O Manifesto das 343, en francés Le manifeste des 343, foi unha declaración asinada por 343 mulleres que admitían que abortaran, expoñéndose deste xeito a ser procesadas criminalmente. O manifesto apareceu na revista francesa Le Nouvel Observateur o 5 de abril de 1971. Tamén sería coñecido como o "Manifesto das 343 putas" (en francés, Le manifeste des 343 salopes[1]) ou o "Manifesto das 343 prostitutas".[2]
Un millón de mulleres abortan cada ano en Francia. Fano en condicións perigosas debido á clandestinidade a que son condenadas, cando esta operación, practicada baixo control médico é do máis simple. Sobre este millón de mulleres calamos. Declaro que eu son unha delas. Declaro que abortei. Da mesma maneira que reclamo o libre acceso ós medios anticonceptivos reclamo o aborto libre.
Unha nota ao pé de páxina indicaba ademais que tamén estaban representadas os membros do "Mouvement de Libération des Femmes", que reclamaba o aborto libre e gratuíto ("parmi des signataires, des militantes du Mouvement de Libération des Femmes réclament l'avortement libre et GRATUIT").
O manifesto incluíu máis sinaturas que as publicadas en Le Nouvel Observateur.[5]
Impacto
Á semana seguinte da aparición do manifesto, o titular do xornal semanario satírico Charlie Hebdo mostraba unha ilustración que atacaba os políticos homes coa pregunta, "Quen empreñou as 343 putas do manifesto sobre o aborto?"[6] Esta ilustración de Cabu deu orixe ao nome polo que é coñecido este manifesto.
O manifesto tamén tivo o seu eco en Alemaña, como amosa a publicación, o 6 de xuño de 1971 doutro manifesto titulado "Wir haben abgetrieben" (en galego "Nós abortamos") na revista Stern.[7]
Tamén foi a inspiración para que o 3 de febreiro de 1973, 331 médicos asinasen un manifesto no que se declaraban a favor do dereito ao aborto:
Queremos liberdade para abortar. É unha decisión unicamente da muller. Rexeitamos calquera entidade que as force a xustificarse, perpetuando a atmosfera de culpabilidade e que permite que persistan os abortos clandestinos.
Todo iso contribuíu á aprobación en decembro de 1974 e xaneiro de 1975 da chamada "lei Veil", promovida pola ministra de saúde, Simone Veil, que revogou as penas para quen finalizase voluntariamente o embarazo dentro das primeiras dez semanas. En 2001 a reforma desta lei presentada por Martine Aubry ampliou o prazo ata as doce semanas.[9]
↑Cita orixinal: "Nous voulons que l’avortement soit libre. La décision appartenant entièrement à la femme, nous refusons toute commission qui la contraint à se justifier, maintient la condition de culpabilité et laisse subsister l’avortement clandestin. Zancarini-Fournel, Michelle (4 de decembro de 2006). "Histoire(s) du MLAC (1973-1975)". Clío(en francés) (18). Consultado o 19 de decembro de 2008.