Daniel Vázquez Campo , nado en Chantada o 20 de febreiro de 1894 e finado en Ribadavia o 14 de decembro de 1940 , foi un avogado e político galego .
Traxectoria
Deputados galegos de 1931. Ramón Suárez Picallo , Daniel Vázquez, Alejandro Rodríguez Cadarso , Castelao , Nóvoa Santos , Antón Villar Ponte , Poza Juncal , Otero Pedrayo e Antón Alonso Ríos .
Fillo de Daniel Vázquez Bóo . Cursou o bacharelato en Ourense . Licenciado en Dereito pola Universidade de Valladolid (1926). Exerceu como avogado en Chantada. Colaborador do periódico Hidalguía e director de La Voz del Agro . Foi un dos promotores da Asociación Republicana de Chantada o 9 de novembro de 1930 xunto con Antonio Noguerol Eyré e Modesto Álvarez Taboada, e o seu primeiro presidente, sendo reelixido en febreiro de 1931,[ 1] e novamente en 1933. O 10 de marzo de 1930 foi un dos fundadores da Organización Republicana de Lugo, que se uniu á ORGA , e foi presidente da Comisión Xestora da Deputación de Lugo cando se proclamou a Segunda República Española . Nas Eleccións a Cortes Constituíntes de 1931 foi elixido deputado pola provincia de Lugo pola ORGA. Durante a República viviu en Madrid exercendo de avogado de Radial Argentina.
Cando se produciu o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 estaba en Madrid. A súa muller e fillos marcharan uns días antes. Permaneceu na cidade durante toda a guerra. Cando rematou volveu a Galicia, pero preferiu non regresar a Chantada para evitar represalias. Instalouse en Ribadavia ,[ 2] onde tiña unha irmá e tiña previsto abrir un bufete.
Vida persoal
Casou con Modesta Cuesta Gutiérrez , de Medina de Rioseco , en 1925,[ 3] e foi pai da escritora Pilar Vázquez Cuesta .
Notas
↑ El Pueblo Gallego , 26-2-1931, p. 6.
↑ La Región , 7-10-1939, p.2.
↑ La Voz de la Verdad , 25-2-1925, p. 2.
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos
Ligazóns externas