Un poema de despedida (辞世の句,jisei no ku?) ou poema de morte é un xénero de poesía desenvolvido nas tradicións literarias do leste asiático, especialmente no Xapón, mais tamén durante certos períodos da historia chinesa e na dinastía Joseon (1392-1897) coreana.[1] Adoitan reflexionar sobre a morte (tanto en xeral como en referencia ao inminente pasamento do seu autor), incluíndo observacións de relevancia sobre a vida. Esta práctica ten a súa orixe no budismo zen, pois baséase no concepto das tres marcas da existencia. Os poemas de morte están asociados coas clases dominantes da sociedade, xa que adoitaban ser compostos por poetas, guerreiros, nobres ou monxes.
China
Zheng Ting
Zheng Ting (finado cara ao 621) foi un político de finais da dinastía Sui (581-618). Executárono por orde de Wang Shichong (567-c. 621) tras dimitir do seu posto de funcionario e ordenarse monxe budista. Segundo a tradición, afrontou a situación sen medo, escribindo un poema de despedida con fortes resonancias budistas:[2]
幻生還幻滅 大幻莫過身 安心自有處 求人無有人
As ilusións emerxen e esvaecen, a meirande ilusión de todas é o noso corpo; cando un corazón en calma atopa o seu lugar, non existe máis corpo que buscar.
Confucio falou da perfecta nobreza. Mencio falou de escoller o noso deber. Só cumprindo o noso deber ao máximo obtemos esa nobreza. Que aprende un ao estudar os clásicos dos sabios? A partir deste intre poderei quizais liberarme da vergoña.
Toda unha vida reducida ao baleiro, a metade da miña carreira semella un soño. Non me preocupa que falten bravos guerreiros tras a miña morte, porque o meu fiel espírito seguirá a protexer Liaodong.
Xia Wanchun
Xia Wanchun (1631-1647) foi un poeta e soldado da dinastía Ming. Faleceu durante as invasións manchús, aos 17 anos de idade. Deixou o seguinte poema de despedida:[5]
三年羈旅客 今日又南冠 無限山河淚 誰言天地寬 已知泉路近 欲別故鄉難 毅魄歸來日 靈旗空際看
Camiño pola senda da guerra dende hai tres anos e agora son un prisioneiro. As bágoas asolagan montañas e ríos, quen diría que o ceo e a terra son vastos? Sei que a miña morte se aproxima, é difícil despedirse do fogar, o día que a miña alma regrese espero ver aos manchús derrotados.
Tan Sitong
Tan Sitong (1865-1898) foi un recoñecido político, pensador e reformista de finais da dinastía Qing (1644-1911). Foi executado aos 33 anos tras o fracaso da reforma dos cen días de 1898. Tan Sitong foi un dos seis cabaleiros da reforma dos cen días, polo que ocupa un lugar senlleiro na historia chinesa moderna.[6]
望門投止思張儉 忍死須臾待杜根 我自橫刀向天笑 去留肝膽兩崑崙
Debería fuxir e esconderme na casa dos amigos? Cavilo sobre Zhang Jian. Até a morte anhelarei unha miríade de Du Gen que se alcen. Deixa que a espada caia sobre o meu pescozo, estou a rir cara o ceo. Deixo tras de min a miña lealdade e a miña xustiza!
Xapón
Durante a era Meiji, o poema de despedida do estudante de secundaria Misao Fujimura (1886-1903) foi moi comentado nos xornais. O célebre novelista Natsume Sōseki (1867-1916), profesor no instituto de Fujimura, reflexionou sobre a morte deste na súa obra Kusamakura (1906).[7]
Yukio Mishima escribiu no Bunka Bōeiron (文化 防衛 論, "A Defensa da Cultura"), que Hirohito debería ter abdicado e asumido a responsabilidade pola perda de vidas na guerra. En 1970, estando en contra da Constitución que despois da guerra perpetuou ao emperador do Xapón no seu cargo, tentou un golpe de Estado que fracasou. Segundo John Nathan, o seu biógrafo, tradutor e amigo, tería creado este escenario só como pretexto para o suicidio ritual co que sempre soñou[8]. No cuartel que asaltou, dixo "A vida humana é finita mais eu gostaría de vivir para sempre"; practicou seppuku e escribiu uns breves versos de despedida:
散るをいとふ
世にも人にも
さきがけて
散るこそ花と
吹く小夜嵐
Chiru o itofu
Yo ni mo hito ni mo
Sakigakete
Chiru ni so hana to
Fuku sayoarashi
Unha pequena treboada nocturna
sopra dicindo 'caer é a esencia dunha flor'
Precedendo aos que dubidan
Corea
Ademais dos monxes budistas coreanos, os eruditos confucianos chamados seonbis escribían ás veces poemas de morte (절명시). Porén, os exemplos máis coñecidos son os escritos ou recitados por personaxes históricos executados por lealdade ao seu antigo rei ou por un complot insidioso. Son, polo tanto, versos improvisados, que a miúdo declaran a súa lealdade ou firmeza. Varios deses exemplos están escritos en coreano sijo (tres liñas de 3-4-3-4 ou a súa variación) ou en formato hanja de cinco sílabas (5-5-5-5 para un total de 20 sílabas) da poesía chinesa antiga (五言詩).
Yi Gae (이개·1417–1456) foi un dos "seis ministros martirizados" executados por conspirar para asasinar o Rei Sejo, quen lle usurpou o trono ao seu sobriño Danjong. Sejo ofreceu perdoar a seis ministros, incluídos Yi Gae e Seong Sam-mun, se se arrepentían do seu crime e aceptaban a súa lexitimidade, pero Yi Gae e todos os demais negáronse. Recitou o seguinte poema na súa cela antes da execución o 8 de xuño de 1456. No seguinte sijo, "Señor" (임) debería lerse "ser querido", o que significa o Rei Danjong neste caso[9].
방안에 혔는 촛불 눌과 이별하엿관대
겉으로 눈물지고 속타는 줄 모르는다.
우리도 천리에 임 이별하고 속타는 듯하여라.
Oh, luz de candeas que alumeas o cuarto, de quen te separaches?
Derramas bágoas por fóra e ardes por dentro, pero ninguén se decata.
Partimos do noso Señor nunha longa viaxe e ardemos coma ti.
Este artigo amosa escritos coreanos. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros.