Intermezzo (Op. 72) é unha ópera en 2 actos con música de Richard Strauss e libreto en alemán do propio compositor, descrita como Bürgerliche Komödie mit sinfonischen Zwischenspielen (comedia burguesa con interludios sinfónicos). A súa estrea tivo lugar o 4 de novembro de 1924 na Semperoper de Dresden baixo a dirección de Fritz Busch.
Traxectoria
A ópera estreouse o 4 de novembro de 1924 na Semperoper de Dresden baixo a batuta de Fritz Busch, cun decorado que reproducía a casa de Strauss en Garmisch-Partenkirchen. A súa primeira representación en Viena realizouse en xaneiro de 1927,[1] mentres que a primeira produción profesional nos Estados Unidos non se realizou ata 1984, cando foi representada nunha tradución ao inglés na Santa Fe Opera.[2]
A historia describe de xeito ficticio ao propio Strauss (baixo o nome "Robert Storch") e a súa dona Pauline de Ahna (como "Christine"),[3] e baséase nun incidente da súa vida matrimonial. A temperamental Pauline non coñecía o argumento da ópera ata que asistiu á primeira representación. Cando Lotte Lehmann, a célebre soprano que a estreou, felicitou a Pauline polo marabilloso agasallo que lle fixera o seu home, esta respondeu que lle daba igual.[4] A música máis coñecida desta ópera corresponde aos interludios orquestrais entre escenas.
Hugo von Hofmannsthal, o seu libretista daquela época, negouse a traballar na ópera e suxeriulle a Strauss que escribise el mesmo o libreto; tralo rexeitamento de varios escritores, que encontraban delicado escribir unha historia baseada nun conflito real da parella, o compositor acabou por redactalo. Por esta razón, o libreto está en prosa en lugar de en verso e emprega variantes dialectais nalgúns personaxes.
O título da ópera fai referencia aos Intermezzi, representacións cómicas breves que se intercalaban nos descansos da ópera seria durante o século XVIII e que adoitaban tratar conflitos matrimoniais ou enredos lixeiros.
Esta ópera rara vez se representa na actualidade, aparecendo nas estatísticas de Operabase con só dúas representacións no período 2005-2010.[5]
Personaxes
Argumento
Lugar: Viena e Grundlsee durante o inverno de 1920.
O director de orquestra Robert Storch está a piques de dirixir un concerto unha noite. Christine, a súa dona, séntese pouco apreciada e non lle gusta o feito de que o traballo do seu home o manteña arredado dela todas as tardes. Christine vai a un centro turístico de inverno onde coñece ao Barón Lummer, co que flirtea. O Barón Lummer resulta ser un nobre sen recursos en busca dun empréstito. Nese momento, Christine recibe unha carta aparentemente dirixida ao seu home, e ábrea, descubrindo que é unha carta de amor que lle enviou unha moza, Mitzi Meyer. Christine está furiosa e decide divorciarse de Storch.
Robert e os seus amigos, incluíndo o director Stroh, xogan as cartas unha tarde e falan da personalidade voluble de Christine. Christine envía unha carta a Robert para dicirlle que o abandona. Ela visita a un notario para conseguir o divorcio. No entanto, o notario sospeita que a verdadeira motivación é a súa relación co Barón Lummer. Stroh e Storch finalmente descobren que Mitzi Meyer confundira os seus nomes e que en realidade a carta ía dirixida a Stroh. Christine é informada da confusión e ela e Storch reconcílianse.
Orquestración
A partitura de Strauss require da utilización de:
- 2 frautas (II. tamén piccolo), 2 óboes (II. tamén corno inglés), 2 clarinetes (II. tamén clarinete baixo), 2 fagots
- 3 trompas, 2 trompetas, 2 trombóns, tuba
- Timbais, bombo, tambor, pratos, ferriños
- Arpa, piano, harmonio
- Archi (12.12.8.6.4)
Gravacións
Ano
|
Elenco: Christine Storch, Robert Storch, Anna, Baron Lummer
|
Director, Teatro de ópera e orquestra
|
Selo[6]
|
1963 |
Hanny Steffek, Hermann Prey, Gertrud Freedman, Ferry Gruber |
Joseph Keilberth, Orquestra e Coro da Bayerische Staatsoper |
VHS Video Casete: Lyric Distribution (Legato) Cat: 1818; DVD Video: Legato Classics[7]
|
1980 |
Lucia Popp, Dietrich Fischer-Dieskau, Gabriele Fuchs, Adolf Dallapozza
|
Wolfgang Sawallisch, Symphonieorchester des Bayerischen Rundfunks
|
CD de son: EMI Classics Cat: 7 49337-2
|
1983 |
Felicity Lott, John Pringle, Elizabeth Gale, Ian Caley |
Gustav Kuhn, London Philharmonic Orchestra |
VHS / DVD? Video: Kultur Cat: CVI 2024
|
Notas
- ↑ ""Intermezzo". Time, 27 January 1927". Arquivado dende o orixinal o 28 de febreiro de 2013. Consultado o 28 de febreiro de 2013.
- ↑ Bernard Holland, "Strauss' Intermezzo at Santa Fe Opera". The New York Times, 6 August 1984
- ↑ Griffel, Margaret Ross, Review of Norman Del Mar's Richard Strauss: A Critical Commentary on His Life and Works. Volume 2: Notes (2nd ser.), 27(4), pp. 726-726 (1971)
- ↑ Norman Del Mar, Richard Strauss: A Critical Commentary on His Life and Work, Volume 2. Cornell University Press (Ithaca, New York; 1986), p. 262.
- ↑ "Estatísticas de Operabase". Arquivado dende o orixinal o 14 de maio de 2017. Consultado o 27 de febreiro de 2013.
- ↑ Gravacións de Intermezzo en operadis-opera-discography.org.uk
- ↑ Beth Hart, Reviews of video releases of Intermezzo. The Opera Quarterly, 15(3), pp. 608-612 (1999)
Véxase tamén
Bibliografía
- Del Mar, Norman, Richard Strauss: A Critical Commentary on His Life and Work, Vol. 2. Ithaca, Nova York: Cornell University Press, 1986)
- Holden, Amanda (Ed.), The New Penguin Opera Guide, Nova York: Penguin Putnam, 2001. ISBN 0-14-029312-4
Ligazóns externas