Jacinda Kate Laurell Ardern, nada en Hamilton o 26 de xullo de 1980, é unha política de Nova Zelandia e a Primeira Ministra do país entre 2017 e 2023. Foi a líder do Partido Laborista de Nova Zelandia dende o 1 de agosto de 2017 ata febreiro de 2023. Elixida por primeira vez como parlamentaria nas eleccións xerais de 2008[1] e deputada por Mount Albert dende o 8 de marzo de 2017, exerceu de Primeira Ministra entre o 26 de outubro de 2017 e o 7 de febreiro de 2023 sendo, con 37 anos, a muller máis nova en asumir tal cargo.[2]
Ideoloxicamente, Ardern descríbese a si mesma como unha socialdemócrata e unha progresista. Como partidaria do movemento obreiro, oponse ós recortes de impostos para as persoas con ingresos altos, apoiados polo Partido Nacional, e defende un estado de benestar que achegue unha rede de seguridade para "aqueles que non poden manterse a si mesmos". Sobre cuestións sociais, Ardern está a prol do matrimonio entre persoas do mesmo sexo, votando a prol do proxecto de lei de igualdade matrimonial en 2013, e apoia a liberalización das leis sobre o aborto.
Foi criada como mormona, pero abandonou a Igrexa no 2005.[3]
En 2008, entrou no Parlamento por Waikato, aínda que non pola circunscrición senón na lista do partido. Nas eleccións de 2011, foi candidata pola circunscrición electoral de Auckland Central contra a deputada do Partido Nacional Nikki Kaye e Denise Roche do Partido Verde. Cun 43,23% dos votos da circunscrición, foi segunda por detrás de Kaye, que obtivo o 45,39% dos votos. Kaye gañou por só 717 votos. De novo, foi elixida para o parlamento pola lista electoral do Partido Laborista, esta vez en décimo terceira posición.
Cando Phil Goff dimitiu como líder do partido e David Shearer foi elixido polos deputados do partido como novo líder, Ardern subiu ao cuarto lugar do partido. Ademais, foi nomeada portavoz de desenvolvemento social dentro do Partido Laborista. Trala dimisión de David Shearer, en decembro de 2016, Ardern presentouse como candidata laborista nas eleccións parciais de febreiro de 2017 e conseguiu o escano por Mount Albert, antigo feudo de Helen Clark.[4] En marzo do mesmo ano, logo da renuncia de Annette King, foi escollida por unanimidade como vicepresidenta do Partido Laborista.[6] O 1 de agosto de 2017, poucos meses antes das eleccións xerais, Ardern asumiu o cargo de líder do Partido Laborista. e en consecuencia converteuse en líder da oposición trala dimisión de Andrew Little tras unhas enquisas que prognosticaban un resultado electoral moi baixo.[7] Na primeira conferencia de prensa tralo seu nomeamento declarou:[7]
"Todo o mundo sabe que veño de aceptar, con pouca antelación, o peor traballo en política, mais tamén dou a benvida a este traballo".
Nas eleccións xerais que tiveron lugar o 23 de setembro de 2017, o Partido Laborista gañou 46 escanos (14 máis que nas anteriores) cun 37% dos votos, poñéndose por detrás do Partido Nacional de Bill English, quen gañou 56 escanos.[8] Malia ese reultado, o 26 de outubro de 2017, converteuse na primeira ministra de Nova Zelandia, despois de que a conservadora Nova Zelandia Primeiro anunciase unha coalición con ela, e se incluíse tamén ao Partido Verde.[3][9] Posteriormente, nas eleccións xerais de 2020, baixo o seu liderado, o Partido Laborista quedou por diante do seu rival tradicional, o Partido Nacional, por primeira vez en doce anos; o Laborismo gañou co 49% dos votos unha maioría absoluta que lle permitiu gobernar en solitario.[10][11]
No 2019, a revista Fortune, escolleuna como a segunda mellor ider mundial entre unha lista de 50.[2]
Renuncia ao cargo
O 19 de xaneiro de 2023 anunciou, por sorpresa, a súa dimisión alegando "esgotamento".[18][19] Indicou que se mantería no cargo ata o 7 de febreiro no o seu sucesor será o ministro de Ensino, Chris Hipkins, tamén laborista.[20] Na rolda de prensa, declarou:[21]
Non o deixo porque sexa difícil, senón que o deixo porque este traballo leva moita responsabilidade e non teño enerxía suficiente para facerlle xustiza.