Johannes Tapissier, tamén coñecido polo nome francés Jean Tapissier, nado en 1370 e finado en agosto de 1410, foi un compositor de música do Renacemento e cantante francés. Formou parte do grupo dos iniciadores da Escola de Borgoña.[1]
Traxectoria
Tapissier foi cabaleiro de cámara do duque de Borgoña Filipe II, o Audaz, que solicitou a súa compaña durante as súas dúas viaxes a Avignon en 1391 e 1395, así como a Flandres. Durante unha destas estadías en Avignon recibiu as influencias da ars subtilior, que era o estilo musical de finais do séulo XIV, situado entre a ars nova e a escola francoflamenga.[2][3]
No traballo anónimo titulado Regras de segunda retórica, escrito arredor de 1400, figura Tapissier como un dos poetas, cantantes e compositores franceses con máis sona da época. Dirixiu unha escola de canto en París; nos arquivos da corte do ducado de Borgoña consta que se enviaron cativos a esa escola para aprender a cantar. Tras a morte de Filipe II de Borgoña en 1404 sucedeuno Xoán I de Borgoña (Xoán Sen Medo), quen recrutou para a súa corte os alumnos que tivera en París Johannes Tapissier.
O poeta normando do século XV Martin Le Franc cítao nun dos seus poemas, Le Champio des dames ("O Campión das mulleres") :[4]
- Tapissier, Carmen, Césaris / N'a pas longtemps si bien chanterrent / qu'ilz esbahirent tout París
- ("Tapissier, Carmen y Césaris / Non hai moito cantaron tan ben / que abraiaron a todo París").
Hoxe consérvanse só tres pezas de música de Tapissier: dúas misas (un Credo e un Sanctus) e un motete que critica o Grande Cisma de Occidente, que dividiu a igrexa católica romana. Baude Cordier, un dos compositores da ars subtilior, escribiu unha Gloria, que probablemente forme parte do Credo de Tapissier. Todas as súas composicións son para tres voces.
Notas
- ↑ Jean Tapissier (alias Noyon). Biografía breve.
- ↑ Craig Wright. "Burgundy". En The new Grove Dictionary of Music and Musicians. Ed. Stanley Sadie. Londres, 1980. [ISBN: 1-56159-174-2]
- ↑ Gustave Reese. Music in the Renaissance. Nova York, Ed. W. W. Norton & Co., 1954. Páxina 13.
- ↑ Gustave Reese. Music in the Renaissance. Nova York, Ed. W. W. Norton & Co., 1954. Páxina 12.