A cidade de Santiago de los Caballeros de Mérida, coñecida simplemente por Mérida, é a capital municipal do concello de Libertador, no estado venezolano de Mérida. É unha das principais cidades dos Andes Venezolanos.
En Mérida teñen a súa sé a Arquidiocese de Mérida e tamén a Universidade de Los Andes, constituíndo a maior cidade universitaria e turística do occidente venezolano. Entre os seus atractivos turísticos está o teleférico máis alto e segundo máis longo do mundo, así como un atractivo sistema de transporte colectivo coñecido como Trolebús Mérida.
Historia
Mérida foi fundada por Juan Rodríguez Suárez o 9 de outubro de 1558, quen lle deu o nome da súa cidade natal, Mérida en Estremadura. Un ano despois Juan de Maldonado decidiu o seu traslado ao seu lugar actual. No momento da súa fundación formaba parte da Nova Granada. A cidade dependeu do Correxemento de Tunja aínda que, no ano 1607, se constituíu como Correxemento da Audiencia de Santa Fe de Bogotá. Máis adiante pasou a pertencer á Capitanía Xeneral de Venezuela, desempeñando un papel activo durante a Guerra Revolucionaria.
Xeografía
Mérida está situada a unha altitude de 1.600 metros, nun planalto de orixe aluvial coñecido como Tatuy, no val do río Chama, rodeado de bosques e fragas. A forma oblonga da cidade segue estreitamente o curso do río, que a percorre dun extremo a outro. A cidade atópase entre a Serra Nevada de Mérida polo sueste e a Serra La Culata polo noroeste. No horizonte érguese o Pico Bolívar, que é a montaña máis alta do país.