A súa educación foi confiada especialmente á súa institutriz belga Victoire Wauthier, e estudou francés, alemán, inglés, ruso e mais piano.
En 1849 a corte de Estocolmo pensou que a princesa Luísa era unha adecuada candidata para o matrimonio do Príncipe da Coroa Carlos, fillo do rei Óscar I de Suecia e da súa esposa Xosefina de Leuchtenberg, herdeiro das coroas de Suecia e Noruega, despois de que fallasen as negociacións para concertar o matrimonio entre Carlos e unha princesa prusiana. Nese ano, Carlos viaxou ao Reino Unido dos Países Baixos para coñecer a princesa Luísa. O rei Óscar I desexaba asegurar conexións entre a familia real da nova dinastía de Bernadotte e as antigas dinastías reais de Europa, e unha princesa protestante era vista como unha raíña adecuada para a unión Suecia-Noruega despois de dúas predecesoras católicas. Luísa reunía estes requisitos e, ademais, esperábase un gran dote da rica casa de Orange-Nassau. O secretario do gabinete L. Manderström foi enviado para estudar o caso e informou que Luísa tiña unha excelente educación e era unha moi boa persoa (aínda que non era atractiva fisicamente). Ao parecer, Luísa sentiu unha atracción inmediata por Carlos, mentres que este, en cambio, aparentemente, quedou decepcionado. En agosto de 1849 foi arranxado o compromiso, tras convencer Óscar ao seu filo de que o aceptase. O compromiso anunciouse oficialmente en febreiro de 1850 e casaron en Estocolmo o 19 de xuño de 1850.[3][4]
As expectativas da gran fortuna de Luísa debateuse en Suecia, tanto no Parlamento como na prensa radical, que suxeriu que o monarca agora sería capaz de financiar a construción da rede dos ferrocarrís suecos. En realidade, con todo, o seu dote resultou ser moi pequeno. Luísa estudou a lingua sueca e a historia do país; porén, nunca aprendeu o noruegués. Por outra parte, dado que o goberno neerlandés apoiara o matrimonio, Luísa non tivo que renunciar aos seus dereitos ao trono dos Países Baixos polo seu matrimonio.[Cómpre referencia]
Princesa herdeira
Luisa saíu de Alemaña nun barco sueco de Travemünde e chegou a Suecia cos seus pais e a súa irmá María, que estiveron presentes na súa voda. A princesa Luísa e o Príncipe da Corona Carlos casaron en Estocolmo o 19 de xuño de 1850 na Catedral, coñecida en sueco como Storkyrkan (literalmente, "Grande Igrexa") ou Sankt Nikolai kyrka (Igrexa de San Nicolao).[3][4] Despois da voda, o rei Óscar I levou a Luísa a unha xira por Suecia para que coñecese o país.
A relación entre Luísa e Carlos non foi feliz. A parella tiña personalidades diferentes: Luísa era introvertida, tímida e prefería unha vida sinxela, mentres que Carlos era extravertido a afeccionado ás festas e á vida social. Luísa foi infeliz no amor con Carlos, que a encontraba pouco atractiva e lle era infiel, o que a ela lle doía moito.
Desde 1852 até 1860, Carlos tivo unha relación con Josephine Sparre, dama de honor de Luísa, o que provocou un escándalo. Sparre foi descrita como tan dominante que se dicía que a princesa herdeira e a súa dama de honor cambiaran os seus papeis. Fritz von Dardel describiu a Sparre deste xeito: "a dama en cuestión é a gran favorita do príncipe, así como da princesa, e goberna totalmente a ambos os dous en todo o relacionado coa súa vida cotiá. Dotada dun talento inusual para agradar e facerse indispensábel, logrou manexar o príncipe herdeiro nun estraño grao."[5]
Luísa trataba a Carlos benevolentemente, e este, en cambio, tratábaa a ela con neglixencia. Un coñecido episodio que atraeu a atención tivo lugar na festa de aniversario de Luísa no Palacio de Drottningholm en 1857, cando o príncipe herdeiro propuxo un brinde ao seu "amor secreto", con Luísa e Josephine Sparre presentes. Isto causou unha desagradabel escena, e o irmán de Carlos, o príncipe Óscar, reprendeuno indirectamente pedindo a súa propia esposa, Sofía de Nassau, que brindase con el. Esta escena causou tal impresión a Luísa que estalou en bágoas e sufriu un ataque de nervios.[4]
Raíña consorte
O día 8 de xuño de 1859 Luísa converteuse en raíña consorte de Suecia e Noruega, cando o seu esposo accedeu ao trono co nome de Carlos XV de Suecia á morte de seu pai, o rei Óscar I.
Luísa non foi unha raíña brillante, debido á diferenza de personalidades entre ela e o rei. De feito, non desempeñou ningunha influencia política, a diferenza da súa predecesora (a súa sogra), Xosefina de Leuchtenberg. Pasou a súa vida realizando as tarefas domésticas e tratando de compracer o seu marido, pero o rei tratábaa cunha condescendente bondade. Co tempo, a súa saúde deteriorouse.
Nunha ocasión, durante unha comida campestre, Luísa sufriu unha especie de ataque (posibelmente de epilepsia, segundo as descricións contemporáneas), pero pensouse que era unha reacción histérica debida á neglixencia coa que a trataba o seu esposo. Posteriormente, Luísa foi illándose da xente até a súa recuperación.[6]
Aínda que non lle gustaban os deberes cerimonais, preferindo coidar da súa vida familiar, Luísa tiña interese pola moda, e sempre vestía elegantemente. O seu marido adoraba a súa filla, pero tratábaa coma se fose "un rapaz", o que preocupaba á súa esposa, que non quería unha "infancia sen rendas" para a súa filla.
Luísa tivo que soportar as infidelidades do seu esposo. Despois da súa relación con Josephine Sparre, tivo outra, desde 1869 a 1872, con Wilhelmine Schröder.[3]
Súa Alteza Real o príncipe Carlos, duque de Södermanland, nado en Estocolmo en 1852 e morto na mesma cidade en 1854.
Despois de ter os seus dous fillos, a raíña non puido volver quedar embarazada por motivos de saúde. En 1854 morreu o príncipe Carlos Óscar de pneumonía aos dous anos de idade e, dese modo, o futuro rei perdeu o seu único herdeiro, xa que a lei sálica prevalecía naquel momento en Suecia, polo que a primoxénita, a princesa Luísa, estaba excluída.
Carlos quedou moi desgustado porque isto significaba que a súa proxenie non sería o seguinte monarca de Suecia; o herdeiro sería o seu
irmán Óscar. Luísa ofreceulle a Carlos o divorcio para que puidese casar e ter o herdeiro que anhelaba, pero o rei declinou a oferta.[Cómpre referencia]
Morte
Luísa dos Países Baixos faleceu en Estocolmo o día 30 de marzo de 1871, aos 42 anos, sen poder dar un descendente varón ao seu esposo, co cal, debido á lei de sucesión da época, a coroa pasou á súa morte ao irmán de Carlos XV, que reinaría como Óscar II.