John Dow Fisher Gilchrist , nado en Anstruther, concello de Fife, Escocia en 1866 e finado o 22 de outubro de 1926 na Cidade do Cabo, Suráfrica, foi un ictiólogo surafricano de orixe escocesa.[1][2]
Estableceu a ictioloxía como disciplina científica en Suráfrica. Foi fundamental no desenvolvemento da bioloxía mariña neste país africano e da súa industria pesqueira con base científica.
Traxectoria
Gilchrist fixo os seus estudos primarios na súa localidade natal, e os secundarios no Madras College de St Andrews. Estudo na Universidade de St Andrews e na Universidade de Edimburgo, graduándose como Bachelor of Science (BSc) e como Master of Arts (MA).[1][2] Obtivo unha bolsa de estudos para escolares na Exposición de 1851 para estudos e investigacións avanzadas, o que lle permitiu estudar a alimentación dos peixes mariños. Despois de máis estudos realizados na Universidade de Múnic e na de Zürich, acadou o título de doutor en Xeoloxía en 1894 na Universidade de Iena (Alemaña).[2]
Gilchrist estudou bioloxía mariña en Nápoles, Mónaco e na illa de Man antes de volver a ensinar zooloxía na Universidade de Edimburgo.[2] Durante este tempo traduciu ao inglés Monismus als Band zwischen Religion und Wissenschaft, de Ernst Haeckel, en dous volumes titulados por separado, Monism as Connecting Religion and Science en 1894,[3] e, así mesmo de Haeckel, Confessions of faith of a man of science (Confesións de fe dun home de ciencia) en 1903.[4]
Pouco despois desprazouse a Suráfrica, onde ocupou o primeiro posto de director do Marine Biological Survey desde 1896 a 1907.[5] Pechada por falta de fondos, a institución retomou as súas actividades cun novo nome en 1920; as expedicións realizáronse no barco baleeiro a vapor SS Pickle cedido polo almirantado.[6]
Gilchrist describiu numerosos taxons de xéneros e especies de peixes.[6]
Algunhas publicacións
Gilchrist contribuíu con numerosos traballos científicos en numerosas revistas científicas, entre elas:
- Annals of the South African Museum,
- Transactions of the South African Philosophical Society,
- Transactions of the Royal Society of South Africa, e
- Reports of the South African Association for the Advancement of Science.
Ademais publicou, enmtro ourtos, os seguintes libros:
- South African Zoology. A Text Book for the Use of Students, Teachers and Others in South Africa (O Cabo e Pretoria, 1912).
- The Freshwater Fishes of South Africa: Volume 11, Parts 5-6 of Annals of the South African Museum (Trustees of the South African Museum, 1913).
- Practical zoology for medical & junior students (E. & S. Livingstone, 1922).
Epónimos
O xénero Gilchristella da familia dos clupeidos foi nomeado na súa honra por Henry Weed Fowler en 1935.[1]
Abreviatura
A abreviatura Gilchrist emprégase para recoñecer a John Dow Fisher Gilchrist como autoridade na descrición e taxonomía en zooloxía.[6]
Notas
- ↑ 1,0 1,1 1,2 John Dow Fisher Gilchrist Arquivado 22 de febreiro de 2019 en Wayback Machine. en Neglected Science. 2011. Consultada o 29 de setembro de 2020.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 Gilchrist, Dr John Dow Fisher en S2A3 Biographical Database of Southern African Science (en inglés). Consultada o 28 de outubro de 2020.
- ↑ Gilchrist, John (1894): Monism as connecting religion and science. The confession of faith of a man of science. By Ernst Haeckel. Translated from the German by J. Gilchrist.
- ↑ Gilchrist, John (1903): Confessions of faith of a man of science. London: A. and C. Black. ISBN 978-0-5989-1538-2.
- ↑ Gilchrist, John Dow Fisher en Office of Government Biologist, South African Museum, Cape Town, South Africa (en inglés). Consultada o 28 de outubro de 2020.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 Dr. John Dow Fisher Gilchrist en Biographical Etymology of Marine Organism Names. G (en inglés). Consultada o 28 de outubro de 2020.