O Liber Sancti Iacobi é unha compilación de varios escritos da primeira metade do século XII, que inclúen sermóns, misas, oficios, cantos e milagres en honra ao apóstolo Santiago.
Historia
Crese que a idea de realizar a compilación partiu do bispo compostelán Diego Xelmírez, ao redor de 1120, como parte das súas iniciativas de ampliación da catedral de Santiago de Compostela e para dar a coñecer ao público a crecente importancia da figura do apóstolo Santiago e da cidade de Santiago de Compostela, onde supostamente conservábanse os seus restos.
A compilación foi redactada en diversas épocas e de forma independente. A análise do manuscrito máis importante xestado do Liber, o Codex Calixtinus, suxírenos que a compilación podería estar xa configurada cara ao ano 1140, o que viría determinado polos seguintes feitos:
No Libro II do Calixtinus, o Libro dos Milagres, nárrase un milagre sucedido en 1135, polo que como moi cedo, o Libro II dataría do ano 1136.
No Libro V, a Guía do Peregrino, danse informacións sobre monumentos que situarían a guía ao redor de 1130.
O Calixtinus contén ao final un apéndice (Apéndice II) que foi engadido con posterioridade ao manuscrito. Nel atopamos unha Bula de Inocencio II (cuxa autoridade é discutida), que podería datarse como moito de 1143. Ademais, o mesmo apéndice contén o milagre de Vézélay, datado en 1139. O que tanto a bula como este milagre (que se atopa fóra do Libro dos Milagres) figuren nun complemento posterior, significaría que cara a 1140 a compilación estaría xa pechada.
Os manuscritos
Xestáronse varios manuscritos do Liber Sancti Iacobi, conservándose hoxe en día ao redor de doce deles. En xeral poden dividirse en dous bloques: os que conteñen a versión máis reducida ou libellus e os que conteñen a versión máis extensa, cuxo máximo representante é o Codex Calixtinus.
Os manuscritos que conteñen a versión completa son:
Santiago de Compostela, Arquivo da Catedral, s.n. (Codex Calixtinus)
Londres, British Library, Additional 12213
Cidade do Vaticano, Biblioteca Apostolica Vaticana, Arquivo S. Pietro C 128
Salamanca, Biblioteca Universitaria 2631
Madrid, Biblioteca Nacional 4305
e os que conteñen versións parciais son:
Barcelona, Arquivo da Coroa de Aragón, Ripoll 99
Lisboa, Biblioteca Nacional, Alcobaça CCCII (334)
Cidade do Vaticano, Biblioteca Apostolica Vaticana, Borghese 202
Londres, British Library, Cotton Titus A.XIX
Pistoia, Arquivo di Stato, Documenti vari 27
Madrid, Biblioteca Nacional 7381
Madrid, Biblioteca Nacional 13118.
Ademais existen outros manuscritos que inclúen un só dos libros do Liber, como poden ser o Pseudo-Turpin ou o Libro dos Milagres.
O Codex Calixtinus (Santiago de Compostela, Arquivo da Catedral, s.n.) custódiase na catedral de Santiago de Compostela. É, con diferenza, o máis importante e completo de todos os manuscritos. Algúns investigadores consideraron que era a versión orixinal do Liber, a partir da cal se copiaron posteriormente, de forma máis ou menos parcial, o resto dos manuscritos. Con todo, hoxe en día pénsase que existiu un manuscrito, hoxe perdido, anterior ao Calixtinus ou polo menos, existían manuscritos dos libros que o compoñen, xa que a análise do códice mostra que foi copiado sabendo de antemán a extensión exacta de cada unha das súas partes. Crese que o Calixtinus foi copiado en Santiago de Compostela, entre 1160 e 1170, como se ve, poucos anos despois de rematada a compilación do Liber.
O Manuscrito de Ripoll
O Manuscrito de Ripoll (Barcelona, Biblioteca da Coroa de Aragón, Ripoll 99 - "Collectaneum. Miraculi beati Iacobi") consérvase en Barcelona e procede do mosteiro de Santa María de Ripoll. Foi copiado en 1173 por un monxe do mosteiro chamado Arnaldo de Monte, quen peregrinara a Santiago. Crese que tanto este códice como o Calixtinus foron copiados dun manuscrito máis primitivo hoxe perdido, ou ben o de Ripoll foi copiado directamente do Calixtinus.
O manuscrito consta de 86 folios e mide 280 x 138 mm. Ten 26 liñas por páxina. A estrutura do códice é un pouco diferente á do Calixtinus. Comeza co Libro III, cos textos referentes á translación de Santiago. Despois segue o Libro II, dos milagres, ao que se engade o milagre de Vézélay de 1139, que non formaba parte da redacción orixinal do Calixtinus, senón que se incluía nun apéndice. A continuación vén o Libro IV, o Pseudo-Turpín e boa parte do Libro V, ou Guía do Peregrino. Ao final, inclúe unha copia parcial do Libro I con varios sermóns e algunhas pezas litúrxicas. Non contén ningún dos dous apéndices do Calixtinus: nin o polifónico nin o que inclúe o Dum pater familias.
O Manuscrito de Alcobaça
O Manuscrito de Alcobaça (Lisboa, Biblioteca Nacional, Alcobaça CCCII (334)) procede do mosteiro de Alcobaça, situado ao norte de Lisboa e consérvase actualmente na Biblioteca Nacional de Portugal. Consta de 215 folios e o seu tamaño é de 347 x 230 mm. É unha copia case completa.