Järvenpää (en suecoTräskända) é unha cidade de Finlandia, situada na rexión de Uusimaa, ao sur do país. En 2014 tiña 40.106 habitantes.
Xeografía
Järvenpää está situada na rexión de Uusimaa, ao sur de Finlandia, no extremo norte do lago Tuusulanjärvi. Encóntrase 37 km ao norte do centro de Helsinqui, limitando coas cidades de Tuusula, Sipoo e Mäntsälä, se ben hai xente que se refire a Kerava como unha cidade veciña, mesmo a pesar de que ambas cidades non limitan entre si. A cidade forma parte do Gran Helsinqui.
Demografía
A cidade é en gran parte industrial e densamente poboada. Aínda así existen varios parques e áreas protexidas.
Dende 1980 o concello está a experimentar un constante crecemento demográfico:[1]
Järvenpää foi separada da cidade de Tuusula en 1951, constituíndose como un novo concello e conseguindo o status de cidade de mercado (kauppala) despois da separación. Os distritos veciños de Kellokoski e Nummenkylä non foron engadidos ao novo concello, e a controversia sobre o tema continúa 50 anos despois. Actualmente Kellokoski continúa a formar parte de Tuusula. En 1967 foille concedido o status de cidade.
Linguas
A maior parte da poboación de Järvenpää é de fala finesa, mentres que a minoría sueca constitúe menos dun 1 % da poboación do concello, en 2012 a distribución das linguas no concello era a seguinte:[2]
A cidade está a unha distancia de en torno a media hora da capital tomando a valtatie 4 que une Helsinqui e Lahti. Está comunicada por ferrocarril e por estrada á capital e tamén está próxima ao aeroporto de Helsinqui-Vantaa, en torno a 20 minutos. As conexións ferroviarias coa capital son boas e os trens de Uusimaa saen da estación dúas veces cada hora, e doutras estacións cada hora.[3]
Cultura
Järvenpää é frecuentemente coñecida por ser o concello no que se encontra Ainola, a casa do compositor Jean Sibelius. Ainola está situada a uns dous quilómetros do centro da cidade. O compositor mudouse coa súa familia á casa deseñada polo arquitecto Lars Sonck o 24 de setembro de 1904, e Sibelius viviu alí ata a súa morte en 1957. Ainola está aberta para os visitantes nos meses de verán como "museo de Sibelius". A principios do século XX, outros moitos artistas se instalaron na cidade para fuxir das tentacións de Helsinqui.
O escritor e xornalista Juhani Aho mudouse coa súa muller Venny Soldan-Brofeldt o Järvenpää en 1897. Ambos viviron durante 14 anos nunha vila chamada Vårbacka, ao carón da costa do lago Tuusulanjärvi. A vila foi posteriormente chamada Ahola.
Eventos
Os eventos culturais da cidade teñen lugar no Järvenpää-talo ao longo do ano: concertos, teatro e exposicións de arte. O lugar favorito para os nenos é a casa de Pikku-Aino, onde os nenos poden xogar, facer shows, e outras actividades.
Cada ano celébrase na cidade o Puistoblues, un evento musical traducido como "Parque do Blues". A semana do blues comeza coa "Rúa do Blues" do centro da cidade, e os bares e restaurantes acollen concertos e jam-sessions. O principal concerto ten lugar ao final da semana, e ten lugar en Vanhankylänniemi o sábado.