Inés e Bianca é unha ópera en catro actos con música de Marcial del Adalid e libreto en italiano de Achille de Lauzières. Composta en 1878,[1]Inés e Bianca marca o inicio da terceira e última etapa compositiva do compositor coruñés.[2] É considerada a primeira grande ópera galega.
Inés e Bianca foi composta en 1878, nunha época moi produtiva para Marcial del Adalid, aproximadamente catro anos despois do nacemento da súa única filla, María, a quen dedicou moitas das súas últimas obras.[3] Un ano antes da súa composición, en 1877, comezaron a publicarse os seus Cantares viejos y nuevos de Galicia,[4] unha serie de cancións que sería capital no desenvolvemento do xénero da melodía galega ao influenciar os novos compositores galegos que as tomaron como modelo.[5]
Composición
Inés e Bianca está encadrada no último período da súa carreira, composta tan só tres anos antes do seu falecemento, e é unha das obras principais. Este último período, caracterizado polo emprego de elementos do folclore galego, é definido por Laura Touriñán Morandeira como "social-identitaria" ou "territorial-identitaria" en oposición ao termo "nacionalista", ao non existir ningún tipo de vinculación política de Marcial del Adalid nin un interese por construír unha identidade galega a través da música.[6]
As orixes da ópera remóntanse á composición por parte do compositor coruñés dunha zarzuela chamada Pedro Madruga con libreto de Fernando Fulgoso, escritor e membro do corpo de Arquivos e Bibliotecas e estudoso da historia, que quedou inacabada logo da morte de Fulgoso en 1873. Desta zarzuela só se conservan algúns fragmentos, e deles Adalid reutilizou canto menos parte da súa música para a ópera posterior. Ao non dispoñer de libretista, Adalid decidiu encargar un novo libreto a Achilles de Lauzières para escribir unha ópera.[7] Lauzières, quen coñecía ben o xénero,[a] debeu considerar que o traballo co compositor galego podería resultar en éxitos e popularidade.[9] En palabras de Felip Pedrell:[7]
“
Como daquela no Teatro Real de Madrid non se cantaba en castelán, Adalid foise a París e encargou o libreto a Mr. Achilles de Lauzières o cal reformou a primitiva idea ao seu xeito e púxolle por título Inés e Bianca.
”
Estrea
Estaba previsto que a ópera se estreara no Théâtre des Italiens de París en 1878, con todo, a estrea non se chegou celebrar, xa que a compañía dirixida por Leon Escudier atravesaba unha dura crise que acabou por desencadear na súa disolución.[10][11][12]
Esquecemento e recuperación da obra
A partitura da ópera conservouse no arquivo da Real Academia Galega (RAG) ata o ano 1981,[13][b] cando a compositora, pianista, musicóloga e editora Margarita Viso Soto, destacada estudosa da figura de Marcial del Adalid,[15] descubriu a obra,[16] da cal tan só se conservaban algúns fragmentos esquecidos,[2][17] e que non conservaba tres fragmentos e o final, o que levou a pensar que a ópera quedara inacabada.[14]
En 2001, logo dun longo traballo de investigación e análise da ópera realizado por Margarita Viso Soto, a musicóloga e Juan Durán iniciaron o proceso de reconstrución da obra.[16] Ao compositor vigués correspondeulle a reconstrución dos catro fragmentos perdidos da partitura, entre eles o final da obra.[18] A edición da partitura estivo financiada polo Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM).[14]
De acordo con Juan Durán, nesta partitura o compositor coruñés creou unha partitura dentro do modelo romántico da grande ópera cunha obra merecedora de situarse no repertorio á par das grandes óperas do seu tempo.[9] Polas súas características e a súa cronoloxía ten sido considerada a primeira grande ópera galega.[24][25] Amais do feito de ser a primeira ópera galega, hai dous aspectos que fan desta ópera unha composición especial, xa que conta a historia de personaxes galegas e ademais emprega material autóctono do folclore galego.[14]
Estruturalmente Inés e Bianca está dividida en catro actos simétricos que transcorren en interiores e en exteriores, situando á acción e á música "entre o lírico e o épico, cun grande equilibrio e orixinalidade".[9]
No que respecta ás voces, o compositor vigués cualifica os papeis solistas como "verdadeiramente ambiciosos no vocal, de soprano e tenor", mentres que os coros salientan pola súa gran presenza escénica. Acompañados dunha masa orquestral na que as fanfarras adoptan un papel protagonista co emprego de ata seis trompetas.[9]
Argumento
A ópera ten unha temática similar ás das óperas do seu tempo e que estaban a ter éxito en Europa, contando o periplo de dúas irmás logo de nacer foron separadas: unha delas medrou nunha familia aristócrata, mentres que a outra nunha campesiña.[14]
Pérez Fernández, Julián Jesús (coord.). (2009). A ópera Inés e Bianca de Marcial del Adalid. I Xornadas de divulgación do patrimonio musical galego na Universidade da Coruña (Universidade da Coruña). ISBN978-84-9749-367-3.