Joaquín Poza Juncal, nado en Pontevedra o 26 de novembro de 1898[1] e finado en Madrid o 28 de setembro de 1934, foi un avogado, xornalista e político galego.
Traxectoria
Fillo de Joaquín Poza Cobas, dirixente republicano de Pontevedra, sucedeu ao seu pai como director de La Libertad. Foi vicepresidente do Centro Republicano de Pontevedra e un dos asinantes do manifesto fundacional da Federación Republicana Gallega en 1930, o chamado Pacto de Lestrobe[1]. Logo da proclamación da Segunda República foi concelleiro de Pontevedra e máis tarde gobernador civil de Ourense. Nas eleccións a Cortes Constituíntes de 1931 foi elixido deputado por Pontevedra pola FRG.
En 1933 pásase a Acción Republicana e ingresa en Izquierda Republicana en 1934. Participou activamente nas asembleas de elaboración do Estatuto de Autonomía de Galicia. Foi tamén avogado asesor da Caja Rural de Lérez, fundada en 1926.
Foi redactor-xefe de El País, voceiro do PRG e logo de IR, colaborador de Faro de Vigo e El Emigrado (A Estrada). Dirixiu a revista Vida Agraria, voceiro da Caja Rural de Lérez, da que foi asesor xurídico.
Iniciouse na masonaría en 1929 na loxa pontevedresa "Helenes nº 7", na que empregou o simbólico "Vergniaud", acadando o grao 3º (mestre)[1].
Foi irmán de Hernán e Laureano Poza Juncal, este último tamén masón no exilio.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos