Luigi Riva máis coñecido coma Gigi Riva, nado o 7 de novembro de 1944 en Leggiuno, Provincia de Varese, e finado o 22 de xaneiro de 2024 en Cagliari, foi un futbolista italiano que xogaba na demarcación de dianteiro centro. Considerada a máxima figura histórica do Cagliari Calcio, xogou 13 anos no equipo sardo, co que marcou 207 goles en 374 partidos oficiais. Participou do primeiro ascenso do club á Serie A e liderou o equipo na conquista do seu único título de liga na tempada 1969/70.
É o máximo goleador da historia da selección de Italia, coa que marcou 35 goles entre 1965 e 1974. Gañou coa selección a Eurocopa de 1968 e foi finalista no Mundial de 1970.
Traxectoria
Comezou xogando no AC Legnano, da Serie C italiana, na tempada 1962/63. Porén, ao ano seguinte xa fichou polo club no que desenvolveu o resto da súa carreira futbolística, o Cagliari Calcio, co que debutou en setembro de 1963. Neste equipo proclamouse capocannoniere, máximo goleador da Serie A, en tres ocasións (1967, 1969 e 1970). Rexeitou importante ofertas de clubs como a Juventus FC e foi sempre fiel ao club sardo, que viviu con el os mellores anos da súa historia, conquistando o título de liga na tempada 1969/70.
Quizais os seus número non son tan bos como poderían telo sido a causa das numerosas lesións que sufriu xogando coa selección italiana, fractura da tibia e peroné da perna esquerda en 1967, dobre fractura da tibia e peroné da perna dereita en 1970 e finalmente unha grave lesión nos abdutores que o obrigou a retirarse.
No ano 2005 o Cagliari decidiu retirar o dorsal número 11 na súa honra.
Coa selección
Debutou coa selección de fútbol de Italia con 20 anos, o 27 de xuño de 1965, porén non iría convocado ao Mundial de Fútbol de 1966. Pese a este comezo e as lesións fíxose cun posto fixo no once da selección e axudou a consecución da Eurocopa de 1968 e o segundo posto no Mundial de 1970. Especialmente recordados son o gol que anotou ante Iugoslavia na final da Eurocopa ou a semifinal do Mundial de 1970 ante Alemaña Federal. Tamén participou no Mundial de 1974 no que a selección italiana fracasou ao quedar eliminada na primeira fase.
O 20 de outubro de 1973 anotou o seu último gol coa selección, o número 35, superando a Giuseppe Meazza e establecendo o récord de máximo goleador que se mantén ata a actualidade.
Palmarés
Co Cagliari Calcio:
Coa Selección de fútbol de Italia:
Títulos individuais:
Véxase tamén
Ligazóns externas