O Kelud está considerado un dos máis perigosos volcáns de Xava, provocando lahars, que alagan a chaira do Blitar, causados pola auga do lago do cráter, fluxos e ondadas piroclásticas durante erupcións que adoitan durar pouco, unhas horas, cun baixo índice de produtos eruptivos (0.1-0.2 km2) e un Índice de Explosividade Volcánica (IEV) de 3 ou 4[2]. Considérase a erupción máis mortífera a de 1586, que provocou arredor de 10.000 vítimas[3] Foron tamén importantes as erupcións de 1826 que tivo un IEV de 4 e a de 1901 de 3 e que causou moitas mortes, aínda que se descoñece a cantidade[4].
1919
O 1 de maio de 1919 o Kelud entrou en erupción matando a máis de 5000 persoas e arrasando 15.000 ha de terras produtivas pola acción das coadas de barro, coñecidas como lahar, que chegaron ata 38 km. destruíndo máis de cen aldeas. A raíz desta erupción creouse o Servizo de Vixilancia Vulcanolóxica de Indonesia que ideou un sistema para drenar auga do cráter mediante un túnel de saneamento, finalizando os traballos en 1926[5], o que reduciu o nivel de auga no cráter en 50 m.
1951
O 31 de agosto de 1951 asistiuse a unha erupción de IEV 3, que produciu poucos lahars matando a sete persoas pero danou os tuneis de drenaxe, tras reparalos o volume de auga quedou en 20 000 000 de m3[6]
1966
O 26 de abril de 1966 aconteceu unha nova erupción, cun IEV de 4 que causou 215 mortes e que levou a que se construíse un novo túnel de drenaxe 45 m. por debaixo do anterior, reducindo o volume de auga do lago a 2 000 000 de m3[7]
1990
Unha forte e explosiva erupción o 10 de febreiro de 1990 produciu unha longa columna de 7 km de tefra que produciu varias nubes piroclásticas pero non produciu lahars, o que houbo foron 33 lahars despois da erupción, entre o 15 de febreiro e o 28 de marzo que cubriron 11 sistemas de drenaxe e chegaron a 24 km do volcán.[8] Desta volta morreron máis de trinta persoas.
2007
O 16 de outubro de 2007 as autoridades indonesias ordenaron a evacuación de 30.000 residentes que vivían preto do volcán, despois que os científicos puxeran o volcán na alerta máxima, significando que esperaban unha erupción inminente.[9], que se produciu arredor das 3 p.m. hora local do sábado, 3 de novembro [10][11], a dese día foi unha erupción pequena.[12] pero ao día seguinte, 4 de novembro, o Kelud proxectou cinza a 500 metros no aire, indicando que estaba acontecendo unha erupción completa.[13], a temperatura na superficie do lago do cráter chegaron a 60,7 °C e a 15 metros de profundidade a temperatura era de 66,1 °C[14], esa calor extrema creou unha nube de vapor e fume de 488 metros de altura.[15]
O 5 de novembro formáronse do cráter novas columnas de fume e vapor e auga fervendo caeu en fervenza pola aba da montaña desde o lago do cráter, deixando de funcionar o equipo sismolóxico instalado preto do cráter, neses momentos segundo as autoridades indonesias aínda permanecían en zona de perigo unhas 25.000 persoas[16]
O seguinte día, 6 de novembro, un domo de lava xurdiu no centro do lago formando unha illa oblonga de 100 m de longo que se levantaba 10 m. sobre a superficie do lago. O volcán continuou a emitir columnas de fume e cinza, chegando ata 1.000 metros na atmosfera.[17]
Logo de 48 horas máis sen expeler lava, as autoridades anunciaron que o volcán estaba experimentando unha erupción lenta.[18] O 12 de novembro o Kelud comezou a despedir lava no lago do cráter, o domo de lava que aumentara ata os 250 m. de longo e 120 m. de altura rompeu e a lava comezou a zumegar na auga ata que a lava cubriu todo e a auga desapareceu. O fume ascendeu a máis de dous quilómetros no aire, e a cinza cubriu varias aldeas próximas ao volcán e o 14 de novembro as cinzas cubriron aldeas situadas ata a 15 quilómetros de distancia.[19]
2014
Kelud experimentou unha nova erupción o 13 de febreiro de 2014.[20][21][22], ás 22:50 hora local (UT+7), expulsando cinza volcánica que cubriu unha área de arredor de 500 km de diámetro, co que afectou unha gran parte da illa de Xava, incluíndo Malang no leste, así como Xava Central e Yogyakarta.[23][24][25]. Evacuáronse 76.000 habitantes das zonas próximas e por mor das cinzas pecharon sete aeroportos, Yogyakarta, Surakarta, Surabaya, Malang, Semarang, Cilacap e Bandung.[26]. Houbo dous mortos polo derrube das súas casas debido ás cinzas e as principais atraccións turísticas en Yogyakarta e Xava Central, tales como Borobudur, Prambanan e Ratu Boko.
Notas
↑Thouret, et al., "Origin, Characteristics, and Behavior of Lahars Following the 1990 Eruption of Kelud Volcano, Eastern Java (Indonesia)," Bulletin of Volcanology, xuño de 1998.
↑Thouret, et al., "Origin, Characteristics, and Behavior of Lahars Following the 1990 Eruption of Kelud Volcano, Eastern Java (Indonesia)," Bulletin of Volcanology, xuño de 1998.
↑Karmini, "Indonesian Volcano Threatens to Erupt," Associated Press, 16 de outubro de 2007.
↑"Mt. Kelud Starts to Erupt," Jakarta Post, 3 de novembro de 2007.
↑Retnowati, "Indonesia's Volcano Mt. Kelud Erupts - Official," Reuters, 3 de novembro de 2007.
↑Indra Harsaputra, "Scientist: Indonesian Volcano's Erupting," Associated Press, November 3, 2007.
↑"Indonesian Volcano Kelud Spews Ash - Official," Reuters, 4 de novembro de 2007.
↑Karima Anjani, "Indonesian Volcano Kelud Spews Ash - Official," Bloomberg Business News, November 4, 2007.
↑Irwan Firdaus, "Thousands Defy Indonesia Volcano Warning," Associated Press, 4 de novembro de 2007.
↑Irwan Firdaus, "Crater Temperature at Indonesia Volcano Up," Associated Press, 5 de novembro de 2007.
↑"'Island' Emerges in Indonesian Volcano Crater," Agence France-Presse, 6 de novembro de 2007.
↑"Indonesia's Mount Kelut Spews Ash and Lava," Agence France-Presse, November 12, 2007.
↑"Volcano Spews Lava, Red-Hot Rocks," The Independent, 14 de novembro de 2007.