Michael Kent Benson, nado o 27 de decembro de 1954 en New Castle, Indiana, é un ex xogador profesional de baloncesto estadounidense que disputou once tempadas na NBA. Con 2,08 metros de altura, xogaba de pivote. Foi escollido no número un do Draft de 1977 por Milwaukee Bucks.
Traxectoria deportiva
Universidade
A súa etapa universitaria pasouna xogando cos Hoosiers de Indiana, equipo que dirixía o mítico Bobby Knight. Alí conseguiu gañar o título da NCAA en 1976, sendo nomeado mellor xogador do torneo, nunha tempada invicta para o seu equipo. En 1976 e 1977 foi incluído no primeiro equipo All-American.[1][2]
Profesional
Foi elixido na primeira posición do Draft da NBA de 1977 por Milwaukee Bucks, equipo no que xogou durante dúas tempadas e media, e onde non demostrou o ofrecido na súa etapa universitaria. Foi traspasado a Detroit Pistons, onde permaneceu durante seis tempadas, mellorando un pouco os seus números, pero sen chegar ao que se esperaba dun número un do draft. Os seus dous últimos anos como profesional pasounos en Utah Jazz e en Cleveland Cavaliers, onde tan só disputou dous partidos. En once anos de carreira fixo 9,1 puntos e 5,7 rebotes por partido.
Equipos
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas