Kibi no Asomi Makibi (xaponés: 吉備朝臣真備), nado en 695 e finado o 3 de novembro de 775, foi un erudito e nobre xaponés do período Nara, que chegou a exercer como vice-embaixador nipón na China dos Tang. Tamén foi coñecido como Kibi Daijin (xaponés: 吉備大臣, lit. "Ministro Kibi").
Traxectoria
Primeiros anos
Kibi no Makibi naceu no condado de Shimotsumichi, na provincia de Bitchū (actual Kurashiki, na prefectura de Okayama). Foi chamado Shimotsumichi-no Asomi Makibi, sendo fillo de Shimotsumichi-no Asomi Kunikatsu. O clan Shimotsumichi era unha familia da elite local, que formaba parte do meirande clan Kibi. Kibi era tamén o antigo nome da súa rexión natal (a provincia de Kibi), que incluía as provincias de Bitchū, Bizen, Bingo e Mimasaka.
Viaxe a China
En 717 ou 718, Kibi no Makibi uniuse á misión xaponesa enviada a Tang (kentōshi), xunto con Abe no Nakamaro e Genbō. Kibi permaneceu na China durante dezasete anos, para logo regresar ao Xapón. É considerado o importador do go ao arquipélago, así como o introdutor da arte do bordado.
Carreira política
En 737, foi ascendido ao quinto rango júnior. A súa influencia na corte desencadeou a rebelión de Fujiwara no Hirotsugu de 740. En 751, como sénior do cuarto rango, foi enviado á dinastía Tang como vice-embaixador. Regresou ao Xapón en 753.
Pasou varios anos en Kyūshū como administrador en Dazaifu (a principal representación gobernamental na illa), para despois volver a Nara. En 764, liderou o proxecto da construción do Tōdai-ji, tras o cal foi promovido ao terceiro rango júnior.
Foi nomeado líder do exército para frear o alzamento de Fujiwara no Nakamaro. Alcanzou o segundo rango en 765, asumindo o posto de Gran Conselleiro (dainagon 大納言) e, máis adiante, o de Ministro da Dereita (udaijin 右大臣). En 770, apoiou a un dos candidatos ao trono, polo que presentou a súa dimisión ao non ser este coroado. A corte só aceptou retiralo da súa posición militar, mais permaneceu como Ministro da Dereita até 771.
Últimos anos
Tras retirarse, dedicouse ao estudo dos principios confucianos e as súas aplicacións á administración xaponesa. Faleceu en 775, con oitenta anos de idade.
Contribucións
Algunhas fontes atribúenlle a invención dun dos silabarios xaponeses, o katakana.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía