O aleutiano[2][3][4] é unha lingua da familia esquimó-aleutiana falada polo pobo aleutiano que habita nas illas Aleutianas, Pribilof e do Comandante.
Dialectos
Os dialectos do aleutiano agrúpanse nos dialectos orientais e nos de Atkan, entre os orientais están os de Unalaska, Belkofski, Akutan, illas Pribilof, Kashega e Nikolski. No grupo Atkan están os dialectos de Attu, Illa de Bering e illa de Copper (coñecido como Mednyy)
Escrita e estudos
O primeiro material que apareceu en aleutiano foi unha lista de palabras no dialecto de Unalaska que compilou James King, que pertencía a unha expedición de James Cook, en 1778. Catarina II de Rusia no seu proxecto de recoller un dicionario comparativo de todas as linguas que se falaban no seu imperio encargoulle a Peter Simon Pallas dirixir o traballo de campo que debía recoller a información lingüística do aleutiano, a expedición realizouse entre 1791 e 1792 e nela Carl Heinrich Merck e Michael Rohbeck recolleron numerosas listas de palabras. Entre 1804 e 1805 Nikolai Petrovich Rezanov, plenipotenciario do tsar, recolleu máis palabras e Johann Christoph Adelung e Johann Severin Vater na súa obra Mithridates oder allgemeine Sprachkunde 1806-1817 incluíron ao aleutiano entre as linguas que catalogaron.
En 1819 o primeiro lingüista profesional, o dinamarqués Rasmus Rask, estudou o aleutiano, recolleu palabras de dous falantes do grupo oriental da lingua que vivían en San Petersburgo. En 1824 Ioann Veniaminov, un pope ortodoxo, chegou a Unalaska e comezou a estudar a lingua, creou unha ortografía para a lingua empregando o alfabeto cirílico, que utilizou para traducir o evanxeo de Mateu e outras obras relixiosas ao aleutiano e en 1846 publicou unha gramática do aleutiano oriental. Iakov Netsvetov, pope de Atka, aleutiano nativo e un dos colaboradores de Veniaminov, escribiu un dicionario do dialecto de Atka. No resto do século XIX recolléronse listas de palabras dos diferentes dialectos da lingua.
Entre 1909 e 1910, o etnólogo Waldemar Jochelson realizou traballo de campo nas comunidades aleutianas de Unalaska, Atka, Attu e Nikolski, contou coa axuda de dous falantes de Unalaka que o axudaron a recoller historias e contos aleutianos por escrito e en son.
Nos anos 30 Afinogen K. Ermeloff foi o primeiro aleutiano en escribir un relato literario e Ardelion G. Ermeloff escribiu un diario en aleutiano. Nesa época o lingüista Melville Jacobs recolleu historias e tradicións orais Sergey Golley, un falante de Atkan, que estaba hospitalizado.
En 1944 o departamento do interior dos Estados Unidos publicou The Aleut Language para que os soldados puideran entender a lingua dos aleutianos. En 1994 Knut Bergsland publicou un completo dicionario.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía