Francisco Javier da Silva Irago, coñecido artisticamente como Kiko Da Silva, nado en Vigo o 20 de xuño de 1979, é un autor de banda deseñada historietista, ilustrador e director editorial galego.[1]
En 2002 comezou a publicar a serie Fiz nos biosbardos no semanario infantil Golfiño, distribuído por La Voz de Galicia, con historietas autoconclusivas dunha páxina a cor. Fiz, o protagonista, era un cativo cunha estraña afección aos residuos orgánicos.
Dirixe a revista de historietas semestral BD Banda, ademais de publicar algunhas historietas. A publicación naceu promovida polo propio Da Silva e Cano Paz, e contou con apoio institucional do concello de Pontevedra a partir do segundo número. En 2007 a publicación profesionalizouse coa colaboración da Editorial Kalandraka, sendo relanzada cun novo número un e distribución estatal cunha dobre edición en galego e castelán.
Participa na revista de historietas infantís Mister K con dúas series fixas: "Clases con guasa" (peripecias de Guasa, un estudante lacazán e non moi intelixente) e "TurisTeo" (relacionada co mundo das viaxes e con Teo como "presentador" da serie). Tamén debuxaba con frecuencia historietas da sección de actualidade ou tema de portada. Logo de colaborar nesta publicación, pasou a publicar de xeito esporádico en El Jueves, co personaxe Emilio Eurista.
Dirixe a revista cómica Retranca e colabora habitualmente con La Voz de Galicia nas edicións locais de Pontevedra e Vigo, amais de ilustrar os monólogos de Róber Bodegas. No 2012 fundou a primeira Escola Profesional de Banda Deseñada e ilustración de Galicia, coñecida como O Garaxe Hermético, na que traballa como mestre.[2]
No sector da literatura infantil, iniciouse en 1996 co libro Laia, a nena da illa (Xerais, 2006) ao que seguiu en 1998 co libro de Dolores Rial FernándezO cumpreanos do rei Pericón (Ir Indo) ou O pirata Xocas (Ir Indo). Posteriormente ilustrou varios libros para a editorial Kalandraka: A memoria das árbores (2000), Cando Martiño tivo ganas de mexar na noite de Reis (2000), de Chema Heras, Moncho e a mancha (2002, escrito por el mesmo) ou Rato de Campo e rato de cidade (2004), no ano 2007 publica "Que contan as ovellas para durmir" (Galaxia) e en 2019 Orestes perde o sentido (Xerais).
Outros
En 2007 foi galardoado co Premio Xoán Manuel Pintos do Concello de Pontevedra polo "seu compromiso constante co galego, sendo un exemplo de normalidade no uso da nosa lingua desde o mundo da ilustración, do humor gráfico e da banda deseñada".[4]
Tamén pintou un mural para unha biblioteca pública en Pontevedra.
En 2018 estaba traballando na realización da súa primeira novela gráfica, Baixo a sombra das pedras flotantes.[5]
Gañador do premio Castelao 2014 coa obra O inferno do debuxante, publicada en 2016.[6]