Les Particules élémentaires

Les Particules élémentaires
Título orixinalLes Particules élémentaires
Autor/aMichel Houellebecq
OrixeFrancia
LinguaFrancés
Tema(s)sexualidade humana e transhumanismo
Xénero(s)Novela
EditorialFlammarion
Data de pub.24 de agosto de 1998
Páxinas318
ISBN978-2-080-67472-2
editar datos en Wikidata ]

Les Particules élémentaires é unha novela en lingua francesa de Michel Houellebecq, publicada en 1998 por Éditions Flammarion. É a súa segunda novela, e recibiu o Premio Literario Internacional IMPAC de Dublín en 2002.

Trama

A obra desenvólvese en tres partes, entre o 1 de xullo de 1998 e o 27 de marzo de 2009, e conta a historia de dous medio irmáns, Bruno e Michel, nacidos a finais da década de 1950, que por azares da vida -coinciden no instituto- acaban por relacionarse.

A súa nai, Janine, viviu a fondo os ideais dunha sociedade permisiva. Nada en 1928, crece en Alxeria, onde o seu pai chegou traballando como enxeñeiro, e vai a París para completar os seus estudos. Baila o be-bop con Jean-Paul Sartre (ao que atopa notablemente feo); ten moitos amantes (ela é moi fermosa) e casa cun cirurxián xove e viril que fixo fortuna no campo relativamente novo da cirurxía plástica. A parella divórciase dous anos despois do nacemento de Bruno. Despois Janine abandona este último e o seu irmán Michel cos avós, e vai vivir a unha comunidade en California. A través das analepses móstrase a neglixencia que reinaba na casa e a brutalidade da escola á que ían Bruno e Michel. Ningún dos dous irmáns se recuperará realmente destes acontecementos na súa infancia.

Michel Djerzinski, abandonado polos seus pais, viviu coa súa avoa cuxa morte lle causou un trauma violento que no futuro lle impediu experimentar sentimentos reais. Nunca tivo ningún sentimento afectivo agás pola súa avoa, que o criou e simboliza unha especie en perigo que el describe como "seres humanos que traballan toda a vida e que traballan duro, só por devoción e amor; que literalmente entregan as súas vidas aos demais nun espírito de dedicación e amor". Michel coñeceu un amor adolescente, Annabelle, pero xamais volveu amar. Traballa no CNRS, onde leva a cabo investigacións sobre a a clonación de animais. A única persoa coa que mantén certa relación é o seu medio irmán Bruno.

Michel pide unha excedencia logo de quince anos, dicindo que ten necesidade de tempo para pensar. Témelle á vida e encontra refuxio no positivismo e a relectura da autobiografía de Werner Heisenberg. Solteiro e independente, Michel (que perdeu a virxindade aos trinta anos) séntese incapaz de amar e ten pouco desexo sexual, a diferenza de Bruno, que está obsesionado co sexo.

Anabelle, o amor de adolescencia de Michel, participou en orxías e tivo dous abortos. Logo de moito tempo reencóntranse, e Michel ten, nos brazos dela, unha experiencia case mística que lle dá unha visión nova do ser humano. O intento de reconstruír o que perderon vese obstaculizado pola frialdade emocional de Michel, que sente compaixón pero non amor.

Na infancia, Bruno foi vítima de abusos e humillacións nun internado. O sufrimento de Bruno na escola viuse agravado pola relaxación deliberada da autoridade escolar tras as protestas de maio do 68, con énfase na autodisciplina. Cando era adolescente, Bruno ten o hábito de masturbarse en segredo no tren de regreso a casa observando unha rapaza fermosa. Inmerso no apartamento bohemio da súa nai durante as vacacións de verán, sente vergoña pola presenza dos amantes hippies e bronceados, a afronta a insistencia impaciente dela por discutir as súas inhibicións sexuais. O odio de Bruno por Janine encontra a súa expresión anos despois cando cuspe insultos no seu rostro no seu leito de morte. Bruno convértese en profesor de literatura nun instituto de Dijon, e aspira a converterse en escritor. Aos ollos de Michel, Bruno achégase á crise da metade da vida.

Ao bordo do divorcio e cun bebé, nunha procura sexual desesperada, sae a clubs nocturnos cando se supón que debe coidar do seu fillo. Atraído polas súas alumnas adolescentes, cae en sentimentos racistas e envía un texto á revista L'Infini, dirixida por Philippe Sollers. Bruno coñece a Christiane nunha estancia no Lieu du Changement, un cámping de tendencia post-68 e New Age [1]. Ao igual ca Christiane, duns corenta anos e nai divorciada dun neno de dez, foi alí para ter relacións sexuais. Para ela, as devastacións da xeración do 68 son evidentes nas mulleres que participan nos obradoiros. Con Christiane, Bruno encontra un certo equilibrio sentimental. Christiane leva a Bruno a unha viaxe de sexo grupal con turistas alemáns e orxías nun club nocturno de París, pero a enfermidade de Christiane agrávase, e tras perder a sensibilidade das pernas suicídase para non ser dependente.

Annabelle pídelle a Michel ter un fillo del, pero vese obrigada a abortar por mor dun cancro de útero que non logra superar. Michael involúcrase nunha reflexión solitaria que dá pé a unha revolución científica comparable á de Albert Einstein ao descubrir a teoría da relatividade: ao separar radicalmente a reprodución do pracer permitirá á humanidade coñecer por fin a paz. Michel vai a un Centro de Investigación Xenética en Galway. Convencido de que a raza humana está condenada pola súa loita sen sentido contra o medo á morte, e a contradición entre a vida moderna e a vida emocional inherente á reprodución, traballa nun proxecto dunha especie xeneticamente modificada, inmortal e estéril, aínda que non carente de personalidade ou pracer sexual. O seu traballo, que continúa despois da súa morte en 2009, leva á creación, en 2029, dunha especie xeneticamente controlada e, en última instancia, á extinción da especie humana.

A obra remata cun epílogo escrito case cincuenta anos despois de 2029.

Narrativa

A historia revélase como unha especie de narrativa enmarcada, a pesar de que os acontecementos descritos ocorresen sobre todo en 1999, a historia desenvólvese 50 anos despois. Un método similar foi usado por Kurt Vonnegut na novela Galápagos (1985). Con todo, a diferenza de Vonnegut, Houellebecq só revela o marco ao lector no epílogo. Gran parte das seccións da historia son presentadas en forma de diálogos de narración entre Michel, o seu amor de infancia, Annabelle, Bruno e a súa amante Christiane.

Película

En 2006 estreouse a adaptación cinematográfica, dirixida polo alemán Oskar Roehler nunha versión libre. Foi gañadora dun Oso de Prata ao mellor actor no Festival Internacional de Cine de Berlín.

Notas

  1. Inspirado polo Espace du Possible, que os creadores lograron retirar da primeira edición; véxase este artigo Arquivado 10 de novembro de 2012 en Wayback Machine. en Libération.