 2019.
- ↑ 2,0 2,1 Cino, Luis. "Vida y muerte de Manuel Piñeiro Losada (Barbaroja)". www.balancecubano.blogspot.com (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 03 de xaneiro de 2019. Consultado o 3 de xaneiro de 2019.
- ↑ "Manuel "Barba Roja" (Red Beard) Piñeiro Losada [1934-1998]". www.thegrenadarevolutiononline.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 03 de xaneiro de 2019. Consultado o 4 de xaneiro de 2019.
- ↑ Adán, José A. "El juicio de los aviadores". www.autentico.org (en castelán). Consultado o 3 de xaneiro de 2019.
- ↑ Rohter, Larry (13 de marzo de 1998). "Manuel Pineiro, Spymaster For Castro, Is Dead at 63". The New York Times (en inglés). Consultado o 4 de xaneiro de 2019.
- ↑ Piñeiro Losada, Manuel; Suárez Salazar, Luís. Che Guevara y la revolución latinoamericana (en castelán). Ocean Sur. ISBN 9781920888855. OCLC 123131187.
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas