Landelino Lavilla Alsina, nado en Lleida o 6 de agosto de 1934[1] e finado en Madrid[2] o 13 de abril de 2020, foi un xurista e político catalán que chegou a ser ministro e presidente do Congreso dos Deputados de España.
Traxectoria
Despois de botar a súa infancia e mocidade en Lleida, comezou a estudar dereito en Zaragoza e licenciouse finalmente na Universidade Central de Madrid. Alí entrou en contacto co cardeal Ángel Herrera Oria, fundador da Editorial Católica.
Ingresou no Corpo de Letrados do Tribunal de Contas en 1958, con só 24 anos, e no corpo de Letrados do Consello de Estado en 1959. Aos 27 anos foi nomeado secretario xeral de Banco Español de Crédito e posteriormente foi vicepresidente e logo presidente da Editorial Católica[3]
Carreira política
Iniciou a carreira política no franquismo sendo nomeado subsecretario do Ministerio de Industria en 1974.[1]
Durante a transición, foi membro da Unión de Centro Democrático e, en 1976, foi elixido ministro de Xustiza no primeiro goberno de Adolfo Suárez. En 1977 foi designado senador polo rei Xoán Carlos I, e integrouse no Grupo da UCD. Mantivo a carteira de Xustiza ata a convocatoria electoral de 1979, cando saíu elixido deputado pola circunscrición de Xaén. Coa constitución das Cortes, converteuse en presidente do Congreso dos Deputados, posto no que viviu momentos históricos como o golpe de estado do 23F e a elección de Leopoldo Calvo-Sotelo Bustelo como presidente en substitución de Suárez.
En 1982, foi elixido presidente de UCD, e encabezou a lista electoral da coalición centrista nas Eleccións Xerais de 1982 pola circunscrición de Madrid. Neses comicios a UCD sufriu unha severa derrota e disólvese como partido. Nese momento, Lavilla renunciou ao escano e pasou a formar parte do Consello de Estado.[4]
En 1996 aspirou á presidencia do Consello Xeral do Poder Xudicial, pero o seu nomeamento non se consumou. En 2006 ingresou na Real Academia de Ciencias Morais e Políticas. Foi tamén membro da Real Academia de Xurisprudencia e Lexislación, da que foi reelixido Presidente en xaneiro de 2008.
Debe destacarse tamén a súa condición de Conselleiro Permanente do Consello de Estado.[5]
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas