Luís Soto Fernández , nado en Podentes (A Bola ) o 7 de decembro de 1902 e finado en Cidade de México o 12 de novembro de 1981 , foi un político e xornalista galego .
Traxectoria
Fillo dos mestres José Camilo Soto Losada e Sara Fernández. Con catro irmáns, estudou o Bacharelato en Celanova e despois emigrou a Arxentina . Regresou e fíxose mestre, e deu clase en Buscalque (Lobios ),[ 1] [ 2] Penosiños e Mondariz (1934-1936). Comezou a súa traxectoria política no PCE durante a República . Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi suspendido durante tres meses de emprego e soldo pola Comandancia Militar de Tui.[ 3] [ 4] Foi reclamado polo xuíz militar de Vigo mediante requisitoria xunto con Manuel Martínez Alonso , Francisco Bouzas Sánchez , Celso Collazo Álvarez e José Troncoso Faro o 8 de outubro de 1936.[ 5] Requisitoria que volveu repetir o 26 de outubro,[ 6] e o 19 de novembro xunto con F. José Carballo e Francisco Bouza.[ 7] Agochouse disfrazado de crego en Vilanova dos Infantes . Despois pasou a Tourém (Portugal ), e de aí a Lisboa e despois a Francia . Logo no exilio foi secretario de Castelao durante a súa viaxe aos Estados Unidos de América . Despois exiliouse en México , arribando a Nuevo Laredo o 18 de xullo de 1939.[ 8] Tivo unha pequena participación na Revolución Cubana ao enviar o primeiro material médico os guerrilleiros de Serra Maestra . En 1960 autorizaron a súa entrada en España, pero en 1966 foi expulsado e non puido regresar ata a morte de Franco .
Monumento en recordo de Luís Soto
Foi un dos fundadores da UPG en 1964 , marchando dela en 1976 xunto con outros militantes para fundar a UPG-liña proletaria logo rebautizada como Partido Galego do Proletariado , partido marxista-leninista e independentista galego.
Placa en homenaxe a Luís Soto en Lobios
Actividade xornalística
Con 17 anos publicou na Arxentina El Eco , de tendencia socialista. En Galicia dirixiu o periódico El Soviet en 1931, e colaborou en Escuela del Trabajo e Ateo . En México colaborou en España Popular , Nuestra Bandera , Loita , Boletín Galego de Información , Saudade e foi o principal animador da revista Vieiros , xunto a Carlos Velo , Arturo Souto e Florencio Delgado Gurriarán .
Obras
Castelao, a UPG e outras memorias , 1983.
Homenaxes
Dedicóuselle unha rúa no concello de Celanova .
Notas
↑ "Celanova conquista Lobios" . 20/09/2014. Consultado o 19/04/2023 .
↑ "Lobios se suma al camino que homenajea a Luís Soto" . 20/09/2014. Consultado o 19/04/2023 .
↑ El Ideal Gallego , 13-8-1936, p. 2.
↑ "Maestros pontevedreses suspendidos", La Voz de Galicia , 13-8-1936, p. 6.
↑ El Pueblo Gallego , 9-10-1936, p. 3.
↑ El Pueblo Gallego , 27-10-1936, p. 4.
↑ El Pueblo Gallego , 21-11-1936, p. 2.
↑ Ficha en Departamento de Migración de México
Véxase tamén
Bibliografía
Pérez Poza, Roxelio: "Ateo . A represión dun ideal" en Claridade Arquivado 01 de marzo de 2014 en Wayback Machine . Fundación Luís Tilve, setembro de 2007. Especial homenaxe.
Outros artigos