Juan Somoza Rebollido, nado en Boiro en 1898 e finado no mesmo concello o 14 de outubro de 1985, foi un sindicalista e político galego.
Traxectoria
Ferreiro e comerciante. Militante socialista. Foi correspondente de El Pueblo Gallego,[1] La Lucha e Solidaridad Obrera en Boiro. Con motivo duns incidentes durante as eleccións de novembro de 1933 foi detido; xulgado en consello de guerra foi condenado a catro anos de prisión correccional,[2] e internado no penal de El Dueso. Logo do triunfo da Fronte Popular en febreiro de 1936 foi amnistiado. Foi nomeado alcalde de Boiro en marzo de 1936.[3] Cando se produciu o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 estaba en Madrid.[4] Instalouse en Valencia onde participou con outros correlixionarios na creación do Grupo de Socialistas Galegos[5]. Exiliouse na Arxentina. Retornou a Galicia despois da morte de Franco e finou en Boiro o 14 de outubro de 1985 con 87 anos.[6]
Vida persoal
Casou con Consuelo Outeiral Outeiral, irmá de Juan Outeiral.
Notas
- ↑ El Pueblo Gallego, 26-2-1936, p. 9.
- ↑ El Compostelano, 14-2-1935, p. 1.
- ↑ El Pueblo Gallego, 20-3-1936, p. 10.
- ↑ Algunhas fontes afirman que saíu de Galicia na evasión do San José n.º 2 o 27 de xullo de 1936 xunto con Elpidio Villaverde (Pereira, D. e Fernández, E.: O movemento libertario en Galiza (1936-1976). A Nosa Terra, 2006, páxina 13). Pode deberse a unha confusión co que era primeiro tenente alcalde José Martínez Virel ou co seu irmán Ramón Somoza Rebollido.
- ↑ El Socialista, 8.531, 31-7-1937, p. 2.
- ↑ Necrolóxica en La Voz de Galicia, 19-10-1985, p. 50.
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas