Jaume Huguet, nado en Valls en 1412 e finado en Barcelona en 1492, foi un pintor gótico catalán. O seu estilo é unha evolución do gótico internacional cara ás innovacións incorporadas dende a pintura flamenga. A súa formación realizouse entre Valencia, Tarragona e Barcelona, mais non se descarta que puidese visitar Sardeña ou Nápoles, que formaban parte da coroa de Aragón. Desenvolveu a súa máxima actividade en Barcelona a partir de 1448, onde creou un obradoiro que practicamente monopolizou a realización de retablos en Cataluña durante a segunda metade do século XV, unha vez mortos Bernat Martorell e Lluís Dalmau. O seu obradoiro estaba formado polos seus discípulos e tamén por membros da familia Vergós con quen mantivo unha estreita relación persoal. Unha parte importante da súa obra perdeuse en revoltas que destruíron as igrexas que contiñan e a maioría do que se conserva son paneis de retablos que estiveron desmontados.
Orixinario dunha familia de tecedores de Valls, á morte do seu pai trasladouse a Tarragona á casa do seu tío Pere Huguet, que era pintor. Cando se trasladan a Barcelona entran en contacto con Bernat Martorell, de xeito que Jaume Huguet coñece as tendencias máis innovadoras da época. Suponse que entre 1440 e 1445 traballou en Zaragoza e, posteriormente, en Tarragona, onde recibiu o influxo do estilo gótico internacional de Lluís Dalmau. Volto a Barcelona, casará en 1454 e a partir de entón comeza o período máis importante da súa obra, na que exhibe un debuxo claro e moi expresivo con fondos dourados e recheos de estuco. Foi presidente do seu gremio entre 1454-1460 e logo entre 1470-1480. Na súa derradeira etapa, as contribucións do seu obradoiro serán superiores ás do mestre, e ademais contará especialmente coa colaboración de diferentes membros da familia Vergós. Logo da súa morte o obradoiro non desapareceu e continuou traballando para acabar os encargos pendentes e aceptando outros novos.
Obra
Retablo de Vallmoll (1445-1450). Consérvase a táboa central Virxe co Neno e anxos, que está no Museo Nacional de Arte de Cataluña e a táboa da Anunciación que se garda no Museo Diocesano de Tarragona.
San Xurxo e a princesa (1459-1460), Museo Nacional de Arte de Cataluña.
Retablo de Sant Agustí dels Blanquers (1465-75), feito por colaboradores do seu obradoiro, pero o contrato estipulaba que Huguet era responsable de pintar as cabezas e as mans [1]. Está hoxe no Museo Nacional de Arte de Cataluña.
Retablo de San Bernardín e o anxo custodio (1462-1475), feito con colaboradores do seu taller. Hoxe está no Museo da Catedral de Barcelona.
Retablo de Santa Ana, San Bartolomeu e Santa Magdalena (1465-1470), para a igrexa de Sant Martí de Pertegàs de Sant Celoni; realizado con colaboradores do seu obradoiro. Figura actualmente no Museo Nacional de Arte de Cataluña.
Notas
↑Anna Sàez e Albert Velasco, Dins el taller de l'artista, Sàpiens, Sàpiens Publicacions, 2007, núm 62, DL B-42425-2002