Mario Bertini, nado en Prato o 7 de xaneiro de 1944, é un exfutbolista italiano, que xogaba como centrocampista. Destacou principalmente na Fiorentina e no Inter de Milán e foi subcampión do mundo coa selección italiana no Mundial de 1970.
Traxectoria
Formouse como futbolista no Prato da súa cidade natal, co que debutou na Serie C na tempada 1962/63, logrando o ascenso á Serie B. A continuación xogou unha campaña no Empoli, antes de ser traspasado á Fiorentina no verán de 1964.[1]
Co equipo violeta xogou durante catro tempadas na Serie A, e gañou a Copa de Italia en 1966, marcando o gol decisivo nos derradeiros instantes da prórroga.[2] Un mes despois o equipo gañou tamén a Copa Mitropa, derrotando na final ao Jednota Trenčín eslovaco, un ano despois de perder na final contra o Vasas húngaro.
En 1968 fichou polo Inter de Milán, que estaba vivindo un momento de renovación trala marcha do presidente Moratti, do adestrador Helenio Herrera e de varios xogadores. Converteuse no lanzador de penaltis do conxunto e durante a súa primeira campaña en Milán, foi o máximo goleador do equipo, chegando a anotar un triplete fronte ao Verona. Militou no club durante nove tempadas, ata 1977, e foi un dos protagonistas do título da Serie A que os nerazzurri gañaron na 1970/71.[1] En 1971 gravou a canción Inter spaziale, escrita por Roberto Vecchioni e Renato Pareti.
Tras deixar o Inter xogou unha última tempada co Rimini na Serie B, antes de retirarse.
Selección italiana
Debutou coa selección italiana o 29 de xuño de 1966, nun partido amigable contra México, só uns días antes do comezo do Mundial de 1966. Viaxou coa expedición italiana a Inglaterra, pero sen facer parte oficialmente do cadro de xogadores para a Copa do Mundo, senón que viaxou como reserva adicional, xunto con Gigi Riva.
Xa como titular na Nazionale, disputou o seguinte Mundial, en 1970, onde o equipo italiano alcanzou a final. Foi titular en todos os partidos do torneo, e na final tivo a difícil tarefa de marcar a Pelé. O equipo brasileiro acabou gañando 4-1.
Disputou o seu último partido coa selección en 1972, pechando a súa carreira internacional con 25 partidos e 2 goles.
Palmarés
- Prato
- Fiorentina
- Inter de Milán
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas