- Este é un artigo sobre o piragüista. Para consultar información sobre o ex-alcalde do Grove, véxase Alfredo Bea Gondar.
José Alfredo Bea García, nado no Grove o 14 de outubro de 1969 é un ex-piragüista e político galego.
Competiu tanto na modalidade de augas tranquilas como en maratón, nas que gañou oito medallas entre os Campionatos do Mundo e de Europa. Disputou catro edicións dos Xogos Olímpicos e foi finalista en todas elas, logrando cinco diplomas olímpicos: en Barcelona 1992 foi oitavo en C1-1000, en Atlanta 1996 foi sétimo en C2-500 e oitavo en C2-1000), e quedou ás portas das medallas en Sydney 2000, cando quedou cuarto. En Atenas 2004, foi sétimo na final dos C2-1000.
Fillo do ex-alcalde do Grove, Alfredo Bea Gondar, foi edil deste concello entre 2007 e 2017, polo Partido Galeguista. Dende 2009 preside a Federación Galega de Piragüismo.[1]
Traxectoria deportiva
Inicios no piragüismo
En 1989 participou na súa primeira competición internacional, o Campionato Mundial de Piragüismo en Augas Tranquilas celebrado en Plovdiv, formando equipo no C4 con Francisco Barea, Narciso Suárez e Enrique Míguez. Quedaron oitavos nos 500 metros e quintos nos 1.000.[2] No Mundial do ano seguinte, en Poznan, quedou noveno co mesmo equipo no C4 500m e tamén noveno no C1 500m. En C1 10.000 metros quedou ás portas da súa primeira medalla, chegando á meta en cuarto lugar.[3]
En 1993, no Mundial de Copenhague, volveu rematar cuarto, esta vez no C2 500m formando parella con Oleg Shelestenko.[4] Co mesmo compañeiro obtivo outros dous cuartos postos no seguinte Mundial, en Cidade de México, en 500 e 1.000 metros, ademais dun oitavo nos 200 metros.[5] No seguinte Mundial, en Duisburgo, non conseguiron pasar do sexto lugar. En 1996 competiu nos Xogos Olímpicos de Atlanta logrando dous diplomas olímpicos (7º en C2 500 e 8º en C2 1.000).[6] Ao ano seguinte participou con Shelestenko no Campionato Europeo e no Mundial,[7] sendo o seu mellor posto un cuarto europeo no C2 500.[8]
C2 con David Mascato
En 1998 cambiou de compañeiro e comezou a competir xunto a David Mascato, co que lograría os seus maiores éxitos e co que vogou até o fin da súa carreira. Ese mesmo ano obtiveron un quinto posto no Mundial de Szeged.[9] Ao ano seguinte gañou a súa primeira medalla internacional no Europeo de Zagreb, ao quedaren terceiros no C2 500m, mentres que nos 1.000m chegaron quintos.[10] No Mundial dese ano quedaron preto das medallas nesas mesmas dúas categorías, cun 4º e un 5º posto.[11] No ano 2000, participou nos seus segundos xogos olímpicos, en Sydney 2000, logrando outro diploma, ao finalizar cuarto en C2 500m, e quedando ás portas das medallas.[12]
En 2001, en Milán, sumou dúas medallas europeas máis xunto a Mascato: un bronce en 500 metros e unha prata en 1.000 metros.[13] Tamén ese ano se colgou a súa primeira medalla mundialista ao lograr en Poznan o subcampionato de C2 1.000 metros, por detrás da parella local formada por Marcin Kobierski e Michal Sliwinski.[14] No 2002 non lograron pasar do quinto lugar no Europeo nin no Mundial.
Maratón
En 2003, proclamouse de novo subcampión do mundo con Mascato, mais desta volta na modalidade de piragüismo en maratón, ao finalizaren segundos no C2 no Campionato Mundial celebrado en Valladolid, por detrás dos húngaros Edvin Csabai e Attila Györe.[15]
Nos seguintes campionatos en augas tranquilas non lograron subir ao podio e non foi ata 2005, en maratón, cando o logrou Bea, ao quedar de novo subcampión do mundo en Perth (Australia), esta vez individualmente no C1, por detrás de Edvin Csabai.[16] Revalidou o subcampionato ao ano seguinte, quedando a nove segundos do campión, outra vez o húngaro Csabai.[17] Os mesmos dous primeiros postos repetíronse ao ano seguinte, no Mundial de Győr, aínda que esta vez chegou á meta a máis de 2 minutos de Csabai, e con menos dun segundo de vantaxe sobre o terceiro, o tamén grovense Tono Campos.[18] Retirouse en maio de 2008, logo de que nos campionatos de Europa dese ano non conseguise a súa clasificación para os Xogos de Beixín.
O seu club foi o Breogán do Grove, que tamén presidiu. Nos últimos anos da súa carreira deportiva viviu numerosos enfrontamentos coa Federación Española de Piragüismo e coa Federación Galega.
Presidencia da Federación
En 2009, tras a dimisión do presidente da Federación Galega de Piragüismo, Modesto Teijeiro Valledor, Bea presentou a súa candidatura ao cargo. O 1 de novembro, no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, foi elixido presidente con 53 dos 70 votos emitidos.[19] Foi reelixido como presidente en 2011,[20] 2014[21] e 2018.[22]
Traxectoria política
Fillo do exalcalde do Grove José Alfredo Bea Gondar, presentouse ás eleccións municipais de 2007 no concello grovense, e saíu elixido concelleiro polo Partido Galeguista, formando parte do goberno municipal como concelleiro de diversas áreas: xardíns, deportes e seguridade, tras apoiar a alcaldía socialista. Volveu presentarse en 2011 e volveu saír elixido, repetindo responsabilidades municipais tras apoiar, desta volta, á alcaldía popular. Repetiu candidatura nas eleccións de 2015, logrando outra vez a acta de concelleiro. Durante esa lexislatura foi condenado a sete anos de inhabilitación por un delito de prevaricación, por retirar en 2012 unha multa de tráfico de 200 euros a un membro de Protección Civil.[23] Por este motivo viuse obrigado a deixar o cargo en 2017.[24]
Honras
- Fillo predilecto do Grove en 1992
- Fillo de honra do Grove en 1996
Palmarés internacional
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas