Josep María Socías i Humbert, nado en Barcelona o 24 de agosto de 1937 e finado en Barcelona o 3 de novembro de 2008, foi un avogado e político catalán.
Traxectoria
Licenciouse en Dereito e diplomouse en Administración de empresas na Universidade de Barcelona e progresou na estrutura da Fronte de Xuventudes e do Sindicato Vertical do franquismo, primeiro como secretario sindical comarcal de Tarragona (1964) e logo como vicesecretario, secretario e finalmente delegado na provincia de Barcelona. En virtude destes cargos foi procurador nas Cortes Españolas elixido polo terzo sindical dende 1967 a 1976. Nesa época tamén ocupou os cargos de vicepresidente da Feira Oficial Internacional de Mostras de Barcelona e vicepresidente da Exposición Universal de Barcelona.
Casado cunha filla do xeneral de artillaría Manuel Pardo Ochoa, en 1976 e home de confianza de Rodolfo Martín Villa é nomeado alcalde de Barcelona polo goberno de España. Uns meses despois Xoán Carlos I desígnao senador.
Durante o seu período como alcalde e senador sufriu un atentado terrorista, reivindicado polo GRAPO, do que saíu ileso pero onde morreu un policía local que lle facía a escolta. Deixou a política activa en 1979, pero posteriormente afiliouse ao PSC[1].
Faleceu o 3 de novembro de 2008 por un cancro de pulmón no Hospital Universitari del Vall d'Hebron de Barcelona. Déronselle honras no Salón de Cento do concello de Barcelona.
Galardóns
Notas