Dijon é unha cidade de Francia, capital (préfecture) do departamento de Côte-d'Or e cabeza da rexión de Borgoña-Franco Condado. A poboación de Dijon en 2008 era de 151.576 habitantes, segundo estimacións do INSEE, organismo francés de estatísticas, cifra que a convertía na 17ª cidade máis populosa do país.
Posuidora dun rico patrimonio artístico e cultural, «capital dos duques de Borgoña», é unha cidade turística, gastronómica e comercial, "cidade verde", goza dunha viva tradición de intensa vida cultural. Ë tamén unha cidade universitaria e de congresos. Ademais goza dun tecido industrial diversificado, especialmente no sector de servizos.
Os seus habitantes son denominados, en francés, os dijonnais.
Xeografía
Dijon sitúase no nordeste de Francia, a uns 300 km ao sueste de París, na confluencia do río Ouche (afluente do Loira) e o seu afluente o Suzon. Un pequeno rego o Raine é tamén tributario do Ouche. A cidade está atravesada tamén polo canle de Borgoña.
O clima de Dijon é oceánico, mais, dado o seu afastamento do mar, un tanto continentalizado.
Lugares de interese
Porte Guillaume, do século XVIII, situada na praza Darcy.
Catedral de Saint-Bénigne (século XIV), flanqueada por unha antiga abadía, actualmente Museo Arqueolóxico.
Os tellados borgoñóns, compostos de tellas multicolor (verdes, negras, amarelas e castañas) decoran moitas edificacións do centro urbano.
Museos
Museo de Belas Artes, situado Pazo dos Estados e dos Duques de Borgoña.
Museo da vida borgoñoa Perrin de Puycousin, acolle reconstrucións de escenas da vida cotiá tradicional e de antigos oficios.
Museo François Rude, dedicado á vida do escultor romanticista Rude.
Exposicións Florissimo, cada 4 anos, cita mundial das persoas afeccionadas ás flores.