Lae (tamén coñecida como Laé ou Lahe)[1] é unha cidade de Papúa-Nova Guinea. Conta con 73.918 habitantes (2008) e é a segunda cidade máis poboada do país; por detrás da capital, Port Moresby. Está considerada como a capital industrial do país. É a capital da provincia de Morobe.
Historia
A cidade naceu a causa da febre do ouro producida entre 1920 e 1930. Ao igual que numerosas cidades de Papúa-Nova Guinea, xurdiu nas proximidades dun aeródromo, o cal agora non se usa ao construírse o Lae Nadzab Airport.
En xullo de 1937, Lae saltou á escena mundial debido á desaparición da aviadora americana Amelia Earhart, a cal foi vista por última vez engalando aquí no seu camiño de volta aos Estados Unidos.[2]
Cando se deron unha serie de erupcións volcánicas en Rabaul en 1937, tomouse a decisión de trasladar a capital do Territorio de Nova Guinea a Lae.[3]
A segunda guerra mundial tamén afectou á cidade e, en 1942, esta foi ocupada polo Imperio do Xapón. Lae, Rabaul e Salamaua convertéronse nas principais bases xaponesas en Nova Guinea.[3] A mediados de 1943, despois das derrotas na campaña Kokoda Track, a Batalla de Buna-Gona e a Batalla de Wau, os xaponeses foron obrigados a retirarse de Lae, que foi eventualmente ocupada polos australianos.[3] Mais a campaña de Salamaua-Lae durou varias, semanas con feroces combates, antes de que a cidade caese en mans aliadas, o 16 de setembro.
Despois da segunda guerra mundial, a cidade de Lae desenvolveuse en base a plantacións de café e té e a construción dun porto. Máis tarde, melloráronse as estradas e a autoestrada Highlands Highway entrou en funcionamento. Durante o auxe mineiro da década de 1980 e 1990, aumentou a importancia de Lae como centro económico.[3]