La Vila Joiosa (en valenciano: La Vila Joiosa[la'vila dʒo'joza], en castelán: Villajoyosa, cooficiais), chamada normalmente La Vila e antigamente Alonis, é un concello do País Valenciano situado na costa da provincia de Alacant. Ten 32.534 habitantes (censo de 2008) e é a capital da comarca da Marina Baixa e cabeza de partido xudicial. Popularmente é coñecido co dito: "De la Vila i plores, cabra fotuda" (Da Vila e choras, cabuxa fodida).
Xeografía
La Vila Joiosa atópase 32 km ao nordeste da cidade de Alacant. É a capital da comarca da Marina Baixa.[1] Polo casco urbano de La Vila Joiosa pasa o río Amadorio, procedente do pantano de Relleu. O termo municipal ten 15 km de costa.
Dende Alacant accédese a esta localidade pola AP-7 ou a N-332. O TRAM Metropolitano de Alacant, o trenet de la Marina de FGV, que leva dende Alacant até Dénia ten en La Vila Joiosa unha parada facultativa e de cruzamento de trens (a estación ten 4 vías) e polo menos 3 máis no seu municipio.
Con 30.550 habitantes segundo o censo do 1 de xaneiro de 2007, Villajoyosa é o 12º municipio da provincia de Alacant por poboación. O 18,2% da poboación do municipio era no 2007 da inmigración (da que un 61,1% era doutras nacionalidades da UE).[2]