Joaquina Costa Iglesias, nada no Grove o 24 de marzo de 1967, é unha ex-piragüista galega que competía na modalidade de augas tranquilas. Competiu nos Xogos Olímpicos de 1992 en Barcelona.
Traxectoria
Comezou a practicar piragüismo aos 13 anos no Club Breogán do Grove, e ao ano seguinte, estando aínda en idade infantil, proclamouse subcampioa de España cadete.[1] En 1983 foi campioa de España cadete no K1.
En 1987 a Federación Galega de Piragüismo inhabilitouna durante tres anos por agredir a un xuíz-árbitro no Campionato de Galicia de Inverno disputado no río Lérez.[2] Con todo, a sanción foille levantada pouco despois e nos seguintes anos confirmouse como a mellor piragüista de Galicia. Formou parte do K4 español e en 1990 disputou o Campionato do Mundo en Poznan, na proba de K2 500 xunto a Susana Torrejón.[3] En 1991 foi campioa de España de Autonomías, tanto no K1 500, como no K2 500 (xunto a Ana María Penas), e no K4 500 (con Penas, Victoria Avilés e María Naveiro); ademais de campioa de España do K1 5000 metros.[4][5] Ao ano seguinte revalidou os títulos de K2 e K4 e foi subcampioa en K1.
Competiu nos Xogos Olímpicos de 1992, en dúas categorías: K2 500 m (xunto á padexeira Belén Sánchez) e K4 500 m (formando equipo con Belén Sánchez, Luisa Álvarez e Ana María Penas. No K2 logrou meterse na final, obtendo a novena praza final, mentres que co equipo de K4 só puido chegar a semifinais.[6][7]
Tralos Xogos Olímpicos, centrouse nos seus estudos de Fisioterapia, aínda que continuou participando nalgunhas competicións como o Mundial de 1993 en Copenhague, onde acadou a final, e pouco despois deixou a competición de elite.[8] En 1996 viaxou como fisioterapeuta da selección española aos Xogos Olímpicos de Atlanta.
Recoñecementos
En 1992 foi declarada "Filla predilecta do Grove", xunto ao tamén piragüista Alfredo Bea.[9]
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas